Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 20 de xuño de 2014

NORABOA AMIGUIÑOS!!!


Ímosvos botar moito de menos!! Que teñades un bo comezo na vosa nova etapa de Primaria!! Xa sabedes onde tedes a vosa Escola de Ribadumia, a vosa profe e os vosos amigos e amigas. Vide visitarnos algún día!!

FESTA DE FIN DE CURSO



Hoxe celebramos a festa de fin de curso no pavillón de Sisán. Circuitos, xogos e colchonetas encheron a mañá de diversión. Despois recuperamos forzas, grazas ás merendolas saborosas que prepararon as familias dos nenos e nenas de 3 e 4 anos, para facer as actuacións. La Ratita presumida de Lois, O osiño polar de Leiro, a Danza Kuduro de Sisán e a Bamba divertida de Ribadumia remataron coas cancións da Gamba sandunguera e da Selva. Despedimos cunha sorpresa "a la mexicana" á profe Janet, que o vindeiro curso cambia de cole e os maiores de 5, que marchan para Primaria, recibiron a orla da man das súas titoras. Moitas grazas a todas as familias pola súa colaboración! Pasade un bo verán e vémonos de novo en setembro.






xoves, 19 de xuño de 2014

QUE FIXEMOS A ULTIMA SEMANA DE COLE?

Medímonos e pesámonos, fixemos unha lista e despois, por parellas, fomos apuntando e debuxándonos.


Tamén por parellas xogamos cuns dados novos que trouxo a profe, a ver quen chegaba antes á meta. Primeiro botamos a sortes quen comezaba a tirar (empregando unha das moitas cantilenas que fomos aprendendo ao longo do curso), tiramos e apuntamos canto nos tocou e coloreamos tantas casiñas como manda o dado. Logo tira o contrario e fai o mesmo. O que antes chegue á meta, gaña e tócalle gardar o taboleiro.



Tamén limos contos... hoxe tocou Un gato na árbore, da Editorial OQO. Un conto moi divertido que nos fixo rir e pasar un bo rato. Despois estreamos un novo formato de ficha de lectura, parecido ao que estivemos levando cada fin de semana para facer na casa co libro da biblioteca de aula.


E hoxe tamén, Adrián trouxo unhas fotos do cruceiro ao que foron seus pais para amosarnos como era o barco, a foto co capitán, outra foto cun pirata, o mapa da ruta que fixo desde Barcelona por todo o Mar Mediterráneo... Moitas grazas a Adri e a súa familia, gustáronnos moito!!



ÚLTIMO DÍA DE COLE E... ZAPATOCAS Nº13


Hoxe despedímonos do cole ata setembro. Levamos todos os traballos do terceiro trimestre e o boletín informativo. Na hora do patio fixemos unha pequena festa e as profes repartiron piruletas de corazón. A última hora chegou, recén saída da imprenta, o número 13 da revista ZAPATOCAS. Canto nos gustou atoparnos nas fotos e recoñecer un montón de actividades que fomos facendo ao longo do curso a medida que pasábamos as páxinas! Rematamos coloreando a Félix cunhas ceras novas que pintaban de marabilla. Mañá celebraremos a festa de fin de curso no pavillón de Sisán cunha chea de sorpresas. Estades todos convidados!!!





martes, 17 de xuño de 2014

LUCÍA Y SUS AMIGOS



Lucía é unha nena que está de cumple e convida á súa festa a todos os seus amigos e amigas. A cada un deles gústalle unha cor e a Lucía gústanlle todas as cores, tantas como amigos e amigas que ten!!! E a ti, que cor che gusta máis?

MERGULLO NO MAR CARIBE

Mergullámonos no Mar Caribe con Félix a ver que atopábamos e apareceron estrelas de mar, peixes, anémonas...





venres, 13 de xuño de 2014

CUMPLES DE XUÑO E VERÁN




Hoxe Oliver e Adrián convidáronnos á súa festa de cumple. Fixeron unha tarta ben saborosa e nós preparámoslles unhas coroas preciosas e cantámoslles a pleno pulmón para que puidesen apagar todas as velitas. Parabéns, mociños!!!






xoves, 12 de xuño de 2014

O RATO PÉREZ



A semana pasada, Anxo incorporouse ao noso clube dos mellados cando perdeu o seu primeiro dente. Hoxe fixemos unha estatística e concluímos que Atenea vai gañando con 4 dentes perdidos, séguelle de preto Arón con 3, logo Yago, con 2 e temos un cuádruplo empate entre Felipe, Iria Gabriel e Anxo, aos que lles falta 1 dente. Arón díxolle a Atenea que se ande con coidado, que axiña lle empata !!

