Imaxe: Ricardo Liniers Siri

xoves, 26 de marzo de 2015

FLORES E POESÍA






Xusto hoxe que chovía puidemos levar as nosas flores para casa! É o que ten o tempo de primavera: o mesmo sae o sol, que chove, vai frío, vén calor... Un poemiña do libro VERSOS VEGETALES, de Antonio Rubio, acompaña a nosa flor:


Pensamiento breve
Entre las flores
los pensamientos
son de colores

FELIZ PRIMAVERA!

SINAIS DE TRÁFICO AUSTRALIANAS




Sen ningún problema soubemos identificar os animais que aparecen nos 10 sinais de tráfico dos moitos que podemos atopar se imos conducindo polas estradas de Australia. Hai que ir con moito coidadiño e lembrade que alá conducen pola esquerda!!



A AUGA ROSA DO LAGO HILLIER, AUSTRALIA


O Lago Hillier, en Australia, ten a auga rosa!! Queredes saber cal é o misterio? Picade na imaxe e poderedes resolvelo.

martes, 24 de marzo de 2015

MONTE ULURU, AUSTRALIA


Grazas ao libro Las maravillas del mundo contadas a los niños, puidemos completar os datos que nos pedía a ficha de hoxe sobre o Monte Uluru. Sabiades que se queremos arrodealo camiñando necesitaremos 4 horas? Nerea propuxo levar a bicicleta e así non tardar tanto.

MONTE ULURU, TAMÉN CHAMADO AYERS ROCK

VISTA AÉREA MONTE ULURU


luns, 23 de marzo de 2015

DONA E DON... DONA DUCIA



Para traballar o poema de Dona Ducia, un dos moitos que compoñen o libro DONA E DON de Helena Villa Janeiro e Xesús Rábade Paredes, fixemos 4 equipos. Cada integrante do equipo escribiu unha parte do poema e despois recitámola. Entre todos, mellor!



venres, 20 de marzo de 2015

AS CATRO ESTACIÓNS: ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO



Cambiamos de estación e con Antonio García Teijeiro aprendemos poesías da Primavera. Medrou unha planta, medrou un amor, medraron tres flores no teu corazón... Non deixedes de visitar o seu blog Versos e Aloumiños e a súa sección Catavento de poemas infantís, onde fai unha escolma de poemas en diferentes linguas, facendo referencia aos seus autores e autoras e aos libros onde aparecen.

CONTOS Á SOMBRA: O PETO DA RISA



Aproveitando que chegou a primavera e que facía moi bo tempo, hoxe contamos un conto á sombra no patio. Tocoulle a O peto da risa, o peto dunha meniña que enche con letras, con nomes dos amigos, con contos e con sorrisos. 

mércores, 18 de marzo de 2015

PREPARANDO OS TRABALLOS DO SEGUNDO TRIMESTRE



Xa estamos a piques de rematar o segundo trimestre do curso e andamos a preparar as portadas dos libros de traballos. Axudados de rodillos e esponxas con formas, pintamos con témperas de cores e despois de que secou rematamos con rotuladores e fluorescentes para darlle cada un o seu toque personal. Gústanvos?



martes, 17 de marzo de 2015

CHEGA A PRIMAVERA ENCHENDO TODO DE POESÍA



A piques de despedirnos do inverno e dar a benvida á primavera, a poesía, os versos, as rimas... chegan para quedar. Hoxe cos Bichos con gaseosa de Gloria Sánchez, coñecimos O canguro Arturo, que vai tan a gustiño no marsupio da súa nai que cando zoa o vento, pecha o balcón da súa "mami-coche radiador" e xunto co pan e a gaseosa marchan a saltos: POING, POING!!


xoves, 12 de marzo de 2015

UN BESO ANTES DE DESAYUNAR



Canto nos gustou este conto! Unha vez máis a maxia dos bicos que nos dan as persoas que queremos, chega mesmo a cambiar as cores dos paxaros, as cores da roupa tendida, o sabor da barra de pan... Un biquiño que lle deixa mamá a Violeta na almofada antes de ir traballar sae pola ventá a cambiar a vida de quen atopa polo seu camiño...






