Imaxe: Ricardo Liniers Siri

domingo, 28 de febreiro de 2021

ADRIANA E A SÚA COROA DE COMEFROITAS DE FEBREIRO

  Parabéns, Adri! Estás feita unha Comefroitas!



O CALDO DE GLORIA DE SOFÍA

 


Sofía e a súa familia celebraron o Día de Rosalía cun caldiño que fixeron a partir dun bo cocido para o que empregaron carne de porco, tenreira e polo, unto e ansulla (unto de polo), repolo, chourizos, fabas e patacas. Todo lentamente cociñado na cociña de ferro e feito con moito agarimo. Por iso lles quedou tan saboroso! Parabéns, cociñeiras! Bo proveito!

xoves, 25 de febreiro de 2021

RESPONSABILIDADE E MASCOTAS

 Hoxe falamos de mascotas e responsabilidade. Vimos dúas noticias do xornal que nos serviron para diferenciar ser responsable de ser irresponsable. As mascotas forman parte da familia: querémolas e coidámolas. 








SEMANA DE ROSALÍA DE CASTRO: A GALIÑA LADROA

Hoxe sumámonos á proposta da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) de facer a nosa versión da canción do grupo The Lelli Kellies, inspirada nun fragmento dun poema de Rosalía de Castro.











CARLA E DIANA COMEFROITAS

 E xa na derradeira semana do mes de febreiro, Carla e Diana veñen de acadar a súa coroa de Comefroitas. Parabéns, mociñas!



mércores, 24 de febreiro de 2021

O CALDO DE GLORIA DE ALICIA

 


Alicia e a súa nai fixeron un Caldo de Gloria que lles saiu delicioso! Con verdura, patacas, cabaza e cenorias picadas, fabas, sal e un cacho de galiña para darlle sabor. Cando estaba a medio cocer botáronlle tres bolos do pote que previamente amasara a avoa. Na casa de Alicia chámanlles masotes. O resultado: riquísimo!

Parabéns, Alicia! Sodes unhas grandes cociñeiras na túa casa! Feliz Día de Rosalía!









O GRANXEIRO E A ARAÑA. UN CONTO DE ENTROIDO

 E aquí tedes, en primicia, o noso tradicional conto de Entroido inventado entre todos. Con cancións para cada personaxe ás que podedes acceder escaneando o código QR que aparece en cada páxina. Esperamos que o disfrutedes tanto como nós facéndoo. Picade na imaxe para poder lelo na casa. Seguro que os vosos fillos e fillas estarán encantados de compartir o conto con vós.



SEMANA DE ROSALÍA DE CASTRO: O MOUCHO

 E chegou o Día 24 de febreiro. Hoxe celebramos o Día de Rosalía achegándonos ao seu poema do moucho.






Recitámolo e escoitamos a versión musicada de Migallas. Fixemos un marcapáxinas adaptado da unidade didáctica que elaboraron os compoñentes do Seminario Galán e debuxamos o moucho inspirándonos na caricatura de A. Palla. E como o Día de Rosalía é tradición agasallar un libro en galego e unha flor, levamos ANIMAIS, que xa o tiñamos preparado desde xaneiro, para ler na casa. Tamén debuxamos unha flor e falamos de que a camelia está cheíña delas e as margaridas xa enchen os campos. Queda menos para a primavera!








E antes de marchar...a xogar! Fíxose de noite e xogamos a que estabamos durmidos e cando o moucho cantaba, espertabamos e había que buscalo. Non sabedes en cantos sitios diferentes se puxo! Ata dentro da casiña de madeira. Este moucho é moito moucho!











martes, 23 de febreiro de 2021

PETRA, LA ARAÑA FURIOSA

 



Hoxe limos Petra, la araña furiosa. A Petra encántalle traballar tecendo as súas arañeiras. Pero sempre vén alguén que lla desfai ou lla rompe e chega un momento en que se enfada moito, moito, moitísimo. E cando máis enfadada está, ocúrreselle unha idea xenial para que ninguén lle volva destrozar as súas arañeiras. Porque estar sempre furiosa non lle gusta nada. Agora Petra si que está contenta!
Un conto que nos axuda a buscar solucións aos problemas que xurden e a mellorar a convivencia cos demais.





ALEXANDRE E RUFUS

 Alexandre preséntanos o seu can Rufus, un mastín precioso moi agarimoso e xoguetón.






SEMANA DE ROSALÍA DE CASTRO: TEÑO TRES PITAS BRANCAS E UN GALO NEGRO

 

Hoxe na biblioteca Zapatocas tiña un recunchiño con libros de Rosalía de Castro. Moito nos gusta ler o de Helena Villar Janeiro e Ánxeles Ferrer para coñecer un pouco máis a vida de pequena de Rosalía. O moito que lle gustaba ir ao cole, ler, escribir, a música e os animais que atopaba cando ía de paseo.

Un dos poemas que aparece neste libriño é o que comeza así: Teño tres pitas brancas e un galo negro... E este foi o que eliximos para facer un cartel e poñelo na parede da biblioteca. 


Picando aquí podedes escoitar o poema cantado por Amancio Prada e Martirio acompañados da OSG.





luns, 22 de febreiro de 2021

SEMANA DE ROSALÍA DE CASTRO: CALDO DE GLORIA

 



O vindeiro mércores 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía. Ao longo desta semana imos achegarnos á vida e obra desta escritora universal. A Casa de Rosalía vén de anunciar o seu programa de actividades e unha delas é Caldo de Gloria (na casiña).

Hoxe limos e comentamos no cole o poema Miña casiña, meu lar, que inspirou esta iniciativa. E despois apuntamos os ingredientes necesarios para facer un Caldo de Gloria.

Se ao longo desta semana ides cociñar un caldiño na casa, deses que “saben a gloria” como o do poema, gustaríanos que nos mandásedes fotos (que ingredientes usades na vosa receita particular do caldo? Como o facedes na vosa casa?) e así participar nesta pequena homenaxe culinaria a Rosalía.

Escaneando este código accederedes ao vídeo de como facer o Caldo de Gloria.





Tamén podedes seguir as recomendacións da cociñeira Lucía Freitas


venres, 19 de febreiro de 2021

OS NOSOS DISFRACES DE ANIMAIS EXTRAORDINARIOS

 

Acabamos a semana lembrando as Ordes do Meco deste Entroido 2021 e amosándovos a nosa versión do disfrace que levamos o día da festa.




















BORJA, A MASCOTA DO CRA

 





ALICIA COMEFROITAS

 E no mes de febreiro, a primeira en acadar a coroa de Comefroitas é... Alicia! Aínda queda unha semana para acabar o mes. Estades a tempo de conseguir a vosa coroa. Só tedes que traer e comer froita para merendar e xuntar os selos.

Parabéns, Alicia!