Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 29 de maio de 2020

XOGOS PARA O BO TEMPO

Levamos uns días que o bo tempo acompaña. As ganas de xogar e de saír son moitas. E tamén de refrescarse! Imos á praia, bañámonos na piscina...

Hoxe imos coñecer varios xogos de auga alternativos aos típicos con globos. Así evitamos contribuír ao aumento de microplásticos e ao perigo de asfixia que poden producir os anaquiños resultantes despois de explotar. Picade na imaxe para acceder (a foto pertence a esta páxina: 15 maravillosas fotografías de niños jugando por todo el mundo)



E para as que sodes máis de ir á praia, aquí podedes atopar unha lista de 70 actividades para facer na praia con recursos naturais. Picando na imaxe tedes a lista en formato pdf.



Xa sabedes que podedes compartir calquera idea, foto, actividade... que fagades. Feliz fin de semana!

xoves, 28 de maio de 2020

FELIZ CUMPLE, ALICIA!!

Hoxe é o cumple da nosa amiguiña Alicia. Xa fai 4! E estivemos preparándolle unha sorpresa para felicitala e dicirlle canto a queremos. Parabéns, Alicia! Que pases un moi feliz día de cumple!


A profe Lupe tamén ten unha sorpresa para Alicia no seu blog! Picade aquí para descubrila.

Alicia mándanos un vídeo! 



mércores, 27 de maio de 2020

A LENDA DOS ATRAPASOÑOS

Ás veces aparecen medos ou pesadelos que non nos deixan durmir. Para espantalos e quedar só cos soños bos, hoxe imos aprender a facer un atrapasoños  A súa orixe remóntase ás tribos indias americanas. Queredes coñecer esta fermosa lenda? Picade na imaxe.

A lenda dos atrapasoños


martes, 26 de maio de 2020

DIEZ ARDILLAS



Despois de escoitar o conto cantado Diez ardillas, pertencente á Colección La cereza da Editorial Combel, imos escribir os números do 1 ao 10 en papeliños e buscar pola casa obxectos que se repitan tantas veces como indica o número da tarxeta. Contade ben, non vos vaiades despistar! Que atopáchedes? 




luns, 25 de maio de 2020

UNHA SOPIÑA PARA COMEZAR A SEMANA


Comezamos unha nova semana cunha canción para bailar e xogar: Que é o que ten a sopa do nené?, incluída no libro-disco-DVD "María Fumaça" (Editorial Galaxia. Colección Sonárbore. 2012).
Que vos pareceu esa sopa tan disparatada da que fala a canción? Aquí podedes atopar actividades sobre a canción. 

Agora imos facer unha sopa cos nosos nomes. Picade aquí e buscade a sopa de letras do voso nome ou da amiguiña ou amiguiño da clase que queirades. Máis difícil aínda?: picade aquí e atoparedes a sopa onde buscar todos os nomes da clase.
E se o que queredes é crear a vosa propia sopa de letras con palabras que vos gusten, picade aquí.


venres, 22 de maio de 2020

COCIÑANDO CON ARTE: CÍRCULOS



No libro La cocina de dibujos, de Hervé Tullet podemos atopar receitas moi artísticas. Para elaboralas só necesitamos cores e a nosa imaxinación. Imos comezar con algo lixeiro: Ensalada rápida de círculos. Tedes todo listo? As mans ben lavadas? Comezamos! Necesitaremos a axuda dun chef que saiba ler para que nos vaia lendo en alto a receita. Podedes imprimir o prato para crear a receita e escribir o voso nome e o título da receita.
 Que tal quedou a ensalada? Seguro que ten unha pinta deliciosa! 







Quedáchedes con fame? Animádesvos a facer esta mesma receita para merendar? Un adiviña comefroitas con círculos! Hai que buscar a maneira de que todas as froitas que aparezan no prato teñan forma de círculo. Para iso necesitaremos a axuda dun chef adulto que corte as froitas en círculos. Podemos cortar un plátano en círculos? E unha laranxa? E unha uva? Despois de telas todas cortadas temos que emplatalas e cando as teñamos listas... papalas!

