Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 26 de marzo de 2021

martes, 23 de marzo de 2021

O PEIZOQUE ROQUE BUSCA PALABRAS

 Sabedes que temos un niño na camelia do noso patio? Estamos investigando de que paxaro pode ser. Se alguén pode darnos unha pista, que nos avise!


Mentres, na semana da poesía e a tradición oral, coñecimos o Peizoque Roque e a súa familia. Mamá peizoque aniñou entre a chorima dos toxos gardando os seus cinco ovos do vento.




Neste enlace podedes aprender máis sobre os peizoques, tamén chamados paporrubios. E escoitar o seu canto!

Cando naceron, os pequerrechos reclamaban contos e palabras. O peizoque Roque saiu buscar palabras que poder traer ao niño para dicirllas os seus irmáns. Foi preguntando a todos os animais que ía atopando polo monte e recolleu unha chea Axudamos a Roque a aprender máis palabras?













luns, 22 de marzo de 2021

CHEGOU A PRIMAVERA!


Benvida, primavera! Recibimos a nova estación facéndonos unha foto de grupo. Mirade canto medramos desde principio de curso!




OS CARACOIS DE CARLA

 A Carla encántalle buscar caracois cando xoga fóra da casa e quixo compartilo con nós mandando esta foto con eles. Mirade cantos atopou!



MANUEL, REI COMEFROITAS DO MES DE MARZO

 Hoxe Manuel acadou a coroa de Comefroitas do mes de marzo. Apuntádevos a comer san coma el!



mércores, 17 de marzo de 2021

OS ANIMAIS DE FRAGUAS

 Estamos vendo un libro: Os animais de Fraguas, no que aparecen unha chea de animais que podemos encontrar polo monte galego. Hoxe vimos o lagarto. Estes días de sol ás veces aparecen polo muro do patio lagartas pequenas correndo. E falando de lagartos, que canción coñecemos na que apareza un? Pois a Carolina! E puxemos a versión rockeira de Uxía Lambona e a Banda Molona para bailar coma tolos.








INSECTOS

 



Vaia cantidade de insectos que coñecimos grazas a esta canción! "Hay unos animales con superpoderes. No lo vas a creer: son los insectos!"



PEZA A PEZA

 Ao principio custábanos máis pero agora xa o temos dominado. E se o facemos en parella, moito mellor! Alex e Manuel conseguiron facer tres composicións xeniais.





NADARÍN

 



Despois de ler o conto de Nadarín, debuxamos a gran idea que tivo este peixe pequeniño para axudar os seus irmáns.












ADRIANA RAÍÑA COMEFROITAS DO MES DE MARZO

 E a terceira coroa de Comefroitas do mes de marzo vai para...Adriana! Parabéns, mociña!



martes, 16 de marzo de 2021

JUAN, REI COMEFROITAS DO MES DE MARZO

 Juan acadou a coroa Comefroitas do mes de marzo! Parabéns, Juan! 



AUMENTA A FAMILIA NA CASA DE SOFÍA!

 Vaia aventura cos kikos na casa de Sofía! Naceron dous pero un deles estaba moi delicado e houbo que reanimalo e poñelo xunto á cociña para darlle calor. Con tantos coidados recuperouse ben e vaia festa que fixeron! Quixeron compartir con todos unha foto dos kikos pequerrechiños. Benvidos á familia!




E outra boa nova: a familia de ninfas tamén aumentou! Agora teñen a Picachu, un macho, e na casa de Sofía están moi ilusionados coa posibilidade de que críen. Puxéronlles ata un niño! Se hai novidades, estaremos encantados de compartilas.




Onde están os kikos?

OS CARACOIS DE MATEO

 Mateo quixo amosarnos os caracois que atopou xogando fóra e mandou unhas fotos. Seguro que sacaron os cornos ao sol en canto Mateo lles cantou.




mércores, 10 de marzo de 2021

UNICORNIOS DE COLORES

 Hoxe apareceu unha familia de unicornios na nosa escola e encheu de maxia a nosa clase coas súas cores. Puxémoslles nomes, xogamos con eles e debuxámolos. Animais fantásticos que forman parte da fauna do noso maxín.




COMEFROITAS E BOCATAS DE LATA

 Seguimos animándonos a traer froita e bocata de lata algún día da semana para merendar. Hoxe o mono amigo de Jane Goodall estaba encantado co plátano que trouxo Manuel.



ALICIA RAÍÑA COMEFROITAS DO MES DE MARZO

 Aínda non pasou nin medio mes e Alicia xa acadou a coroa de Comefroitas de marzo. Parabéns, mociña! 



