Imaxe: Ricardo Liniers Siri

domingo, 15 de marzo de 2020

EU QUEDO NA CASA

Queridas familias,
para facer máis levadeiros estes días que temos que permanecer na casa, déixovos algunhas suxestións de actividades que podedes facer cos vosos fillos e fillas. En todo caso, se queredes consultar calquera dúbida, no correo auladeribadumiab@gmail.com estou á vosa disposición.

- Buscar nun calendario que día é, rodealo e nun folio apuntar o día, o tempo que fai e que merenda tocaba. Se coincide que tocaba froita ou bocata de lata e os tomades na casa, podedes apuntalo no Álbum dos Comefroitas e no dos Arroases.

- Falando de bocatas de lata, podedes probar algún que aínda non probárades e crear novas receitas engadindo vexetais (leituga, tomate...). Se algún dos bocatas que tomades está moi rico e queredes compartir a receita, escribídea e mandádea ao correo da aula acompañada dunha foto. Así poderemos colgala no blog.

- Escribir o noso nome, deletrealo, contar as letras e apuntar cantas son. Podemos facer o mesmo cos nomes dos membros da familia ou dos compañeiros e profes do cole.

- Empregar as actividades diarias para facer recontos: á hora de poñer a mesa contar os vasos que fan falta, os pratos, os cubertos... Se temos escaleiras na casa, contalas ao tempo que se suben ou se baixan. Se xogamos ás cartas, repartilas, contar as que tes...

- Ler un conto e despois facer un debuxo do que máis nos gustou. Podemos escribir o título.

- Actividades sorpresa en familia. Nun bote, os adultos meten papeliños onde aparecen actividades para facer en familia. Cada día, cando se poña o calendario, sacamos unha, lémola e poñemos unha hora para facela. Exemplos:ver unha película xuntos, cociñar un biscoito, facer un experimento, escribir un mail a un amigo/familiar, xogos de mesa...) Neste enlace de Estación Bambalina podedes atopar ata 70 ideas.

- Facer unha "Galería de arte" nunha zona da casa, onde podemos ir poñendo os debuxos que fagamos estes días. Ou colgalos con pinzas da roupa nunha corda.

- Xoguetes con material de refugallo (tubos de papel hixiénico, cartóns de leite, tapóns, revistas, xornais, papeis de agasallo...)

facilisimo.com

mamay1000cosasmas.com

mamay1000cosasmas.com

pequeocio.com

- Recortar revistas, xornais ou papeis que teñades na casa para reciclar. En todo momento baixo a supervisión dun adulto. Pódese facer un collage cos recortes.

totnens.cat

- Sempre podemos aproveitar para traballar a autonomía: aprender a atar os cordóns, abotoarnos, vestirnos, ir ao baño (baixar a roupa ben para non manchala, limparnos, subir a roupa de novo e abrocharnos, remangarse antes de lavar as mans e secalas), soar os mocos, limpar a boca, as mans e a mesa cando comemos.

Todo o que fagades e queirades compartilo no blog, mandádeo ao correo da aula. Compartindo ideas tamén axudamos! Un saúdo e moito ánimo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario