Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 28 de marzo de 2014

CUMPLE DE MARZO


Hoxe celebramos os 6 anos de Sofía cunha tarta de chocolate boísima e unha festa rachada divertidísima. Parabéns, Sofía!! Xa estás feita unha moza!!






xoves, 27 de marzo de 2014

CALENDARIO DE XOGOS TRADICIONAIS 2014-2015

Un ano máis estamos preparando o Calendario do curso 2014-2015 para levar á casa en xuño e telo preparado para cando comece o vindeiro curso. O ano pasado fixémolo cos versos do poema de Rosalía, Adiós ríos, adiós fontes, conmemorando así o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. E o anterior cun dos poema de Carlos Fontes, do seu libro Poemas con Piruleta. Este ano decidimos facelo partindo da Enciclopedia de brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, TASTARABÁS. Cada mes ímolo adicar a un xogo tradicional dos que Antón recolle e ao que nós xogamos no cole. A Setembro de 2014 tócalle o xogo número 1: Papiroflexia. Pouco a pouco iremos engadindo novos meses e novos xogos...



QUE SABEMOS DOS ICEBERGS?






Agora andamos cos icebergs a voltas. Sabemos que son moi perigosos para os barcos porque a parte que sae fora da auga vese pero debaixo, a parte que non se ve, é oito veces maior. Estivemos vendo dous vídeos que nos deixaron abraiados: no primeiro vese como un iceberg da a volta e xurde unha punta do mar e o segundo é unha recreación de como puido ocurrir o accidente do Titanic.







mércores, 26 de marzo de 2014

HOXE MERENDAMOS...ICEBERGS!!!

Cunha receita directamente chegada do Polo Norte, hoxe merendamos uns icebergs nevados saborosos, saborosos!! Primeiro colocamos os amorodos no prato coa punta cara arriba e xa aquelo tiña pinta de iceberg pero faltábanos a cor branca, que a conseguimos botándolles por riba o iogur ben remexido. Logo comezou a nevar azucre e... listo para merendar!! Bo proveito!!






venres, 21 de marzo de 2014

21 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA



E nós celebrámolo levando para a casa o traballo que fixemos ao redor do libro de Antón Cortizas: Vestida co arco da vella, que é pura poesía. Xa hai tempo que o lemos e o primeiro que fixemos foi decidir entre todos que nome lle poñíamos á protagonista do conto. Saíron varios que nos gustaban: Pepa, Susi, Sisuka, Linda, George, Nerea e Pica. Votamos e o elixido foi...Pepa!!! E a partir de aí fomos traballando os versos e vestindo á nosa Pepa ata que hoxe por fin rematamos saltando á corda co arco da vella. Feliz día da poesía e boa fin de semana!!






xoves, 20 de marzo de 2014

PRIMAVERA


Esta tarde a iso das seis, chega a primavera. E claro, no cole tivemos que cambiar as letras do inverno polas novas: ordealas para que puxese primavera, contalas para ver se eran moitas ou poucas e pegalas na parede para lembrar cada día en que estación estamos. A profe retratounos unha vez máis para ver como imos medrando. Benvida, primavera!!!!!

martes, 18 de marzo de 2014

ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA NA BIBLIOTECA DE MEIS: MARZO-ABRIL


SALÓN DO LIBRO 2014



Do 14 de marzo ao 5 de abril celébrase a XV edición do Salón do Libro de Pontevedra. Este ano baixo o suxerente título de COCIÑANDO CONTOS, o Pazo da Cultura de Pontevedra énchese de actividades: teatro, contacontos, cine, obradoiros, conferencias, exposicións... Hoxe levamos á casa o programa onde veñen todas detalladas: data, horario, temática... Non deixedes de levar aos vosos fillos e fillas, a diversión está asegurada!! Picade na imaxe para ir á páxina oficial do Salón do Libro.


CONTOS DO POLO: AGUSTINA SE MUDA AL POLO NORTE E OS MIL BRANCOS DOS ESQUIMÓS



Grazas a Félix xa sabiamos que os pingüinos viven no Polo Sur pero hoxe descubrimos que hai unha familia de pingüinos que vive no Polo Norte: a familia de Agustina. Os medos que aparecen cando un cambia de casa, de escola, de cidade... e deixa atrás os seus amigos e familiares máis queridos, son afrontados con inquedanza pero con moita valentía por Agustina. Grazas aos seus debuxos axiña fará novos amigos na escola. Moito nos gustou este conto!



