Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 31 de xaneiro de 2014

CALENDARIO E RESUMO DE XANEIRO


CUMPLES DE XANEIRO

Estreamos ano e con el novos cumples. Os primeiros en facer a súa tarta no 2014 foron ATENEA, que xa ten 6 anos e RODRIGO, que fixo 4. Vaia dúas tartas que merendamos hoxe! Estaban deliciosas! Parabéns, mociños!!





xoves, 30 de xaneiro de 2014

30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

Un curso máis celebramos no cole o DÍA INTERNACIONAL DA PAZ E DA NON VIOLENCIA. Este ano descubrimos, grazas a Félix, que en Xapón, a grúa de papel é o símbolo da paz. Coñecimos a historia de Sadako Sasaki e as mil grúas de papel, co seu desexo de paz e esperanza.

Podemos probar a facer unha grúa de papel na casa. Este vídeo explicativo pode axudarnos.



Tamén falamos de Nelson Mandela, de canto traballou pola igualdade e do seu premio Nobel da Paz.
E coa axuda das nosas familias escribimos nunha laranxa una frase ou palabra relacionadas coa paz para a laranxeira do mural que pintamos na parede da escola e que nos servirá como punto de partida para coñecer un pouco máis a artista que pintou ese cadro en 1952 para o Congreso dos Pobos pola Paz: Frida Kahlo.

Para nós a paz é: amizade, respecto, amor, un sorriso, o camiño...






mércores, 15 de xaneiro de 2014

CAFÉS DE GATOS

Non podiamos entender como era posible que en Xapón non deixasen ter mascotas nas casas: "pois eu teño un gato", "pois a miña avoa ten dous", "pois eu si que teño cans"... Como hai moita xente á que lle gustan os gatos (neko en xaponés), inventaron os Cafés de gatos. Nestes cafés, nos que tes que pagar por entrar, podes tomar un café, ler, pasar o rato...en compañía de gatos. Hai toda una serie de normas que debes respectar: acariñar os gatos pero non collelos no colo, non molestalos se están a durmir, facerlles fotos sempre sen flash... Tamén teñen un caderno con todas as fichas dos gatos onde podes atopar as súas fotos e datos como a idade, a raza, os seus gustos... A xente xoga cos gatos, acaríñaos, dálles de comer... Logo de ver o vídeo quedamos con ganas de facerlle unha visita ao café dos gatos...

 
 

martes, 14 de xaneiro de 2014

SOPRA NESTE FURADIÑO

Hoxe Zapatocas tíñanos preparado outro conto de Antón Cortizas, ilustrado por Leandro Lamas: Sopra neste furadiño. Con el aprendimos a soprar tan forte como para que un elefante saíse voando coma se fose una pluma; a soprar bicos voadores; a arrefriar a sopa; a soprar cara dentro, como cando bebemos por una palliña... Tanto sopramos que ata secamos a roupa a sopridos, que co tempo que vai, toda axuda é pouca!!
 
 

luns, 13 de xaneiro de 2014

CADERNO DE ACTIVIDADES DOS BOLECHAS

Lembrades o Concurso dos Bolechas no que participamos debuxando o noso cole? Pois os nosos amigos quedaron tan abraiados cos debuxos, que nos mandaron un agasallo: un caderno de actividades para cada un e que nos deu a profe  hoxe antes de marchar!! Moitas grazas, Bolechas!! Adicámosvos a cantinela para botar a sortes que aprendimos hoxe e que nos gustou moito.

venres, 10 de xaneiro de 2014

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2014

 
Mañá, 11 de xaneiro, estreamos o Calendario do libro e da lectura do novo ano 2014. Estamos todos de celebración como usuarios das bibliotecas, de aula e do CRA, da nosa escola. Unha vez máis animámosvos a visitar a biblioteca do Concello de Ribadumia, a facervos socios e a participar nas múltiples actividades de animación á lectura que celebran ao longo do ano.

ARÓN GAÑA UN PREMIO NO CONCURSO DE POSTAIS

O noso compañeiro Arón gañou un premio coa postal da Nadal que debuxou para o Concurso de postais do Concello de Ribadumia. O día da cabalgata de Reis agasallárono con dous libros. Parabéns, Arón!!


xoves, 9 de xaneiro de 2014

O MEU MARABILLOSO SOMBREIRO


Moito nos gustou este conto bilingüe galego-xaponés dun neno que fai un sombreiro cunha folla de xornal e despois busca a quen llo dar como agasallo. Ao final do conto vén un CD con cancións en galego e tamén en xaponés. Nós aproveitamos os selos do Apalpador para decorar o noso sombreiro.
 

 

VOLTAMOS Á ESCOLA E CAMBIAMOS DE ANO: FELIZ 2014!!

 
Xa estamos de volta, estreando un novo ano e co desexo de que este 2014 veña cheo de momentos de felicidade. No cole agardábannos varias sorpresas: un calendario novo, que nos trouxeron Wences e a súa mamá cunha receita para cada mes (moitísimas grazas!!) e una carta do Apalpador con dúas castañas e dous paquetiños. Os maiores que xa saben ler axudaron á profe a ler a carta e despois abrimos os agasallos: puzles, un xogo de pesca, outro de cortar froitas e una chea de selos para estampar. Canto nos gustaron!! Tamén falamos do que nos trouxeran os Reis ou Papá Noel nas nosas casas: tabletas, monopatíns, bonecas...de todo houbo!! O primeiro día de escola logo de tantos de vacacións fíxose un pouco longo pero a ilusión do reencontro cos compañeiros puido co sono. Benvidos ao segundo trimestre do curso e feliz 2014 a todos!