Imaxe: Ricardo Liniers Siri

martes, 24 de marzo de 2020

MATEMÁTICAS CON PLASTILINA

O primeiro que necesitamos, é plastilina. Non tedes na casa? neste enlace tedes unha receita ben xeitosa. Unha vez que teñamos a plastilina imos xogar con ela e con palillos para construír figuras xeométricas como as da imaxe. Picando nela abriredes un enlace de mumuchu.com coa explicación da actividades e na parte de abaixo un pdf cos imprimibles.


Despois de construír as figuras básicas podemos facer coleccións de obxectos que teñamos na casa con cada unha das formas. Comezamos por exemplo buscando obxectos que teñan forma de triángulo e ímolos colocando nunha mesa. A ver cantos atopamos! Os que xa saben escribir poden ir apuntando nun papel os nomes dos obxectos. Cando nos pareza que temos suficientes, contámolos, colocámolos e facémoslle unha foto á colección. Que nos quede ben bonita! Así con cada unha das formas. Podemos xogar cada día cunha forma: o día do cadrado, o día do círculo... Lembrade antes de comezar o xogo que ao rematar hai que recoller e deixar cada obxecto no seu sitio.

Outro xogo coa plastilina pode ser facer moitas boliñas pequenas e deixalas no medio da mesa. Cando teñamos moitas, imos por un dado. Tiramos o dado por orde e temos que coller do medio as bolas que indique o dado. Cando xa non queden boliñas no medio, acábase o xogo. Facemos reconto e falamos: quen ten máis, quen ten menos, cantas temos de cada cor (se as boliñas son de diferentes cores)... Podemos xogar varias partidas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario