Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 30 de novembro de 2012

RESUMO MES DE NOVEMBRO

Acaba o mes de NOVEMBRO e aquí tedes o resumo. Lembrades o refrán?: POLO SAN MARTIÑO, TROMPOS AO CAMIÑO.


CUMPLES DE NOVEMBRO

 
 
 
Hoxe, último venres de mes, celebramos os cumples de NOVEMBRO. Tocoulles facer a tarta a YAGO, NEREA e TONI. Unha tarta con 4 candeas para Yago e outra con 3 para Nerea e Toni. Non quedou nin a proba, sinal de que somos uns magníficos reposteiros! Parabéns amiguiños!!
 
 
 
 

mércores, 28 de novembro de 2012

TUTANKAMÓN ESTÁ DE ANIVERSARIO


Na prensa andan a falar estes días de TUTANKAMÓN. Sabedes por que? Pois porque hai 90 anos que descubriron a súa tumba. Parabéns a esta momia tan famosa!! Mirade que tarta rica lle fixemos.



Hoxe fixemos unha MOMIA cun boneco e un rolo de papel hixiénico. E despois fomos á outra clase para darlles un susto aos compañeiros! Algún miraba e requetemiraba para ver se era ou non unha momia de verdade. E logo levamos á casa outra (será a de TUTANKAMÓN?) que pintamos con ceras brandas, para meterlles moito medo a todos. A que quedaron chulas??



 

 
 
 

martes, 27 de novembro de 2012

CULTURGAL 2012

 
 
Se non sabedes que facer esta fin de semana, non dubidedes en achegarvos cos peques ata o Pazo da Cultura de Pontevedra. CULTURGAL 2012 abrirá as súas portas o 30 de novembro e ata o domingo poderedes disfrutar cunha chea de actividades, todas de balde!!
Se queredes consultar o programa, témolo no blog do CRA, neste enlace.
E moita máis información na páxina de CULTURGAL.
 
 

MOMIAS!

Aquí deixamosvos dous vídeos: a canción MOMIAS DE COLORES e un conto FÁTIMA, UNA MOMIA MUY RESPONSABLE, que xa vimos no cole e que nos gustan moito. Así tamén podemos velos na casa.


PAPIROS

Hoxe en Leiro tíñamos unha sorpresa: a profe Ana foi ao viveiro e trouxo unha planta de PAPIRO. No Antigo Exipto estas plantas medraban na beira do río NILO e co seu talo facían as follas dos papiros nos que escribían, embarcacións, cestos e ata sandalias! Hai un tempo, no noso XARDÍN DOS SENTIDOS de Leiro tíñamos PAPIROS no estanque pero secaron. Agora temos que plantar estes novos a ver se medran moi alto!
 
 

EU SON JUANITA

Axudados polo libro sobre XOANIÑAS que nos deixou JUANITA, coloreamos o seu debuxo e aprendimos as letras do seu nome. E non sabedes o mellor: o nome de JUANITA agacha o nome do noso compañeiro JUAN!! Tapamos as 3 últimas letras e aparece!! Temos que seguir investigando cousas sobre as XOANIÑAS para que cando JUANITA volte a visitarnos xa a coñezamos máis sobre estes pequenos insectos.
 
 

PIRÁMIDES EN RIBADUMIA



 
Estamos feitos uns expertos no tema das PIRÁMIDES. Debuxámolas, construímolas no areeiro... iso si, sempre dándolles o noso "toque" persoal: unha ventá por aquí e outra por alá ("para mirar, profe"), camelos subindo por elas, as nosas casas ao lado ("aquí vivo yo"), variedade de cores porque sempre marróns son moi aburridas, Félix montado no camelo visitándoas...

 
 
Ah, por certo, xa descubrimos que é ese GATO-CAN-LEÓN do que falaba Félix!
 
