Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 30 de maio de 2014

CUMPLES DE MAIO, MANGO E LIMAS



Hoxe celebramos os cumples do mes de maio. Arón fixo seis e Wences máis Iria fixeron cinco. Entre os tres fixeron unha saborosa e enorme (estreamos molde novo) tarta para convidarnos. Logo viñeron as lambetadas e grazas a Adrián e a súa mamá puidemos probar mango (que veu en avión desde a República Dominicana, como puidemos ver na pegatina). Tamén trouxeron limas, que son moi semellantes aos limóns, pero aínda non as abrimos. Parabéns, mociños! E boa fin de semana!






xoves, 29 de maio de 2014

A CASA DO QUEIXO

A vindeira semana faremos a saída de fin de curso á Casa do Queixo. Na súa páxina web podedes atopar información sobre as actividades, as instalacións, a contorna... Picade na imaxe para visitala.


Lembrade que:

- A saída realizarase o vindeiro mércores 4 de xuño. Saímos de Leiro ás 9:00 (hai que ser moi puntual) e voltamos tamén a Leiro ao redor das 18:30.

- Hai que levar posta crema protectora e zapatillas deportivas pechadas de velcro (NON cordóns, NON sandalias)

- Na mochila levarán unha muda (toda a roupa irá marcada co nome, vale nas etiquetas con bolígrafo): roupa interior, un pantalón longo, unha camiseta, un xersei, un impermeable/cazadora/abrigo (en función do tempo atmosférico), unha gorra.

- O día da saída cada neno entregará á titora a Tarxeta Sanitaria orixinal, que será devolta ese mesmo día cando recollades os nenos.

- Non levarán nada de comer nin de beber.

- Se o neno é alérxico a algo: alimento, animal...deberedes comunicalo con antelación para tomar as medidas oportunas.

- Debido a que a viaxe no autobús ten unha duración bastante longa (1h e media), os nenos que sexan propensos a marearse deberán tomar medidas contra o mareo (preguntade na farmacia ou no pediatra: chicles, pulseiras...)

Se tedes algunha dúbida, consultade á titora.

O RECUNCHO DO CARIBE MEDRA...




Rodrigo amosounos unha maraca que lle trouxo a súa irmá de Cuba. Non sabedes que bonita!! E que ben toca!! E Lucía trouxo un anaquiño do Caribe que fixo na casa coa axuda da súa nai e do seu pai. Con Félix e un amiguiño seu, un oso que se chama Sakura (será xaponés?) Lucía explicounos todo o que necesitaran: unha caixa, pinturas, papeis de cores, unha planta para facer a palmeira... e ir á praia coller cunchas e area! Xa que non podemos ir nós ao Caribe... o Caribe vén a nós! Moitas grazas polo voso traballo e a vosa colaboración... quedamos abraiados!!


mércores, 28 de maio de 2014

COCOS



Adrián e Uxía trouxeron estes días dous cocos para o recuncho do Caribe e hoxe despois da merenda abrímolos e puidemos probalos. Vimos que para poder partir a casca necesitamos un martelo porque é de madeira e moi dura! Despois hai que separar a casca da carne (que é branca!) e se o facemos con coidadiño, botamos a auga de coco nun vaso e podemos bebela. Tamén a cheiramos e algún dixo que cheiraba a iogur, outros a arroz con leite, outros a leite... Houbo quen non quixo nin probar, outros probamos e gustounos, a outros non lles gustou nada...

O mellor foi cando escribimos as letras de Caribe nos anacos de casca do coco e as colgamos no mural. Que chulada!!






xoves, 22 de maio de 2014

PREPARANDO FIN DE CURSO



Achégase o final de curso e temos moito que preparar. Hoxe tocoulles ás portadas dos traballos, que desta volta van pintadas con acuarelas. E tamén traballamos as series grazas aos colares que cada un ten que facer para o baile de fin de curso: palliña, flor, palliña, flor... Ollo, que non valen dúas palliñas seguidas ou catro flores xuntas!! Ao final saíron pero houbo que concentrarse moito para facelo ben...



mércores, 21 de maio de 2014

A INFANCIA DE FRIDA KAHLO


Xa coñecemos como se chamaban os pais e as irmás de Frida Kahlo pero o que máis nos chamou a atención de cando Frida era pequena foi que aos 6 anos enfermou de polio e tivo que estar na cama porque as súas pernas non tiñan forza. O seu pai animouna a practicar deportes que a axudaran a fortalecer os seus músculos: fútbol, natación e loita, e pouco a pouco foise poñendo mellor. Moitos de nós xogamos á pelota e imos á piscina a nadar cada semana, por iso estamos tan fortes!

Tamén coloreamos con rotuladores fluorescentes (que nos encantaaaaaron) un autorretrato de Frida e puxémoslle flores no pelo, como lle gustaba facer a ela.


A CARTA DE FÉLIX DESDE O CARIBE



A carta de Félix traía un agasallo: A lingua segreda dos banderíns! Arón contounos que na lancha de seu pai ten unha pegatina igual que a que mandou Félix, con todas as letras e os banderíns. Nós buscamos cada un a inicial do noso nome e coloreamos a nosa bandeira. Ademais, a carta fala de cocos, palmeiras, animais mariños... Teremos que seguir investigando a ver canto aprendemos deste lugar paradisíaco!