OS NOSOS MANTEIS DO CALDO DE GLORIA

 A Casa de Rosalía vén de mandarnos os manteis do Caldo de Gloria despois de que lles comentamos que estabamos participando na súa proposta de facer o caldiño para celebrar o Día de Rosalía. No cole plastificámolos para que se lles poida pasar un pano e limpalos despois de comer e así reutilizalos. Seguro que todo o que comamos neste manteliño ha de saber a Gloria! Bo proveito!



martes, 9 de marzo de 2021

COÑECENDO A JANE GOODALL



Jane Goodall foi unha nena que naceu en Inglaterra e á que desde pequena lle gustaban moito os animais. O seu pai tróuxolle un día un peluche moi grande dun mono que se convertiu no seu xoguete preferido e ao que lle chamou Jubilee. Cando tiña 4 anos e medio descubriu como as galiñas poñían os ovos. Aquel día emocionouse moitísimo. Acababa de nacer unha pequena científica! Jane tiña un can ao que quería moito. Xogaba con el, paseaba... Ela estaba convencida de que o seu can podía sentir ledicia ou tristura. A xente dicíalle que iso non era posible.

Jane era unha grande lectora. Os seus libros preferidos eran Tarzán de los monos e as historias do Dr. Dolittle. Os libros de animais fascinábana.

Jane quería estudar pero a súa familia non tiña cartos. Así que decidiu que viaxaría a África a estudar os animais. Daquela, a unha muller non a deixaban viaxar soa. A súa nai, que sempre a apoiara en todas as súas aventuras, decidiu acompañala. En Kenia coñeceu ao doutor Louis Leakey, quen lle propuxo ir a Tanzania a estudar o comportamento dos chimpancés. E que fixo Jane? Marchou a Tanzania e alí comezou a aventura da súa vida. Cuns prismáticos, unha libreta e un lapis, comezou a observar os chimpancés. Púxolles ata nomes. Fixo moitos descubrimentos: os chimpancés podían sentir emocións, coidábanse uns aos outros e empregaban ferramentas para obter comida. Voltou a Europa para contar o que descubrira e ríronse dela. Voltou a Tanzania cun cámara de National Geographic para rexistrar todo o que ela descubrira e mostrarllo ao mundo enteiro. Cando voltou, estaban destruíndo o hábitat dos chimpancés. Jane comezou a súa loita pola defensa dos chimpancés e o coidado do medio natural. Hoxe, con case 87 anos non deixa de viaxar e defender a súa causa.

Jane é primatóloga, etóloga, pacifista, naturalista e muller. Viaxa sempre co seu mono de peluche o Sr. H e ten un colar coa silueta de África colgado do pescozo e pretiño do corazón.





Na primeira parte do vídeo Jane Goodall explica o que ocurriu o día que descubriu como as galiñas poñen un ovo. Ese día naceu unha pequena científica. Ser curiosa, facer preguntas, non ter a resposta correcta, propoñerte averigualo por ti mesma, cometer un erro. Pero non renderte e aprender a ser paciente. Todos os elementos estaban aí. E tamén algo fundamental: unha nai que a escoitaba, que a apoiaba e a animaba sempre a traballar, a esforzarse e a seguir aprendendo.


luns, 8 de marzo de 2021

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

 Comezamos a semana cun conto que nos fala da superheroína favorita de Max: MEGAPOWER! Con superpoderes incribles: capaz de rescatar a calquera que se atope nun apuro, descifrar códigos segredos, voar a lugares fantásticos... MEGAPOWER é a súper mamá de Max.





E falando de mamás e de mulleres, cadaquén contou cales son as mulleres da súa vida, as que están sempre ao noso lado, as que nos queren e coidan. E sabedes o mellor? Que descubrimos que tamén teñen superpoderes. Hai mamás que transforman nobelos de la en bonecos, mantas ou chaquetas. Tías co superpoder de elixir unha película que nos encanta e organizar a mellor festa de pixamas do mundo. Tías co superpoder de facer peinados cos que vimos á escola sentíndonos as máis guapas. Avoas co superpoder de cociñar a comida máis saborosa do mundo ou de coser o meu boneco preferido ao que se lle descoseu o pescozo. Irmás co superpoder de ler, escribir e debuxar como a mellor das artistas. 

Pero o superpoder máis comentado, o máis repetido, foi o de dar apertas e bicos. Apertas e bicos que reconfortan, que curan, que quentan o corazón. Canta falta nos fan e que sorte poder telos sempre que os necesitamos!

Hoxe, oito de marzo, a nosa homenaxe vai para vós: as mulleres das nosas vidas!















As mulleres que levamos no corazón


Tamén recibimos as chapas que fixo o Concello de Ribadumia coas frases que enviamos as nenas e nenos do noso cole e tamén do CPI Julia Becerra Malvar. Repartímolas e limos as frases. Todas diferentes pero con algo en común: as mulleres.