Mandades foto da receita artística e do comefroitas de círculos para compartir?

xoves, 21 de maio de 2020

O PEIXE CANTANTE DE JOAN MIRÓ


Detalle dos pinceis e outros materiais
no estudio de Joan Miró en Palma
F. CATALÀ-ROCA



Hoxe imos coñecer un cadro de Miró que se titula O peixe cantando. Pero antes de velo imos imaxinalo despois de escoitar o título. E imos debuxar o que nos suxire. Como pintariades vós un peixe cantando? Ao mellor nun escenario no fondo do mar, cun micrófono, con máis peixes tocando instrumentos musicais e outros bailando ao redor... Xa o tedes? Pois agora picade aquí para ver como o pintou Miró. Parécese ao voso?

Agora vén a parte musical. Que canción pensades vós que pode estar cantando un peixe? Cal credes que lle pode gustar? Imos pensar nunha canción e buscala en youtube a ver se aparece. 

Non vos esquezades de mandar xunto coa foto do voso peixe cantando, o enlace á canción que elixíchedes para facer unha Lista de cancións para peixes cantantes.

E falando de peixes, como vai o voso álbum de bocatas de lata? Seguides coméndoos como cando os traiades ao cole? Ou ao mellor agora na casa comedes as conservas de peixe en ensaladas, empanadas... Seguro que aos Arroases failles ilusión ver as vosas fotos!


BIBLIOTECA VIRTUAL

Maestro de palabras comparte a súa biblioteca dixital na que podedes atopar libros para ler e libros contados. Picade na foto para acceder e despois no libro que queirades abrir.


mércores, 20 de maio de 2020

CONCURSO DE POESÍA LETRAS GALEGAS CONCELLO DE RIBADUMIA

O Concello de Ribadumia ten aberto o prazo ata o 31 de maio para participar no concurso de poesía con motivo do Día das Letras Galegas 2020. E como a moitos de vós gústavos xogar coas rimas, que vos parece se vos animades a participar? Hai categorías para que participedes todos os membros da familia, desde os máis pequeniños ata os avós e avoas. Podedes ler as bases picando aquí.

No vídeo, Cristina Corral explícanos como facer Haikus, pequenos poemiñas xaponeses, no seu obradoiro de poesía do Salón do Libro virtual. Parecen sinxelos, pero teñen que cumplir unhas normas. Queredes saber cales son? 


martes, 19 de maio de 2020

SUMAMOS?




Hoxe imos aprender a facer unha máquina de sumar con material de refugallo. O vídeo pode axudarvos e neste enlace explícano tamén moi ben. Hai moitas formas diferentes, máis ou menos complicadas. Elixide a que mellor vos vaia co material que teñades a man.
Cando a teñamos lista, temos que probala: imos facer sumas con tapóns, botóns, macarróns... Podemos inventar problemas para sumar en familia: Se mamá ten 4 tapóns e eu 5, cantos teremos os dous xuntos? Se eu teño 3 caramelos e papá dáme 2 máis, cantos caramelos teño agora?
Tamén podemos facer tarxetas con sumas sinxelas por un lado e tarxetas cos resultados por outro lado. Imos resolvendo cada suma coa máquina e poñéndolle o resultado correcto ao lado.

En Educaplanet teñen un póster da suma que podedes descargar neste enlace e se despois queredes practicar por escrito, podedes imprimir sumas en recta numérica, sumas con dominó, número con dado


luns, 18 de maio de 2020

IMOS DE PASEO, SI, SI, SI!

O pasado 28 de abril celebrouse o Día da Educación Física na Rúa. Para celebralo, xurdiu o movemento colaborativo Imos de paseo con propostas de paseos xogados que se foron recollendo nun documento colaborativo ao que podedes acceder picando na imaxe.



A hora do paseo converteuse no momento máis desexado do día. Poder saír da casa, camiñar, correr, respirar, xogar ao aire libre é fantástico. O documento Imos de paseo fai propostas moi variadas para o momento de saír. Déixovos algunhas que me gustaron especialmente:

10. Persegue pompas de xabrón.

14. Escribe nun papel cinco obxectos que atopes na rúa. Tamén podes sacarlles fotos! Inventa unha historia con eles.

20. Xoga coas matrículas. Atopa algunha cun número repetido, ou que teña o número dos teus anos, ou a inicial do teu nome.

