Imaxe: Ricardo Liniers Siri

xoves, 30 de abril de 2020

COMO SE FAN AS AREPAS?

A Lía encántanlle as arepas: comelas e facelas! As arepas son un prato típico de Venezuela que admite calquera recheo pero o máis típico é o queixo relado. Na casa de Lía tómanas á hora do almorzo e quixeron compartir con nós a receita. Vaia pinta máis saborosa! Moitas grazas, Lía e familia!
Xa sabedes que podedes mandar as vosas receitas para compartir! Deixámosvos o caderno de actividades Pepa e Rufo na cociña, coeditado por Crispis e Afundación, onde podedes atopar receitas e xogos para disfrutar en familia. Picade aquí para lelo.







GUÍA DE LECTURAS DO UNIVERSO

Remata abril, mes dos libros, e que mellor que facelo cunha guía de lecturas que recolle moitos dos libros que temos na biblioteca e que fomos lendo e consultando ao longo do curso para traballar o proxecto do Universo. Mandámoslle un bico enorme a Zapatocas desde as nosas casas. Temos moitas ganas de volver a velo!






5 MANCHAS DE PINTURA


Hai un libro da editorial Kalandraka que xa ten os seus anos e que temos na biblioteca: O cadro máis bonito do mundo. 
Hoxe imos coñecelo narrado por Luz Pérez nun vídeo. Despois de velo xa sabemos cales eran as 5 cores que empregaba Miró para as súas obras: negra, amarela, vermella, verde e azul.
Agora tócanos a nós facer O cadro máis bonito do mundo. Temos que buscar pola casa as cinco cores que empregaba Miró en rotuladores e ceras. Collemos un papel en branco. Imos empregar a técnica do "debuxo de imaxinación". O adulto colle o rotulador negro e fai 4-5 trazos diferentes no papel. Agora o neno colle os rotuladores e completa como lle parece cada trazo para facer un debuxo (exemplo). Despois pode colorear coas ceras (exemplo). Cando considere que está rematado, pon o seu nome (cada letra dunha cor). Para rematar imos facerlle un marco recortando tiras de revistas das cinco cores que empregaba Miró (exemplo). E xa temos... o cadro máis bonito do mundo! (exemplo
Enseñádesnos como vos quedaron de chulos?







mércores, 29 de abril de 2020

MIRÓ ESCULTOR



Joan Miró facía esculturas. Moitas delas con materiais de refugallo que ía atopando nos seus paseos pola praia, nas súas viaxes... Hoxe imos coñecer unha obra que se titula Personaxe e que aparece no vídeo. 
Recoñecedes algunha parte da escultura? Probade a facela con materiais que teñades na casa e mandade unha foto comentando que empregáchedes. Despois buscádelle un sitiño para expoñela onde se poida ver ben!
Picando na foto veredes a versión da profe.




martes, 28 de abril de 2020

MÓVETE CONNOSCO NA CASA

A actividade física e as técnicas de relaxación poden ser ferramentas útiles para axudar a manter a calma e seguir protexendo a saúde durante o tempo de confinamento.
A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dun grupo de especialistas en educación física e das súas familias, deseñou unha programación semanal que permite ao alumnado traballar algúns destes aspectos.
Estes vídeos constan dunha serie de actividades físicas cunha duración de 15 minutos aproximadamente, deseñadas para ser desenvoltas na casa, sen apenas material específico e dunha maneira sinxela, divertida e significativa.
Animádevos a facelos! De seguro que pasaredes un bo rato!


JOAN MIRÓ I FERRER

Joan Miró neno


Imos aprender algún dato da biografía de Joan Miró e aproveitar para traballar os nosos.
Joan Miró i Ferrer naceu en Barcelona o 20 de abril de 1893. Como me chamo e apelido eu? Onde nacín? Que día, mes e ano? Imos aprendelo! Preguntade na casa. Seguro que foi un día moi importante para a familia. Por que teño este nome? Quen o elixiu? Quen foi a primeira persoa que me veu visitar? Cal foi o meu primeiro xoguete? Imos mergullarnos nas lembranzas daquel día tan especial buscando fotos na casa de cando nacimos, de cando eramos bebés. Animádesvos? 


luns, 27 de abril de 2020

42 DÍAS DESPOIS...

Saímos ás rúas, ao campo, ao monte...e atopamos...



Mateo paseando coas súas cadeliñas Luna e Venus


Leo saiu coa bici

Joel saiu con Hugo, o seu irmán

A primavera encheu o campo de flores!

