Imaxe: Ricardo Liniers Siri

sábado, 29 de outubro de 2016

FESTA DO SAMAÍN E MAGOSTO 2016

Onte en Leiro pasamos unha xornada festiva celebrando o Samaín e o magosto. Viñeron visitarnos o mariñeiro Luis, a cociñeira Balbina e a científica, cos que descubrimos os poderes do peixe, que xa posúen todos Os Arroases. Coa profe Olalla cantamos e bailamos Momias de colores, a bruxa Hermelinda quixo asustarnos coa súa apócema e para rematar, a Banda Municipal de Ribadumia puxo o broche final da festa. Dentro do local social estaba a exposición O meu villano favorito e fóra, no cruceiro, a exposición de cabazas decoradas. Moitas grazas ás familias por colaborar coa merenda e o asado das castañas! Feliz ponte e vémonos o mércores 2 de novembro.

















CUMPLES DE OUTUBRO













martes, 25 de outubro de 2016

ASÍ É SANTIAGO




É o título do libro que hoxe puidemos disfrutar na biblioteca de Leiro. Un percorrido pola cidade onde hai moitos anos comezou a construírse unha catedral que séculos despois segue sendo un dos lugares de peregrinación máis importantes do mundo.



luns, 24 de outubro de 2016

BIBLIOTECAS ESCOLARES, TERRITORIO DAS ARTES




Bibliotecas escolares da Xunta enviounos o cartel deste curso co lema Territorio das Artes. Hoxe observámolo, mirámolo, analizámolo e descubrimos unha chea de cousas agachadas na ilustración de Minia Regos. Fixemos unha lista con todas as Artes que fomos atopando relacionadas cos debuxos e apareceron sete: cine, música, danza, literatura, arquitectura, fotografía e pintura . Vedes vós algunha máis?






xoves, 20 de outubro de 2016

NÓS VIVIMOS EN GALICIA

E este ano imos ir coñecendo unha chea de cousas sobre a nosa Comunidade. Xa sabemos que ten catro provincias, que nós vivimos na de Pontevedra, e a nosa escola está en Ribadumia. A nosa bandeira ten dúas cores, branca e azul, e un escudo con imaxes que picando aquí poderedes descubrir o seu significado.


mércores, 19 de outubro de 2016

MALOS E MALAS DOS CONTOS

Vaise achegando a festa do Samaín e na escola andamos na procura dos malos e malas dos contos. Xa atopamos unha bruxa no conto da Casiña de chocolate, un lobo no conto dos Tres Porquiños... Axudádesnos a buscar máis? Cal é a vosa mala ou malo favorito e de que conto?


U DE UVA

Lembrades a carta de Zapatocas na que nos falaba de Galicia e do Camiño de Santiago? Pois na caixa onde viña a carta había dous libros cos que comezar a investigación e nós comezamos pola letra U de uvas, xa que ao principio de curso o que toca é vendimar. Aclaramos as palabras que non coñeciamos do poema e mesmo buscamos un refrán que fala da vendima. 





O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR E OS ARROASES CONVÍDANNOS A IR AO GROVE

O pasado luns fomos de aventura cos Arroases ao Grove. Alí agardábannos no Porto Meloxo para explicarnos as artes de pesca e ver os barcos. Logo visitamos o espazo museístico das Salgadeiras de Moreira, merendamos cos Arroases unhas croquetas de pescada e unhas piruletas de atún e rematamos a xornada no Acuario do Grove. Unha mañán que deu para moito e que ben o pasamos! Comprobamos de primeira man que o sabor da aventura está no mar!






































mércores, 5 de outubro de 2016

AINOA E A SÚA MASCOTA: UN HÁMSTER

Hoxe á entrada agardábanos unha sorpresa: a mamá de Ainoa levaba unha caixa chea de buratos na man. E sabedes o que había dentro? Unha cama de palla e agochadiño debaixo o hámster que teñen de mascota na súa casa. Vímolo na man de Olalla como se lavaba a cariña coas patas. Aínda é un hámster bebé así que nos prometeron volvelo traer máis adiante, cando medre un chisco máis. 


martes, 4 de outubro de 2016

ZAPATOCAS EN GALICIA, FACENDO O CAMIÑO DE SANTIAGO




Pois por fin hoxe tivemos novas do noso amigo Zapatocas! Chegamos á biblioteca e alí estaba a caixa coa tapa pechada. Moi amodiño fomos petando e chamando por el, non fora a ser que estivese a durmir e levase un susto! Pero como non escoitabamos nada, decidimos abrir a caixa e... sorpresa! Zapatocas non estaba pero deixáranos unha carta! Despois de lela moi atentamente soubemos que anda a facer o Camiño de Santiago, que nos escribe desde un albergue e que viaxa a pé cunha mochila moi atento ás sinalizacións para non perderse. Dentro da caixa había tamén dous libros: Do A ao Z Galicia e Do A ao Z Camiño de Santiago, así como unha chea de fotos. Zapatocas convídanos a investigar sobre Galicia e o Camiño de Santiago e mergullarnos con el nunha nova aventura. Estades preparados?? Pois collede a mochila, que marchamos!