APRENDEMOS MÁIS SOBRE FRIDA KAHLO



Aos 18 anos, Frida sufriu un accidente moi grave. Voltaba á casa nun autobús (que en México lle chaman camión) e chocaron cun tranvía. Frida rompeu moitos ósos do seu corpo e tivo que pasar máis dun ano na cama. Durante a súa convalecencia foi cando pintou moitos dos seus cadros máis famosos. Para poder pintar os seus autorretratos, puxéronlle un espello no teito e alí podía mirarse para retratarse. Frida casou co pintor e muralista Diego Rivera. Ao final dos seus días, xa en cadeira de rodas, pintoulle un cadro ao seu médico, Juan Farill, en agradecemento polos seus coidados. Unha frase moi famosa de Frida e que nos gustou moito foi: "Pies, para qué los quiero, si tengo alas para volar". As súas ás eran as que lle daba a súa imaxinación, coa que podía voar a calquer lugar... A Casa Azul, onde Frida naceu e viviu, é hoxe o Museo Frida Kahlo.








BALEAS E GOLFIÑOS


O noso amigo Félix contounos que desde o barco polo que navega o Mar Caribe pode observar enormes baleas e golfiños que saltan sen parar. Nós estivemos investigando un pouco máis ao redor destas dúas grandes familias de cetáceos e grazas a un libriño pequeno pero moi xeitoso (Delfines y ballenas, da Editorial Larousse), xa sabemos moitos máis datos cos que diferenzalas. E moi importante: as baleas e os golfiños non son peixes! Queredes saber tres diferenzas fundamentais entre os peixes e as baleas? 


E mirade que ben sabemos debuxalos!!





MÚSICA NA ESCOLA




Os músicos da Escola Municipal de Música de Ribadumia viñeron onte ofrecernos un concerto. Coma o tempo acompañou, fixérono no patio. Nós na sombriña, eles pasando calor (os pobres), contáronnos o conto de Trompeta e os problemas que tiña porque non quería tocar cos outros instrumentos da banda. O trasno da música xa non sabía o que facer!! Ao final, e grazas á nosa axuda, Trompeta descubriu que xuntos, tocaban moitíiiiisimo mellor. 

Despois tocaron un mambo, cantamos con eles e rematamos bailando. Unha mañá diferente que encheu a nosa escola de música e movemento. Moitas grazas pola visita, mozos!! Cando voltades??








martes, 10 de xuño de 2014

O LIBRO DAS SORTES



Xa rematamos o noso libro: Botámolo a sortes?. Vaia chea de cantilenas que aprendimos este curso grazas ao noso libro viaxeiro, que comezou a súa andadura polas nosas casas aló polo mes de novembro, co gallo da semana da tradición oral. Na aula fomos aprendendo e traballando cada nova aportación e algunha máis que fomos atopando en contos dos Bolechas, ou de Coco, Canela y Anís. Agora cada un temos o noso libriño co que lembralas e compartilas coas nosas familias. A disfrutalas moito!!








xoves, 5 de xuño de 2014

ESCRIBIUNOS ANTÓN CORTIZAS!!



Esta semana enviámoslle un correo electrónico a Antón Cortizas contándolle que ao longo deste curso coñecimos e limos moitos dos seus contos e que nos gustaron moitísimo. Ademais, explicámoslle que grazas ao seu TASTARABÁS aprendimos unha chea de xogos novos e que fixeramos un Calendario de Brinquedos Tradicionais do curso que vén.

Pois hoxe recibimos no noso correo a súa resposta!!

Moitas grazas, Antón!! A nós tamén nos fixo moita ilusión que nos respostaras!! 

CONVIVENCIA NO COLE DE BARRANTES




Como ben sabedes, a maioría dos nenos e nenas do noso cole cando pasan a Primaria van para o CPI Xulia Becerra Malvar. Por iso no mes de xuño organizamos unha convivencia para que coñezan o centro ao que acudirán o vindeiro curso: os seus compañeiros e compañeiras, o profesorado, as instalacións... Sempre atopamos aos nosos compañeiros dos cursos anteriores, feitos xa uns mozos e mozas de Primaria, que se lembran de nós e achéganse a darnos unha aperta e a contarnos que tal lles vai. 

Pois hoxe aló fomos. Collemos o autobús na parada que nos correspondía e ao chegar xa nos estaban agardando. Fixemos un xogo para presentarnos e divididos en dous grupos percorrimos o cole: a aula de música, o comedor, corredores longuísimos, patios enormes, un campo de fútbol, a aula de primaria, o pavillón para facer EF, a biblioteca... e continuamente caras novas que nos saudaban e nos daban a benvida. Todos voltamos a casa moi contentos e agardamos que este bo sabor de boca que nos quedou hoxe, continúe durante toda a Primaria.
















mércores, 4 de xuño de 2014

A CASA DO QUEIXO



Con nervios pero moitas ganas, puxémonos camiño da Casa do Queixo. No autobús deunos tempo a ver unha peli que nos puxo Fran, o condutor, e case sen darnos conta xa estábamos no destino. As monitoras agardábanos para facer os grupos e comezar coas actividades: o proceso da la, a granxa, facemos queixo e xogos tradicionais. Paramos para comer e repoñer forzas e despois continuamos os obradoiros. Antes de voltar merendamos unhas galletas e voltamos a Ribadumia, a maioría esgotados e durmidos, outros aínda con ganas de troula! O tempo acompañou: non choveu nin quentou moito o sol. Agora a descansar, que mañá hai cole!

Deixámosvos algunhas fotos e xa sabedes que na Galería iranse engadindo máis.