Imos recoller pampullos para facer o Maio!

Martín no seu "paseo especial"

Marta en patinete e Alba en bici
Mateo xogando coa area
na praia

Mateo correndo
na praia



A FESTA DOS MAIOS

Unímonos á proposta da profe Ana desde a Aula de Natureza e convidámosvos a participar na celebración dos Maios desde as vosas casas. 


JOAN MIRÓ: OLLOS E ESTRELAS

Joan Miró- "Ojos y Estrellas" from S. Aguiar on Vimeo.

Antes de que empezara o confinamento, fixemos unha primeira aproximación a toda a bibliografía sobre Joan Miró que Zapatocas tiña na nosa biblioteca. A meirande parte eran fondos novos preparados para mergullarnos no fantástico mundo deste gran artista. Como agora non é posible consultalos, procuraremos material na rede e tentaremos adaptalo o mellor posible ás novas circunstancias coa vosa axuda.
Comezamos unha nova semana vendo o vídeo Ojos y Estrellas e presentando a primeira obra de Miró, que fixo cando só tiña 8 anos empregando un lapis e acuarelas de cores. Unha tartaruga que nos recorda a Borja, a mascota do cole que coidamos coa profe Ana. Mirade aquí como medrou desde que chegou ao CRA.


Tedes algunha tartaruga nas vosas casas? Non ten que ser unha tartaruga de verdade! Pode ser un conto, un peluche, un cadro, un broche, debuxada na louza, algunha foto que fixerades nalgunha viaxe... Convídovos a que mandedes unha foto e tamén a que tentedes debuxala vós: inventádelle un nome e escribídeo xunto ao debuxo: TARTARUGA _________


A tartaruga Anita, de Leo


A tartaruga de Marta chámase Green.
Tamén nos manda fotos das súas tartarugas!
A tartaruga de Lía chámase Mariquita


MÁIS COMEFROITAS!



Comefroitas # 7 de Dana e Adriana (3 froitas)



venres, 24 de abril de 2020

IMOS PODER SAÍR

Este domingo 26 de abril imos poder saír da casa para dar un paseo por primeira vez desde hai moito tempo (máis dun mes!). Vai ser un día moi especial no que o sentidiño ten que estar presente máis que nunca. Oso Goloso e a súa familia queren darvos unhas recomendacións (picade na imaxe para poder lelas)
Como vai ser un día cheo de emocións, convídovos a compartir como vos sentíchedes e a  encher o blog coas fotos que fagades pola rúa: xogando, con quen vos acompañe (irmáns, papá, mamá...), se vedes algo especial que vos chamou a atención (unha flor, unha árbore de primavera, un insecto, o mar, a praia, tendas pechadas...). Seguro que tedes moitas ganas de saír! 


Fonte: Carmen Esteban @mipsicologainfantil

GIANNI RODARI NA CASA O VENRES

Rematando a entrega de contacontos na Semana do Libro. O venres, a profe Montse presenta...
Moitas grazas, profe Montse polo teu traballo, feito con tanto agarimo! Gustáronnos moito os teus contos!



xoves, 23 de abril de 2020

ZAPATOCAS E O DÍA DO LIBRO



Hoxe celebramos o Día do Libro, un día que fai moi feliz a Zapatocas, a mascota da nosa biblioteca. El tiña preparada unha pequena festa cos libros que quería compartir con nós. Como non podemos ir ao cole, mándanos un recado. Queredes escoitalo? Picade aquí.

O libro que temos prestado da biblioteca do cole! Si, o da bolsa vermella! Onde andará? Temos que buscalo pola casa e facernos unha foto con el aberto, como aparece na ilustración de arriba.


Zapatocas

A profe xa mandou a súa foto co Libro de Gloria Fuertes para niñas y niños e quere compartir unha páxina con vós na que aparece un poema que se titula: Don Libro está helado. Queredes escoitalo? Picade aquí.



E agora xa sabemos que para que os libros non teñan frío, temos que lelos. E que mellor forma de celebrar o Día do Libro que lendo. Felices lecturas e Feliz Día do Libro!


Don Caballito de mar está na casa de Lía

A eiruga larpeira está na casa de Leo

O parruliño feo está na casa de Marta


A mochila viaxeira chea de contos
está na casa de Dana e Adriana



GIANNI RODARI NA CASA O DÍA DO LIBRO

Que conto terá a profe Montse preparado para un día tan especial?