 

mércores, 21 de novembro de 2012

JUANITA VÉN DE VISITA

Hoxe tivemos unha sorpresa grandísima logo do recreo. Estábamos cos compañeiros da clase do lado lendo no xornal unha noticia moi interesante sobre un cadro dun pintor moi famoso que apareceu nun mercadillo (xa vos contaremos quen era), cando a profe trouxo unha bolsa que non paraba quieta. E sabedes quen estaba dentro? A XOANIÑA JUANITA!! Canto tempo sen ter novas dela! Os de 4 anos xa a coñecíamos do curso pasado, pero os de 3 e 5 anos non a coñecían. JUANITA non viña soa. Na bolsa viña un cartel que Víctor nos leu que falaba das NORMAS PARA XOGAR A PENSAR. Porque Juanita sempre que vén nos trae unha sorpresa para xogar a pensar con ela. Pero o primeiro día sempre nos lembra as normas: SENTAR EN CÍRCULO, ESCOITAR, LEVANTAR A MAN PARA FALAR, FALAR, PENSAR e PASALO BEN.



Sentados en círculo para vernos e escoitarnos mellor, fomos presentándonos a JUANITA e dándolle un bico e unha aperta. Que contenta estaba JUANITA aprendendo os nosos nomes e gardando os nosos biquiños!!


E sabedes que nos trouxo un agasallo? Un puzle precioso de xoaniñas e un libro sobre xoaniñas para que aprendamos cousiñas sobre ela mentres agardamos a vindeira visita con novas sorpresas. Xa nos está tardando!!


UNHA AMIZADE CON RIMA

Lembrades que tíñamos que traer unha CASTAÑA ao cole? Pois hoxe levámola á casa transformada. Fixo unha amiga: unha ARAÑA. Queredes saber a historia desta amizade?


 Paseando por un souto
andaba unha araña
cando pisou un ourizo: ai!
onde había unha castaña.
Pinchou unha patiña
botouse a chorar: buaaaaa!
pero axiña a castaña
quíxoa axudar.
Sacoulle aquela espiña
cantoulle un "sana, sana"
deulle un biquiño
e xa estaba curada.
A araña agradecida
díxolle á castaña:
súbete ao meu lombo
fai a equipaxe
que estas dúas amigas
imos de viaxe.
E desde aquel día
sempre  van xuntiñas
nunca se separan
as dúas amiguiñas.

PARA BAILAR ME PONGO LA CAPA...

Hoxe estivemos bailando uns TROMPOS pequenos que non necesitan corda para bailar. Con só dous dediños facémolo virar e virar. Aínda que non é tan doado como parece! Temos que practicar moito! Anxo deunos toda unha lección de mestría, a el si que lle baila de marabilla!
E despois aprendimos unha adiviña do trompo moi divertida. A ver se vos gusta:
 
 

martes, 20 de novembro de 2012

20 DE NOVEMBRO: DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

Hoxe a profe contounos que estábamos de celebración, que o 20 de novembro era o DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS E NENAS. Como iso dos dereitos nos soa un pouco raro, coa axuda de POCOYO (a el si que o coñecíamos todos!) imos ir descubrindo cales son os nosos dereitos. O primeiro que coñecimos foi que todos temos dereito a ter unha familia que nos queira e nos coide. Eli, a elefanta amiga de Pocoyo, ten unha boneca á que coida e quere como unha mamá. Eli e a boneca forman unha familia de dúas personas. Os marcianos forman unha familia de tres personas. Entón puxémonos a falar das nosas familias: con quen vivimos, cales son as personas que nos queren e nos coidan... Temos familias de tres, catro, cinco, seis...ata oito personas chegamos a contar nalgunha das nosas familias!! Quérennos, cóidannos, dannos mimiños, bicos, apertas... Nós tamén vos queremos!!
 
Se queredes mirar o material de POCOYO, picade aquí. Tamén podedes ver os vídeos.
 
 

luns, 19 de novembro de 2012

¡OH!, AH!





Hoxe descubrimos un conto que nos deixou cun OH! na boca. Xa a semana pasada léramos o de AH! que tamén nos deixou abraiados. Incribles as sorpresas que pode agachar un conto!


EXIPTO ESTÁ EN...BOIRO

Pois si, amiguiños, hoxe a profe tíñanos unha sorpresa: en GALICIA temos un lugar que se chama EXIPTO! E sabedes como nos enteramos? Grazas á profe María de música (á que botamos moito de menos) que visitou o noso blog, veu que FÉLIX andaba de viaxe por terras exipcias e mandounos unhas fotos preciosas do EXIPTO boirense. Así que se unha fin de semana nos apetece ir a EXIPTO, non temos máis que coller o coche e achegarnos ata alí. Se alguén se anima, que non olvide facer fotos coa pirámide! Moitas grazas e moitos bicos, profe María!!!!
 