Outro conto co que o pasamos moi ben foi OS MIL BRANCOS DOS ESQUIMÓS. Branco auga, branco luz, branco neve... Nós tamén miramos ao noso redor e atopamos multitude de brancos: branco radiador, branco parede, branco camiseta, branco goma...




mércores, 12 de marzo de 2014

SEMANA DA PRENSA 2014


Do 10 ao 16 de marzo celébrase este ano a semana da prensa. Ao longo do curso xa fomos traballando noticias que nos pareceron interesantes e que saían na prensa. Hoxe a noticia falaba de camelias, esas flores que vemos no noso patio cada día e que moitos de nós temos nos xardíns das nosas casas. Porque vivimos nunha zona onde as camelias danse moi ben e estes días vaise celebrar en Pontevedra una exposición de camelias á que acudirán representantes chegados desde todos os recunchos do mundo: Estados Unidos, Xapón, Australia... para observalas, estudialas, falar de como se coidan... Nós tamén debuxamos a nosa propia camelia para a exposición, mirade que bonitas!



Ao longo da semana continuamos lendo e seleccionando novas do noso interese. Apareceu unha que nos gustou: nenos e nenas dun colexio da Coruña, fartos de atopar coches mal aparcados no seu camiño á escola, decidiron poñelo en coñecemento da Policía e poñer multas a quen estivese mal estacionado. Nós apuntámonos axiña e xa comezamos a multar: os máis pequenos directamente aos coches da foto e os maiores inventaron cada un a súa matrícula, tendo en conta que debía ter catro números e tres letras; escribiron o motivo da multa: houbo quen puxo aparcado en dobre e ata triple fila!; e remataron decidindo que cantidade tiña que pagar o conductor infractor. Ollo con estes axentes porque algún vai necesitar que lle toque a lotería para pagar a multa...!!



Se queredes ver aos meniños e meniñas da Coruña en acción, poñendo multas, picade na imaxe

AURORA BOREAL

Hoxe despois do patio tivemos unha sorpresa que levábamos moito tempo agardando: Juanita veu de visita! No seu bolso traía as normas para xogar a pensar e despois de lembralas, sacamos a sorpresa: unha foto. Un a un fómola pasando e fomos dicindo o que cada un vía nela: unha casa, un camión, un tren, un dragón, dúas casas con dúas ventás, un ceo con confeti de cores... e letras. A profe leunos as letras e soubemos que contaba: falaba das auroras boreais, que son e como se forman. Logo vimos un vídeo moi interesante das auroras boreais en Finlandia que nos deixou abraiados. Picade aquí para velo. Nesa mesma páxina, resume o que é una aurora boreal: "Una explicación científica del fenómeno diría algo como que “el viento solar envía partículas cargadas a la Tierra y, al colisionar con su atmósfera, producen energía emitida en forma de luz”. As auroras boreais pódense ver no Ártico nos meses de novembro e de febrero e marzo. A ver ese espectáculo único de cores: verdes, amarelas, rosas, lilas, azuis... acoden cada ano miles de persoas que queren disfrutar en directo de tan grande beleza.
Juanita propúxonos facer as nosas propias auroras boreais con xiz de cores e o resultado foi tan espectacular como una aurora boreal. Moitas grazas, Juanita, canto aprendemos contigo!



FRIDA

Este é o título dun novo libro que acaba de chegar á nosa aula. Un álbum escrito por Jonah Winter e preciosamente ilustrado por Ana Juan. Na cuberta traseira podemos ler: "Esta é a historia de como Frida Kahlo aprendeu a debuxar, de como a arte lle salvou a vida e de por que os seus cadros son diferentes. Igual ca pintura de Frida, este conto é froito da imaxinación pero é tamén, en boa medida, un conto verdadeiro."
Este curso Frida Kahlo sérvenos para homenaxear a todas as mulleres o día 8 de marzo, xa que, como di Jonah Winter..."A historia de Frida é tan inspiradora que se converteu nun modelo para os artistas en xeral, que a cotío adoitan traballar en condicións difíciles. Especialmente foi inspiración para as mulleres artistas, que encontraron na forza, na coraxe e na enerxía de Frida Kahlo un exemplo de como una muller pode prosperar no mundo da arte dominado por homes"
 
Frida Kahlo naceu na Casa Azul de Coyoacán, en México. Os seus pais puxéronlle nada menos que tres nomes: Magdalena Carmen Frida, antes dos seus apelidos Kahlo Calderón. Cando era pequena quería ser médica pero finalmente chegou a ser una gran pintora. Nós agora que somos pequenos e pequenas, tamén falamos do que queremos ser de maiores: profesoras, pintoras coma Frida, policías... Que chegaremos a ser...xa volo contaremos dentro duns anos!!