XOGUETES RECICLADOS





Martín e os seus prismáticos mirando o seu castelo!



Ao longo destes días, a imaxinación está traballa que traballa e non paramos de crear. Os 3R: Reciclar, Reutilizar e Reducir aparecen nos xoguetes e xogos que inventamos con material de refugallo. Queredes ver que chuladas? Mirade, mirade...


Coche de Martín

Foguete, coche e prismáticos
de Martín


As ás de cartón de Mateo

Mateo e as súas ás de cartón


mércores, 22 de abril de 2020

NOVOS COMEFROITAS DIVERTIDOS

Seguen chegando Comefroitas divertidos para o xogo das adiviñas. Nalgún hai que poñer a traballar moito a cabeciña porque as froitas están moi agachadas! Están todos xenial!

Comefroitas #4 de Marta (3 froitas)


Comefroitas #5 de Joel (3 froitas)


Comefroitas #6 de Joel (3 froitas)


DÍA DA TERRA

O 22 de abril celébrase o Día Internacional da Terra. E este ano é o 50 aniversario! 50 anos lembrando o importante que é que todos colaboremos en coidala cada día. A NASA tamén fixo un vídeo para contarnos como colaboran no seu coidado. 
No vídeo de abaixo podedes ver o conto ¿Qué le pasa al planeta? Despois de velo xa sabemos cantas cousiñas pequenas podemos facer para coidar o noso planeta. Que vos parece se facemos un xoguete con material de refugallo e compartímolo para que os demais tamén podan facelo? Picade aquí para ver suxestións. Ao mellor ao longo destes días xa fixestes algún/s. Facédelles unha foto e mandádea. Construíndo xoguetes con material de refugallo estamos a traballar os 3R: Reciclar, Reutilizar e Reducir, ademais de poñer a traballar a nosa imaxinación. Así tamén coidamos o planeta!

O cartel de Lía no Día da Terra.
Ela vai axudar o planeta non tirando lixo.
Bravo, Lía!



GIANNI RODARI NA CASA O MÉRCORES

Un novo conto de Gianni Rodari na Semana do Libro. A profe Montse presenta...


martes, 21 de abril de 2020

FUGA DE SÍLABAS

Para os que xa estades lendo, picando na foto accederedes a un xogo no que desapareceron sílabas e hai que atopalas. Descargamos o arquivo no ordenador. Abrides a presentación, elixides só lectura. Despois arriba Ver presentación e abre pantalla completa. Na esquerda elixides a actividade que queirades e xa se pode comezar a xogar.

GIANNI RODARI NA CASA O MARTES

Un novo conto de Gianni Rodari!! A profe Montse presenta...




luns, 20 de abril de 2020

GIANNI RODARI NA CASA O LUNS

A profe Montse, ao longo desta semana, para celebrar o Día do Libro, vainos contar cada día un conto de Gianni Rodari no ano do seu centenario. Lembrades os que contamos no cole que tanto nos gustaron? Pois imos coñecer moitos máis. Con todo o seu agarimo, desde a súa casa, a profe Montse presenta...




BUSCANDO RIMAS

Comeza unha nova semana. Pero esta semana é especial porque o 23 de abril celébrase o Día do Libro. Un día que lle encanta a Zapatocas. Estade atentos porque seguro que está a preparar algo especial.
Mentres, imos propoñervos un xogo de rimas ao que podedes acceder picando na imaxe. Podedes xogar as veces que queirades cambiando o nome cada vez que accededes novamente (engadide números, por exemplo: Marta, Marta1, Marta2...).


Despois de buscar as rimas no xogo, podedes buscar máis rimas vós. Eliximos unha palabra, escribímola e facemos o debuxo. Despois temos que buscar outra máis que rime con ela, escribila e debuxala. E finalmente, con esas 2 palabras, escribimos un poema. Seremos quen de facelo?  Mirade aquí para suxestións. Aos máis pequenos podemos axudalos escribíndolles as dúas palabras que riman e eles tentan copialas e facer o debuxo. O poema poden facelo de forma oral e aprendelo. 





domingo, 19 de abril de 2020

CARLA NA CASA


Chegan fotos de Carla na casa. Hai tempo para xogar coa tablet pero tamén para coidar e darlles de comer ás galiñas. Fáltanos saber se tamén vai polos ovos e os conta para saber cantos puxeron cada día. Se fas foto, mándanola, Carla!