21. Toca ou dálle unha aperta a unha árbore.

42. Debuxa un arco da vella na area da praia cunha mensaxe de esperanza.

52. Mira as nubes e atopa formas.

Hai 60 propostas ás que podemos sumarnos e tamén engadir as nosas. Eu vou engadir a 61. Animádesvos a seguir a lista?

Proposta 61: A caixa de tesouros. Cando vaias á praia ou ao campo, fíxate ben nos tesouros que tes ao teu redor e vai recollendo pedriñas de diferentes tamaños, pauciños, piñas, sementes, cunchas... Mira para que podes empregalos: xogos con cunchas, xogos con elementos naturais. Que máis se vos ocorre?



Mateo xogando na praia

Carla coa mochila
chea de tesouros



domingo, 17 de maio de 2020

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!



Picade na imaxe e levaravos ao vídeo que fixo a profe Lupe para celebrar este día con vós.
Moitas grazas por participar!

venres, 15 de maio de 2020

GRAZAS, FAMILIAS

Hoxe día 15 de maio, celébrase o Día Internacional das Familias.


E queremos compartir con vós un conto moi especial que homenaxea a todas as familias: UN PUÑADO DE BOTONES. Porque hai moitos tipos de familias e cada unha é diferente pero en todas hai algo común: quérense.
Mirade o vídeo e ao acabar ide pola caixa da costura e buscade botóns para debuxar a vosa familia con eles. Cantos botóns necesitades? Quen vai ser cada botón? Aquí podedes imprimir unha casiña pero tamén podedes empregar un folio en branco.



E para as familias máis musiqueiras, deixámosvos este poema de Marisa Alonso Santamaría para que lle poñades música e o transformedes nunha canción.

Porque nos queremos,
porque nos cuidamos,
porque estamos juntos
nada es complicado.

Porque con un beso,
con una mirada,
todo pasa a ser
un cuento de hadas.

Porque si estamos juntos
entre todos formamos
este pequeño mundo
que "familia" llamamos.


xoves, 14 de maio de 2020

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: RICARDO CARVALHO CALERO-ROSALÍA DE CASTRO


Lembrades quen era a escritora favorita de Ricardo Carvalho Calero? Pois si! ROSALÍA DE CASTRO! Ricardo escribiu un libro titulado Estudos Rosalianos, onde estudou aspectos da vida e obra da nosa escritora máis universal.



Imos contarlle a Ricardo dúas novas que trouxo o ano 2020, relacionadas con Rosalía, que seguro que lle faría moita ilusión saber:

NOTICIA 1

O ano 2020 puxo a Rosalía de Castro no ceo, dándolle o seu nome a unha estrela e ao seu exoplaneta o do Río Sar.



Río Sar

Rosalía de Castro
A Nasa ten unha chea de láminas para colorear que podedes descargar picando aquí. E neste enlace de tilve.gal, hai traducidas ao galego as láminas dos exoplanetas.


NOTICIA 2 

O pasado mes de abril, o aeroporto de Lavacolla pasou a chamarse oficialmente Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro. Como é algo moi recente, seguro que aínda non teñen o nome posto no aeroporto. Animádesvos a facer o deseño do cartel co nome novo? Podemos debuxar tamén avións, a torre de control, xente coa maleta preparada para ir de viaxe, a Rosalía de Castro...













mércores, 13 de maio de 2020

JOEL E O SEU PUZZLE

A avoa de Joel mandoulle un puzzle desde Asturias. Un puzzle chulísimo do espazo e dos planetas que ten... 200 PEZAS!! E xa o ten rematado! Impresionante, Joel! A avoa debeu quedar coa boca aberta...




Neste enlace hai puzzles para facer online (podedes elixir por tema, número de pezas, con/sen rotación...)

ADIVIÑA COMEFROITAS

Chega un novo Comefroitas de Marta! Dinos que é un comefroitas especial que sempre fan na casa. Unha macedonia na que cortan as froitas en cachiños moi pequenos, engaden zume doutra froita, azucre ao gusto, remexen e... a comer! Temos que adiviñar 3 froitas. Quen se anima a mandar a resposta?