 
 
 
 
 

domingo, 18 de novembro de 2012

POLO SAN MARTIÑO, TROMPOS AO CAMIÑO

O refrán que eliximos para este mes fala de TROMPOS. No calendario que temos no cole buscamos que día era San Martiño e atopámolo escrito debaixo do día 11 de novembro. Pero non todos sabíamos o que era un TROMPO! A profe sacou un do caixón da súa mesa e tentou bailalo. Non é nada doado (a profe conseguiuno ao terceiro intento!). Algún lembrou que o experto en bailar o trompo é o profe Rafa. Temos que dicirlle que nos aprenda a bailalo! Gustounos moito e logo xogamos a bailar coma trompos. Iso si que se nos dá ben pero hai que ter coidado cos mareos!
 

 

XEROGLÍFICOS

 
 
Os antigos exipcios non empregaban as letras do noso alfabeto para escribir, facíano con xeroglíficos. Neste enlace puidemos xerar os nosos CARTUCHOS EXIPCIOS cos nosos nomes en xeroglífico. Logo imprimímolos e puidemos ver que estaban escritos en vertical, así que para ver a que letra correspondía cada debuxo, tivemos que escribir o noso nome tamén en vertical. Outro día escribimos todo o ABECEDARIO, cada letra ao lado do seu debuxo correspondente, e logo buscamos as letras dos nosos nomes. Atopamos diferenzas entre os xeroglíficos da páxina de internet e o abecedario que trouxo a profe. Andamos algo liados con tanto debuxo...Temos que seguir investigando a ver que pasa!
 
 

martes, 13 de novembro de 2012

TEÑO QUE TRAER...UNHA CASTAÑA

O venres pasado levamos unha nota para casa na que poñía:

 
Para que queremos unha CASTAÑA no cole? Non é para asala, que xa pasou o magosto. Trátase dunha amizade con rima... Xa vos contaremos...

O RÍO NILO

O RÍO NILO é o río máis longo de ÁFRICA. No Antigo Exipto tiñan que andar con moito coidado porque estaba cheo de CROCODILOS e HIPOPÓTAMOS. É un río navegable no que podemos atopar as embarcacións típicas do NILO: as FALUCAS.
 

RECUNCHO DE EXIPTO

 
O noso RECUNCHO DE EXIPTO vai tomando forma. Ao longo destes días foron chegando ao cole: libros, papiros, amuletos, pirámides, esfinxes, fotos...ata un camelo para FÉLIX! Pouco a pouco as profes van ir colocando todos os nosos tesouros exipcios para poder miralos máis polo miúdo e ilos descubrindo. Moitas grazas a todas as familias!! Xa iremos poñendo fotos de como vai quedando.
 
Vedes na foto as pirámides que pintamos o outro día? Por fin, logo de recortalas vimos como a profe as montaba. Hai que doblar o papel polas liñas, logo pegar as solapas e aparece a pirámide!
 
 
 
E os debuxos que aparecían nelas e que non sabíamos o que eran, hoxe grazas aos libros que ZAPATOCAS ten de Exipto, descubrimos o significado dalgún. Aos exipcios gustábanlles moito os amuletos: O ESCARAVELLO traía boa sorte, o OLLO DE HORUS significaba protección, o ANJ era a chave da vida e a COBRA simbolizaba o poder, por iso os faraóns levaban unha dourada na cabeza.
 
 
 
 

xoves, 8 de novembro de 2012

O PROFE FELIPE PRESÉNTANOS...O CLARINETE!

Hoxe tivemos unha clase de música con sorpresa. O profe Felipe trouxo un maletín pequeno moi misterioso. Todos queríamos saber que había dentro e axiña foron aparecendo unhas pezas moi estranas: CAMPÁ, BARRILETE, CORPO, CHAVES, BOQUILLA, CANA e ABRAZADEIRA. Por separado non dicían nada pero nun abracadabra aquelas pezas xuntáronse e convertíronse nun instrumento musical: era un CLARINETE!! Logo veu o momento de facer silencio e escoitar como soaba: quedamos abraiados. E para rematar, todos buscamos o noso dedo matapiollos da man esquerda (que nos levou un tempo e moita concentración) e un a un fomos axudando ao profe a tocalo. É que somos uns artistas...!! Moitas grazas, profe Felipe!!

