Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 27 de novembro de 2020

PAXARIÑA DE PAPEL

 Un novo conto apareceu hoxe na árbore de Nadal: Paxariña de papel, de Antonio Rubio e Óscar Villán. 


Contámolo de diferentes maneiras e mesmo o dramatizamos. Gustounos moito!


Antes de marchar vimos este vídeo de como facer unha paxariña de papel. Se queredes probar na casa a facela esta fin de semana, neste vídeo explícano de forma moi sinxeliña. Podemos empregar papel de revistas, xornal, agasallo... para que queden coloridas. Tamén facelas de diferentes tamaños!



Manuel e Diana trouxeron cadansúa paxariña da casa e Alexandre trouxo un esquío e unha estrela que lle fixo seu pai e quería compartir con nós. Que difíciles e que bonitas! Sodes uns artistas!






xoves, 26 de novembro de 2020

EL LAGARTO ESTÁ LLORANDO

 



O conto de Nadal de hoxe trouxo un libro de poesía de Federico García Lorca. El lagarto está llorando foi o poema elixido. Escoitámola cos ollos pechados e cos ollos abertos despois, vendo as ilustracións.




Descubrimos tamén que a poesía pode cantarse. A banda Billy Boom Band e o seu disco Lorca Pop téñennos namorados. Escoitade, escoitade...


O NADAL CHEGOU ÁS MERENDAS!

 


mércores, 25 de novembro de 2020

NON Á VIOLENCIA

 Un ano máis a canción A porta violeta de Rozalén serviunos para reflexionar. Escoitámola e buscamos as palabras ou frases que queremos deixar fóra da porta. Palabras que doen, que nos producen medo, rexeitamento. Pero tamén buscamos as palabras que queremos deixar entrar, as que aparecen cando cruzas a porta violeta. Palabras e frases que nos fan sentir ben, que traen ledicia e sorrisos. Dicimos NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO E A TODO TIPO DE VIOLENCIAS.







UN NADAL DE CONTO II

 A árbore de Zapatocas chegou en versión máis pequena para a nosa aula pero chea de libros coma a da biblioteca. Hoxe tocou: ENCENDER LA NOCHE. Un álbum ilustrado precioso que é pura poesía.




martes, 24 de novembro de 2020

UN NADAL DE CONTO

 


Vaia sorpresa hoxe na biblioteca! Zapatocas deixounos unha carta cun agasallo: UN NADAL DE CONTOS. Sabedes que conto nos tocou? Renato. Encantounos!



E como estabamos tan agradecidos, quixemos facerlle nós tamén un agasallo decorando a árbore de Nadal dos sobres cos nosos nomes e debuxos propios deste tempo.

Grazas, Zapatocas! Estamos desexando que chegue o martes para descubrir un novo conto na árbore!







venres, 20 de novembro de 2020

EL POLLO PEPE

 

DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

 

Hoxe, 20 de novembro, celébrase o Día Internacional da Infancia. Os nenos e as nenas temos dereitos que deben respectarse. E non sempre é así. A lectura do libro Tengo derecho a ser niño fíxonos reflexionar sobre este tema. Dereito a ter un nome e uns apelidos, dereito a ter unha familia que nos queira e nos coide, dereito a ter unha casa, dereito a ir á escola e a xogar, pintar, aprender cos amigos e amigas, dereito a non pasar fame... Nós que temos todo isto desde que nacemos, aprendamos a valoralo. 






martes, 17 de novembro de 2020

INSECTOS OU ARÁCNIDOS?

 Hoxe á entrada un grilo estaba agardando por nós. Sería o do conto de Animais que tanto nos gusta? Collímolo con coidado para observalo. Agora que xa sabemos máis sobre estes pequenos animaliños, ao verlle as antenas e contarlle as seis patas, axiña dixemos que era un insecto.



Tamén vimos as eirugas da col, falamos da metamorfose e nun libro puidemos coñecer como é a bolboreta da col branca. Conseguiremos ver todo o proceso? Polo de agora as eirugas están comendo na col todo o que poden para facerse grandes e gordechas.





Pequenas científicas traballando




Seguimos aprendendo curiosidades das arañas e algo máis sobre os arácnidos. Mirade os vídeos se queredes aprender con nós.






xoves, 12 de novembro de 2020

ESCRIBINDO NO PATIO

 Houbo que buscar pauciños, recollelos e despois poñerse mans á obra. Se necesitabamos axuda podiamos ir pola tarxeta do noso nome. Unha mañá preciosa de outono para escribir o nome fóra e debuxar.












venres, 6 de novembro de 2020

CHOCOLATA

 



A historia de Chocolata aprendeunos a importancia de valorar a nosa casa, o noso fogar e a nosa familia. E tamén a debuxar un hipopótamo!






NOVEMBRO, MES DA CIENCIA

 Chega o mes de novembro e mergullámonos na ciencia. Estamos aprendendo algo máis sobre as arañas despois de adicar o Samaín aos contos deste animaliño. Sabiades que a araña non é un insecto? E logo que é? Mirade o vídeo e aprendede con nós: a araña é un arácnido!





E que insectos coñecemos? Pois moitos! Na biblioteca Zapatocas sacou dos andeis os libros que atopou sobre insectos para achegarnos a este mundo diminuto e fascinante.


Ademais, esta semana Adri trouxo unha mantis que atopou no xardín da súa casa e na que puidemos observar seis patas, ás e antenas. Con estes datos concluimos que a mantis é un insecto.