Comefroitas # 8 de Marta (3 froitas)

Macedonia de Marta

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: A ALBORADA DAS PITAS




Hoxe temos o inmenso pracer de coñecer A banda das pitas, que xunta a unha serie de amigos da música para ambientar a representación dramática da obra de Carvalho así como para formar parte das actividades da Unidade Didáctica orixinal.



A canción fala do momento da alborada, cando está a saír o sol e comezan a cantar os paxariños e o galo. Hai que espertar!  Só nos fai falta un bico de alguén que nos quere moitísimo para espertar. Xa arrecende o almorzo a mel e a torradas! E despois a xogar! Na terra, baixo as árbores, en contacto coa natureza, ceibo. Pitas, galo, gato, pardal, grilos e bolboretas. O día xa está aquí!

Como vos erguedes vós? Gústavos madrugar ou preferides quedar na cama a gustiño e teñen que ir espertarvos? Un bo almorzo seguro que anima! Almorzades en pixama? En familia? Que almorzades cada mañá? Pan, leite, froita... Imos facer unha lista con todo o que almorzades. Os Comefroitas están desexando sabelo porque o almorzo é unha das comidas máis importantes do día. Necesitamos ter enerxía para xogar, saltar, ir de paseo... Mandádesnos unha foto almorzando?

Tedes galiñas e galos? Escoitádelos cantar desde a casa? Hai galos moi madrugadores e moi cantaríns como o da canción.
Carla mandou fotos dándolles de comer ás galiñas. Se vós tamén tedes, podedes mandalas.

Carla e as galiñas

Carla e as galiñas


O Galo, de Joan Miró

O Galo de Marta.
Que colorido!



Sabedes que Joan Miró ten un cadro dun galo moi colorido? Podedes tentar debuxalo vós (hai un vídeo que vos pode axudar ao final da entrada) ou colorear o de Joan Miró.










martes, 12 de maio de 2020

I CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS FEIRACO 2020


Con motivo das Letras Galegas 2020, Feiraco organiza en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Língüística, o I Certame infantil de Artes PLásticas. Picade na imaxe para ler máis información e as bases legais.

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: AS PITAS BAIXO A CHOIVA



 Hoxe imos coñecer o conto As pitas baixo a choiva, de RICARDO CARVALHO CALERO. É un relato breve que narra un feito anecdótico da infancia do autor. O neno descobre, desde a fiestra da casa, que as pitas estanse a mollar e téntaas facer entrar no galiñeiro. Elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos.

No vídeo podedes ver unha versión máis sinxela da historia que fixeron no CEIP Vilaverde-Mourente. O orixinal, publicado en Edicións Embora, podedes lelo picando na imaxe da cuberta do libro.


O Seminario Galán fixo propostas por idades para imprimir. Picade en cada idade para abrir os documentos.





E tamén podedes xogar coas actividades LIM que elaboraron por idades. Abre no ordenador executando Adobe Flash Player.




E para facer en familia, tedes este Scape Room de Alba Carril Casanova do CPI de Vedra.




luns, 11 de maio de 2020

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: TORRES DE LIBROS EN GALEGO

Comezamos unha nova semana cunha tarefa especial: celebrar o Día das Letras Galegas, que será o vindeiro domingo 17 de maio. Xa sabedes que a profe Lupe está preparando un vídeo e necesita a colaboración de todas. Seguro que xa o tedes pensado! Non vos esquezades!




Pero antes de nada, sabedes quen é a persoa homenaxeada este ano 2020? Pois este home que sae na foto. Hoxe imos coñecer un pouco máis a súa biografía (resumo do material de http://primaveradasletras.gal/ , da Real Academia Galega):


O seu nome é RICARDO CARBALLO CALERO. Naceu en Ferrol aló polo ano 1910. O seu pai chamábase Gabriel e a súa nai María Dolores. Desde ben pequeno andaba sempre entre libros, cines e teatros. 




Ademais de xornais, na casa había algo pouco habitual naquela época: libros en galego. Seguro que vós tamén tedes na casa libros en galego, non si? Imos buscalos e mandar unha foto poñéndoos nunha torre con vós ao lado. Por onde vos chega? Cantos libros ten?




