Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 20 de decembro de 2013

FESTA DE NADAL

Hoxe celebramos a festa de Nadal en Leiro cunha chea de actividades. Primeiro xogamos aos bolos e cos zancos, vimos un corto de Mickey no Nadal, decoramos un agasallo para a nosa árbore e contamos un conto que nos tiña preparado Zapatocas na biblioteca: La navidad de los animales.
Logo veu a merenda. Desta volta convidaron os nenos e nenas de 4 anos. Moitas grazas ás familias por colaborar facendo postres tan ricos! O tío de Uxía fíxonos unha pequena exhibición de kárate, un deporte da terra por onde anda Félix de viaxe: Xapón. Moitísimas grazas, quedamos abraiados!!
Continuamos coas actuacións que cada escola preparou con tanto traballiño, agardamos que vos gustaran. E para rematar, unha visita "inesperada": o Apalpador chegou desde O Courel para recoller as nosas cartas, apalparnos as barriguiñas e darnos chocolates. Ao mellor á volta das vacacións temos un agasallo de madeira na escola!!
Agora toca desfrutar das vacacións de nadal coa familia. Descansade, xogade e lede moito. Vémonos no 2014, o 9 de xaneiro. 











BO NADAL!!!!!






xoves, 19 de decembro de 2013

O MEU NOME

Ao longo do primeiro trimestre, os nenos e nenas de 3 anos aprendemos a recoñecer e escribir o noso nome. Xogamos coas letras, contámolas, buscamos os nomes dos compañeiros... Que ben o facemos!


EL PEQUEÑO REY DE LAS FLORES

 
Un conto que nos encantou: a historia, os personaxes e sobre todo as ilustracións e a súa explosión de cores. Ao pequeño rei das flores faltáballe, para ser feliz, unha... PRINCESA!!
 
 
 
 

mércores, 18 de decembro de 2013

CUMPLE DE DECEMBRO

 
 
Lara xa cumpliu 4 anos!! Hoxe fixo a súa tarta para convidarnos a todos e despois... festa rachada!! Parabéns, mociña!!
 
 
 


venres, 13 de decembro de 2013

OS BOLECHAS BOTAN A SORTES



Hoxe contamos un conto dos Bolechas e sabedes que?: botaban a sortes quen apandaba para xogar ás escondidas!: "Don Melitón tiña tres gatos que lle bailaban todos nun prato, un, dous e tres" Axiña  aprendimos a cantinela mentres a profe Rosana buscaba en internet o vídeo para poder velo e resultou que no vídeo empregaban outra cantinela diferente. Así que decidimos adicarlles unha páxina do nosos libro de botar a sortes aos Bolechas e as súas fórmulas de rifar. Queredes saber cal é a outra cantinela? Mirade o vídeo a ver se a escoitades... OS BOLECHAS XOGAN ÁS ESCONDIDAS




POSTAIS DE NADAL

O Concello de Ribadumia, como cada Nadal, convoca un concurso de postais no que nós tamén participamos. Aquí van algunhas das nosas propostas. 

venres, 6 de decembro de 2013

CHEGOU O NADAL

E para celebralo fixemos coas nosas manciñas unha árbore para a parede da nosa aula. Tamén andamos a preparar o libro cos traballos que imos levar o primeiro trimestre. Algún proxecto, como o de Xapón, continuará durante parte do segundo trimestre, así que aínda queda no cole.


 
 

venres, 29 de novembro de 2013

CULTURGAL 2013

http://culturgal.com/es/
 
Esta fin de semana podemos visitar o CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais, en Pontevedra. Picade aquí e na imaxe para ler toda a información e consultar a programación de cada día.


xoves, 28 de novembro de 2013

CUMPLES NOVEMBRO

 
 
Hoxe fixeron a súa tarta de cumple YAGO, LUCÍA, NEREA e TONI. Festa rachada para celebrar un aniño máis e que nos imos facendo maiores. Coma sempre, deliciosa. Parabéns, mociños!!!!
 
 

martes, 26 de novembro de 2013

O APALPADOR

 

 
Un ano máis achégase o Nadal e con el o Apalpador. Hoxe contamos a historia onde se presenta e conta como o día de Nadal baixa da súa casa nas montañas do Courel ás casas dos nenos e nenas e logo de apapalparlles as barriguiñas para ver se están ben mantidos, déixalles castañas na mesiña de noite e xoguetes de madeira, que el mesmo fai, agochados pola casa.
 