UNHA ILLA DO CARIBE CON FROITAS

Hoxe fixemos un obradoiro de cociña á hora da merenda. En grupos de catro, con anacos de plátano, mazá, kiwi, mandarina, uva e laranxa, compuxemos a nosa propia illa do Caribe e despois merendámola. Saborosa e nutritiva a merenda de hoxe!!






martes, 20 de maio de 2014

RECUNCHO DO CARIBE

Xa están chegando das nosas casas obxectos relacionados co Caribe: un ventilador para levar mellor a calor, un coco tallado con forma de pirata, un cubo cunha illa e unhas tartarugas que pon Jamaica e un recipiente de bambú con letras e debuxos... con cana para beber incluída.  Mirade cantas cousiñas!


xoves, 15 de maio de 2014

DÍA DE SOL...E FOTO!


A PROFE ROSANA TRÁENOS... UN E-MAIL DESDE O CARIBE!!



Incrible pero certo! Hoxe a profe Rosana tróuxonos unha sorpresa en forma de correo electrónico. O noso Félix modernizouse desta volta e decidiu enviarnos novas desde o Caribe para a clase de música  nunha "carta polo ordenador". A carta traía unha foto de Félix nunha hamaca, colgado dun coco sobre o azul do Mar Caribe, que nos deu moooooita envexa. E ademais unha canción moi divertida que xa estamos cantando e bailando coa profe Rosana. Queredes coñecela? Aquí vola deixamos. Gambas e caranguexos...a bailaaaaar!!!!



martes, 13 de maio de 2014

LETRAS GALEGAS 2014: XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas e este ano o autor homenaxeado é o poeta Xosé María Díaz Castro. No cole estamos coñecendo a vida e a obra deste autor axudados polo material que cada ano elabora o Seminario Galán. O LIM co conto da súa biografía e as actividades para traballar na pizarra dixital estanos dando moito xogo. Picade na imaxe se queredes acceder a estes recursos desde a casa.


Tamén hoxe en Leiro descubrimos, grazas a María, unha nena da escola de Leiro, que unha cadea de supermercados fixo unhas bolsas para a compra na que aparecen versos dos poemas de Díaz Castro. María recortou a bolsa e no cole, no libro NIMBOS, escrito polo poeta homenaxeado, atopamos o poema completo, que se titula Coma un río.




Anxo e Adrián trouxéronnos máis bolsas do súper con poemas de Xosé María Díaz Castro.

Xosé María Díaz Castro escribiu un libro de poemas: NIMBOS. O poema máis famoso deste libro é PENÉLOPE, musicado no vídeo por Fuxan os Ventos.








venres, 9 de maio de 2014

FESTA DOS MAIOS 2014

Esta mañá celebramos en Leiro a festa dos Maios. Nun día soleado e caloroso preparamos o maio coa axuda da profe Ángeles e da profe Ana, que fixeron a parte máis laboriosa (moitas grazas polo voso traballo, profes!!). Cadenetas de flores mesturadas con contos e coroas tamén de flores para o cabelo foron os obradoiros desenvolvidos durante a mañá, cun descansiño para merendar os biscoitos, tortas e bocatas cos que nos convidaron os nenos e nenas de cinco anos. A parte final da mañá, xa co maio adornado e colocado á sombra do carballo foi a mellor. Animados coas cancións do grupo Alecrín, que con tanto agarimo as prepara cada ano para cantar con nós, cantamos e bailamos A Carrasquiña, O Pirimpinpín, A saia da Carolina, A Rianxeira... e acabamos cantándolle ao maio: "Levántate maio, que tanto durmiches, pasou o inverno, e non o sentiches...". Aquí vos deixamos as fotos!






mércores, 7 de maio de 2014

PREPARANDO OS MAIOS

Ao longo desta semana estamos ensaiando as cancións para cantarlle ao noso maio o vindeiro venres, día da festa. Os maiores lembrándoas e aprendéndollas aos máis pequenos. Deixámosvos o vídeo coa canción do Xogo da Carrasquiña, que bailamos xa fenomenal.


FÉLIX NO CARIBE

Canso do frío do Polo Norte, Félix colleu un barco e puxo rumbo ao Mar Caribe: illas e praias paradisíacas, cocos, mergullo... Xa estamos preparados para unha nova aventura, esta vez con bo tempo!! Sol, soliño...







COMPARTINDO EXPERIENCIAS



Á volta da ponte do primeiro de maio, Rodrigo tiña moitas ganas de compartir con nós a súa viaxe a Madrid e que mellor maneira que contándonos a todos a visita coa súa familia ao Zoo. Trouxo ademais unha foto que fixeron co golfiño do acuario. E falounos de xirafas, tigres, osos pandas e pardos, koalas e mesmo ornitorrincos! 



martes, 6 de maio de 2014

O SABICHÓN E OS BOLECHAS





No AUDITORIO MUNICIPAL DE RIBADUMIA, o vindeiro sábado temos a oportunidade de pasar a tarde cos Bolechas. Non volo perdades!!



Sábado 10 de maio, as 19:00 horas "O SABICHÓN E
OS BOLECHAS". O programa Falaredes da Xunta de
Galicia trae este teatro-concurso para os máis 
pequenos e as súas familias. Entrada libre.