 
 

 

TRABALLAMOS COA PRENSA

O curso pasado traballamos a prensa e xa coñecíamos moitos xornais: LA VOZ DE GALICIA, FARO DE VIGO, DIARIO DE PONTEVEDRA E DIARIO DE AROUSA xa nos sonaban. Pero hoxe apareceron xornais novos: MARCA, SPORT, ABC. Logo de botarlles unha ollada, vimos que os dous primeiros estaban especializados en información deportiva e que o ABC tiña nome de letras e sabíamos lelo soíños!!







mércores, 7 de novembro de 2012

SEMANA DA TRADICIÓN ORAL

 
 
A segunda semana de novembro está adicada á TRADICIÓN ORAL. Este curso imos celebrala mergullándonos no mundo das ADIVIÑAS. No seu libro: AS ADIVIÑAS, Azucena e Dolores Arias Correa, refírense ás adiviñas como xogos e como xénero da literatura oral popular: "Os xogos de acertar son moi atractivos para nenos e nenas porque se centran nos seus desexos de desvelar misterios, pero tamén foron e serán fórmulas que permiten achegar ás persoas a linguaxe poética encol das cousas, animais e feitos que ocorren no seu redor."
Nós xogamos hoxe ás adiviñas co conto: Los sonidos de...EL BOSQUE, da editorial Combel, cheo de ventaniñas que agachaban as solucións. Acertamos case todas e pasámolo moi ben! Logo tentamos aprender unha para poder dicila na casa:
 
NA TÚA CABEZA
TELO QUE POÑER
PARA NON PASAR FRÍO
O INVERNO QUE VÉN
 
Ao longo deste curso as ADIVIÑAS van aparecer en moitos dos nosos traballos. Ide preparando a vosa escolma!

martes, 6 de novembro de 2012

ONDE SE GARDAN OS LIBROS DE EXIPTO?

A semana pasada ZAPATOCAS tíñanos unha sorpresa: buscara todos os libros que había na biblioteca de Leiro e que falaban de EXIPTO e puxéraos enriba dos andeis para poder miralos. Pero onde hai que gardar os libros de EXIPTO se queremos colocalos no seu sitio? Investigamos que tiñan en común todos os libros e vimos que tiñan un número: o 9, e unha pegatina de cor branca. Puxémonos a buscar máis libros con pegatina branca e... apareceron moitísimos máis!! Están no andel co número 9, correspondente aos libros de HISTORIA. Isto serviunos para comprobar que había dous libros con erros: un tiña a pegatina amarela e o número 8 (estaba no andel equivocado) e outro tiña pegatina amarela e número 9 (había que cambiarlle a cor da pegatina por unha branca). Axiña solucionamos estes dous problemiñas coa axuda da profe. Canto nos gusta facer de detectives!!
 

 
 

CALENDARIO E RESUMO DO MES DE OUTUBRO

Acaba o mes de OUTUBRO e toca facer o resumo: cantos días choveu, cantos fixo sol, cantos días non houbo cole, cantos cumples celebramos... E tamén aprendemos un refrán que fala de como en OUTUBRO, tempo de outono, as árbores quedan peladiñas e as follas cubren os campos e o chan.

xoves, 1 de novembro de 2012

FESTA DO MAGOSTO E SAMAÍN 2012



Que ben o pasamos na FESTA DO MAGOSTO-SAMAÍN do martes!! Na primeira parte da mañá, fixemos unha chea de actividades:
- Xogos castañeiros
- Marcapáxinas do monstro das galletas (que levaremos a casa á volta da ponte)
- Visionado de películas de medo
- Contacontos de moito medo
- Confección do cucurucho de castañas
Logo tocou merendar (fóra, que o tempo acompañou) e xogar mentres agardábamos a chegada do MAGO NOEL. Cando tivo todo preparado, asistimos ao seu impresionante espectáculo de maxia co que nos deixou a todos abraiados.

Moitas grazas ás familias dos nenos e nenas de 5 anos que foron os que lles tocou traer a merenda esta festa. Na vindeira, tócalles aos de 4 anos!! E moitísimas grazas tamén ás familias que colaboraron asando castañas toda a mañá para que puidésemos encher os nosos cucuruchos.