Imaxe: Ricardo Liniers Siri

mércores, 29 de setembro de 2021

FACENDO CLIC AO NOSO BOCATA

 Marchando un bocata de atún e un Megaketchup para a merenda de hoxe! Que aínda non tedes ideas para facer clic ao voso bocata? Picade aquí para abrir a nosa bocatería do curso pasado e lendo os códigos QR elixide o bocata que máis vos guste!



ARTISTEANDO CON ELEMENTOS DO OUTONO

 As landras que apañamos onte engadímolas á nosa caixa de outono. E como estaba tan chea botamos todo o que había dentro no chan e puxémonos a imaxinar. Casas, gatos, papaventos, flores...






martes, 28 de setembro de 2021

luns, 27 de setembro de 2021

LUCIANA FAI 5!

 No mes de setembro Luciana fai 5! E hoxe celebrámolo cantándolle e acompañándoa nas súas 5 voltas ao sol. Parabéns, Luciana!








venres, 24 de setembro de 2021

MANS QUE SON ÁRBORES

 



Mans que se transforman en árbores, cores de outono ao redor. E facelo ao aire libre, con bo tempo e rodeados de natureza, non ten prezo! Os venres artisteamos coa profe Olalla☺




xoves, 23 de setembro de 2021

CHEGAN AS LETRAS PEQUENAS

 Asociamos as letras maiúsculas coas minúsculas e lemos as parellas. Escritas son diferentes mais soan igual. Nos vídeos podedes ver os xogos que fixemos para emparellar, ler e compoñer algunha palabriña: Leo, Lía, Lola, Loli, lila, lúa, Ali. Lembramos que os nomes propios sempre comezan con letra maiúscula! Podedes facelos tamén na casa.















PAISAXES DE OUTONO

 Árbores espidas, follas no chan, ourixos, castañas, landras, lobos, Caparuchiñas, avoíñas que agardan pola neta, cogumelos, caracois... Sacamos a lupa para mirar o outono.



E TI, COMO TE CHAMAS?

As letras do meu nome, a miña inicial... Imos compoñer o noso nome con letras móbiles para írmonos familiarizando con elas. Eu son...




mércores, 22 de setembro de 2021

O OUTONO XA CHEGOU!

 E xa vai deixando pistas aló por onde imos de paseo: follas, landras, castañas, ourizos... Atopastes algunha?

Xaime e as landras foi o conto que nos acompañou na hora de lectura despois do patio. E despois xogamos coas follas e os froitos de dúas árbores: carballos e castiñeiros. Seguro que agora cando as vexamos nalgures, imos identificalas axiña.





Tamén cantamos!







martes, 21 de setembro de 2021

PRIMEIRO MARTES EN LEIRO

 Alí estaba Zapatocas, a mascota da biblioteca, agardando por nós. Sabedes que este curso podemos retomar o empréstito de contos? Pois si! E xa levamos o primeiro libro para as nosas casas na bolsa vermella. Tedes toda a semana para gozar coa súa lectura en familia.



Que bonitos os nosos retratos de Zapatocas! Sae ben favorecido!







Tamén coñecimos a Mimi, a mascota da aula de inglés, saímos ao xardín a apañar abelás e traballamos en informática coa profe Iria. Un martes moi atarefado!


ESCOLA DE MÚSICA DO CONCELLO DE RIBADUMIA

Se vos interesa, xa está aberto o prazo de matrícula!



 

venres, 17 de setembro de 2021

xoves, 16 de setembro de 2021

MÚSICA!

 Hoxe coa profe Olalla enchimos de música e bailes a nosa aula. Que ben o pasamos! Os luns a primeira hora, máis!












sábado, 11 de setembro de 2021

xoves, 9 de setembro de 2021

22ª CAMPAÑA DE SAÚDE VISUAL ALAIN AFFLELOU

 



Un ano máis, coa volta ao cole, a Fundación Alain Afflelou pon en marcha a súa Campaña escolar en favor da saúde visual facendo unha revisión de balde para nenas e nenos de entre 5 e 7 anos e agasallando as lentes graduadas en caso de necesitalas.

Picade aquí para máis información.

mércores, 1 de setembro de 2021

CHEGA O CURSO 2021-2022. VOLTAMOS AO COLE!


Queridas familias,

Este ano o inicio das clases vai vir marcado polas recomendacións que marca o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022. Dende a escola estamos traballando para cumprir coas indicacións marcadas e ter todo listo para comezar desde o primeiro día nun entorno seguro. A reunión de principio de curso non poderá celebrarse presencialmente así que nos vindeiros días poñerémonos en contacto con todas as familias por teléfono ou correo electrónico para informarvos das novidades e aclarar as posibles dúbidas que poidan xurdir.

O horario do xoves día 9 de setembro para o alumnado de 4 e 5 anos será de 9 a 13:45 horas. O alumnado de 3 anos incorporarase en horario de 11:00 a 13:00 horas.