 
Ao longo do mes de decembro imos ir coñecendo os animais e as árbores que hai no Courel e que forman parte da paisaxe onde vive o noso amigo o Apalpador.

 

xoves, 21 de novembro de 2013

BOTÁMOLO A SORTES?

O libro viaxeiro xa comezou a súa andadura e nós andamos a ampliar o noso repertorio de cantinelas para botar a sortes. O que leva o libro unha fin de semana bota a sortes, coa cantinela que elixiu, a quen lle toca levalo a seguinte fin de semana. Primeiro tocoulle a Felipe e coa súa cantinela limos o libriño Vamos a dibujar un gato e aprendimos a debuxalo. Logo tocoulle a Lara e co seu xogo de rifar un peixe fixemos peixiños con pinzas da roupa que falan e todo! Lara rifou e tocoulle a...Nerea!! A ver que xogo nos trae!




QUIMONO XAPONÉS



Lembrades que Oliver trouxera da súa casa o quimono de home para que o puidéramos ver no cole? Pois hoxe vimos o quimono de muller: de seda e con debuxos de dragóns e pavos reais. Atenea e Sofía fixéronos de modelos. Tamén aprendimos como se chama o calzado que acompaña ao quimono e rimos cos tabi, eses calcetíns tan curiosos que inventaron para poder poñelos cos geta e que separan o dedo gordo do pe dos demais dedos. Os nosos calcetíns non son así! E axiña nos descalzamos para comprobalo.


mércores, 20 de novembro de 2013

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA

 
Hoxe celebramos o Día universal da infancia, o día no que lembramos que os nenos e nenas temos dereitos: a ter un nome, unha familia que nos queira, a que nos curen se estamos maliños, a xogar, a participar, a ir á escola, a que nos protexan... No conto Tengo derecho a ser niño, da editorial Blume, puidemos ver cales son eses dereitos nunhas preciosas ilustracións. Temos moita sorte porque nós podemos disfrutar de todos os dereitos dos que nos fala este libro . Pero hai moitos nenos e nenas que non poden dicir o mesmo. No cole hoxe falamos de dereitos e de desexos. Cando estamos de cumple e acendemos as candeas da tarta, pensamos un desexo e sopramos coa ilusión de que se cumpra. Pois hoxe acendimos una candea por cada dereito e soprámolas co desexo de que todos os nenos e nenas do mundo poidan desfrutar dos seus dereitos.
 
 
 

martes, 19 de novembro de 2013

DEBUXO O MEU COLE

A semana pasada chegounos unha carta  dos Bolechas na que nos propoñían debuxar o noso cole. Armados de lapis e cores ata os dentes, dispuxémonos a demostrarlles aos Bolechas que a nosa escola é a máis bonita de todas. Alguén o dubidaba?

 

xoves, 14 de novembro de 2013

DICIONARIO DA CONVIVENCIA

 
Xa hai varios cursos que participamos nas propostas que a Fundación Meniños nos envía. Hoxe recibimos un agasallo por participar o pasado curso: una libreta dos Bolechas para cada un. Se queredes ver o dossier cos traballos dos centros que participamos picade aquí.

A CASTAÑA GALEGA EN XAPÓN





Mirando a prensa dixital atopamos na Voz de Galicia unha nova que falaba dunha fábrica de Ourense que fai un montón de diferentes productos coas castañas: marron glacé, puré, crema, licor e mesmo cervexa! Nós falamos de que nas nosas casas as comemos asadas, cocidas, con leite, mesmo crúas. Chamounos a atención que desde Xapón teñan tanto interese polas nosas castañas. E é que están tan ricas...!!

martes, 12 de novembro de 2013

CONTÍN CONTÓN

Do recuncho de Antón Cortizas na biblioteca de Leiro, hoxe coñecimos un novo conto: CONTÍN CONTÓN, de Edicións Embora e ilustrado por Leandro Lamas. A historia dun animaliño que come os froitos dun piñeiro máxico e esquece quen é. Os animais que vai atopando pola fraga non queren axudalo pero chega a unha escola onde os meniños lle lembran o seu nome.

CASTAÑAS E OURIZOS

 
Estamos no tempo das castañas e falando dos ourizos Arón explicounos que para abrilos temos que facelo cos pés, a ser posible cunhas boas botas postas, e nunca coas mans porque podes picalas! Nós aprendimos un poema que di así:
 
A castaña no ourizo
eu ben sei o que fai
cando está verde, madura,
cando está madura, cae.