SEMANA DA PRENSA 2015


Ao longo do curso imos coñecendo novas interesantes grazas á prensa (mesmo temos saído nós nela!). Esta semana, do 9 ao 15 de marzo, celébrase a Semana da Prensa, e no cole aproveitamos para clasificar os xornais que temos nunha caixa moi grande e mirar cantos había diferentes, de cal había máis exemplares, como saber de que xornal se trata aínda que non teña a portada (miramos arriba de todo de cada páxina e aparece o nome do xornal en pequerrechiño)...
Ademais aproveitamos para comentar unha nova de actualidade que Adrián, o noso compañeiro especialista en coches e carreiras, non dubidou en ampliarnos con moitos máis datos. Grazas a el puidemos localizar a saída do circuito do GP de Australia que saía na foto ("é onde está a bandeira cos cadros brancos e negros!") porque o resto non o tiñamos moi claro. Tamén soubemos que Fernando Alonso non correrá o Gran Premio de Fórmula 1 que se celebra estes días en Australia por mor dun accidente que tivo hai unhas semanas.


mércores, 11 de marzo de 2015

LAS TRES MELLIZAS Y VELÁZQUEZ




BÚMERAN AUSTRALIANO



Hoxe decoramos un búmerang con puntiños, como fan os aborixes de Australia. Empregamos pegatinas, rotuladores...cada un o que quixo. Quedaron todos diferentes e preparados para probalos e comprobar se despois de lanzalos, voltan. Algún dixo que o seu voltaba sen problema á primeira! Toni díxonos que o búmeran semellaba un sorriso e a moitos arrancóullelo cando foi o momento de probalo!



No vídeo podedes ver como se fai un búmeran.


domingo, 8 de marzo de 2015

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER



Aproveitando o doodle do Día Internacional da muller 2015, achegamos as mulleres admirables que eliximos coa axuda das nosas familias. Se queredes saber máis de cada unha delas, picade nas imaxes.

















sábado, 7 de marzo de 2015

A GRAN BARREIRA DE CORAL AUSTRALIANA



Quedamos abraiados vendo este documental sobre a Gran Barreira de Coral australiana. Canta vida debaixo da auga!! Despois fixemos dous equipos e cada un tiña que "montar" a súa barreira de coral. Non foi doado poñerse de acordo! Pero á vista dos resultados, ao final houbo acordo. Diferentes pero igual de xeitosas, non vos parece?






xoves, 5 de marzo de 2015

CALENDARIO DE ARTE CURSO 2015-2016: CADA MES, UN CADRO DE VELÁZQUEZ

Xa comezamos co noso calendario para o vindeiro curso 2015-2016. Lembrades o do ano pasado que fixemos cos xogos tradicionais do Tastarabás? De seguro que o tedes na casa ben visible, estreando o mes de marzo coas pelas de laranxa! Pois aproveitando que este curso imos coñecer un pouco máis a vida e obra do pintor DIEGO VELÁZQUEZ, o calendario traeranos cada mes un cadro deste recoñecido artista. Comezamos en Setembro do 2015 con: O augador de Sevilla, pintado en 1620.


KOALAS E EUCALIPTOS



Aquí tedes a plantilla por se queredes facelo na casa, aínda que como podedes ver na seguinte foto, non hai plantilla que supere a imaxinación.




martes, 3 de marzo de 2015

MI PRIMER LIBRO SOBRE ELLAS


Hoxe na biblioteca coñecimos moitas mulleres admirables que destacaron no campo da literatura, da medicina, da fotografía, da arte... En Mi primer libro sobre Ellas, Marta Rivera de la Cruz móstranos un grupo de nenos e nenas aos que a súa mestra lles propón investigar sobre unha muller admirable. Ao principio non saben moi ben por onde comezar pero deciden: "pedir axuda aos maiores". Así, preguntando a mamá, ao avó, a unha amiga, a un veciño... van descubrindo chiscos da vida de mulleres que foron importantes na historia e que non coñecían. Despois fixeron unha posta en común no cole e aprenderon moitísimo!!

Facemos nós o mesmo? O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día Internacional da muller. Este ano queremos facer un libro cheo de mulleres admirables pero necesitamos a axuda dos maiores das nosas familias para elixir unha e cubrir a ficha cos datos. A cada un de nós tocounos un campo (ou varios) no que investigar: ciencia, medicina, arte, fotografía, informática... Hai mulleres admirables en todos os campos!! Imos aprender moitísimo grazas á vosa colaboración!

luns, 2 de marzo de 2015

XORNADA DE PORTAS ABERTAS NO CRA DE RIBADUMIA


XORNADA DE PORTAS ABERTAS


Hoxe foi unha tarde especial no CRA, unha xornada de portas abertas adicada aos nenos e nenas que comezan o segundo ciclo da Educación Infantil o vindeiro setembro e ás súas familias. Comezamos nas diferentes escolas, percorrendo as instalacións, coñecendo as profes, xogando e descubrindo novos espazos. Logo fomos ata a Sede, en Leiro, onde ademais de ver o invernadoiro, o xardín dos sentidos, a biblioteca e a aula de informática, disfrutamos dun contacontos máxico coa Cebra Camila e o Coelliño branco. Agardamos que disfrutárades desta xornada. Benvidos ao voso novo cole!!

Lembrade que o prazo de solicitude de admisión para o vindeiro curso 2015-2016 estará aberto desde o 2 ata o 23 de marzo. Tedes toda a información neste enlace.