Ferrol é unha vila cunha gran tradición mariña. Na aldea onde pasaba os veráns, subía ao curuto máis alto para ver o mar, os barcos, os estaleiros... e soñaba con ser un distinguido mariño que navegaba por todos os mares do mundo. Carballo Calero escribe poemas e obras de teatro desde neno e esa paixón polas letras vaille gañar o pulso á de ser mariño.

En 1926, cando aínda lle faltaban unhas semanas para facer os dezaseis, chegou á Universidade de Santiago de Compostela. Era un estudante moi brillante que fixo dúas carreiras, unha detrás da outra: a de Dereito e a de Filosofía e Letras, a súa verdadeira vocación.

En 1933 casa con María Ignacia Ramos, coa que terá dúas fillas: Margarida e Victoria. 

En 1936 desátase unha guerra civil. Ricardo, que se atopa en Madrid preparándose para ser profesor de instituto. 

En 1939 o bando republicano perde a guerra e Ricardo Carballo Calero entra na cadea en Cádiz, na que pasa dous anos. 

En 1941 volta a Ferrol coa súa familia e, vetado no ensino público, exerce como profesor en centro privados da cidade durante varios anos.




En 1950 deixa Ferrol e trasládase coa familia a Lugo para traballar no colexio Fingoi. Aquel centro tiña aspectos moi innovadores, nada habituais na época, entre eles a educación mixta. É dicir, permitía que nenos e nenas compartisen aula. Como na nosa escola, que hai nenos e nenas. Fronte ao resto das escolas onde os castigos eran habituais, alí as normas eran ben diferentes. Entre outras actividades, Carballo Calero impulsou un grupo de teatro escolar.




En 1958 ingresa na Real Academia Galega.

En 1963 publica Historia da Lingua Galega Contemporánea. Neste libro importantísimo, rescata do esquecemento centos de escritores e escritoras que escribiron na nosa lingua entre o 1808 e o 1936. Para escribilo precisou dez anos e a axuda da súa familia.




En 1965, cando por fin puido dar clases no ensino público, converteuse en profesor do instituto de Santiago de Compostela que levaba o nome da súa escritora favorita: Rosalía de Castro. 





Tamén daba clases na universidade e elaboraba materiais de grande interese como a Gramática elemental do galego común.




Coa chegada da democracia, a lingua galega, por primeira vez, goza de recoñecemento legal e comeza a aparecer en espazos que antes eran impensables, como a administración, medios de comunicación e a escola. Todo está por facer, tamén determinar cal debe ser a forma de escribir o galego: a normativa. Hai dúas posicións diferentes: os que defenden que debe ter unha norma propia e os que opinan que debe achegarse á portuguesa. Ricardo Carballo Calero foi a figura máis destacada desta última tendencia, lusista ou reintegracionista, e de acordo con ela comezou a asinar como Carvalho Calero.
Retirado do ensino, os últimos anos da vida dedicounos a dar conferencias, publicar artigos e proseguir co seu traballo literario e ensaístico. 




Faleceu en Compostela o 25 de marzo de 1990.

venres, 8 de maio de 2020

QUENTANDO MOTORES PARA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Achégase o Día das Letras Galegas e queremos celebralo todos xuntos como se merece facendo un vídeo colaborativo no que participe toda a comunidade educativa: cativada coas súas familias e mestras. Animádevos! Non pode faltar ninguén!
O punto de partida será a canción Adiós ríos, adiós fontes (poema de Rosalía de Castro) interpretada polo grupo Astarot. As indicacións de como tedes que facelo e envialo, no blog de música picando aquí.


LÚA CHEA DAS FLORES

Esta noite pasada, onde estaba despexado, puido observarse a lúa chea das flores, a última superlúa do 2020. Conseguíchedes vela? Mateo si e mandounos fotos observándoa cos prismáticos e despois lendo un conto fantástico para ler ás escuras: La Luna.
Podemos debuxar na casa unha lúa chea ben redondiña empregando unha tapa dalgún bote e despois engadirlle flores ao redor, debuxadas ou recollidas nalgún paseo que fagades. Seguro que queda preciosa!

Mateo observando a Lúa das flores 
Conto para ler ás escuras: La Luna

Antes de durmir, un contiño