Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 29 de novembro de 2013

CULTURGAL 2013

http://culturgal.com/es/
 
Esta fin de semana podemos visitar o CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais, en Pontevedra. Picade aquí e na imaxe para ler toda a información e consultar a programación de cada día.


xoves, 28 de novembro de 2013

CUMPLES NOVEMBRO

 
 
Hoxe fixeron a súa tarta de cumple YAGO, LUCÍA, NEREA e TONI. Festa rachada para celebrar un aniño máis e que nos imos facendo maiores. Coma sempre, deliciosa. Parabéns, mociños!!!!
 
 

martes, 26 de novembro de 2013

O APALPADOR

 

 
Un ano máis achégase o Nadal e con el o Apalpador. Hoxe contamos a historia onde se presenta e conta como o día de Nadal baixa da súa casa nas montañas do Courel ás casas dos nenos e nenas e logo de apapalparlles as barriguiñas para ver se están ben mantidos, déixalles castañas na mesiña de noite e xoguetes de madeira, que el mesmo fai, agochados pola casa.
 
 
Ao longo do mes de decembro imos ir coñecendo os animais e as árbores que hai no Courel e que forman parte da paisaxe onde vive o noso amigo o Apalpador.

 

xoves, 21 de novembro de 2013

BOTÁMOLO A SORTES?

O libro viaxeiro xa comezou a súa andadura e nós andamos a ampliar o noso repertorio de cantinelas para botar a sortes. O que leva o libro unha fin de semana bota a sortes, coa cantinela que elixiu, a quen lle toca levalo a seguinte fin de semana. Primeiro tocoulle a Felipe e coa súa cantinela limos o libriño Vamos a dibujar un gato e aprendimos a debuxalo. Logo tocoulle a Lara e co seu xogo de rifar un peixe fixemos peixiños con pinzas da roupa que falan e todo! Lara rifou e tocoulle a...Nerea!! A ver que xogo nos trae!




QUIMONO XAPONÉS



Lembrades que Oliver trouxera da súa casa o quimono de home para que o puidéramos ver no cole? Pois hoxe vimos o quimono de muller: de seda e con debuxos de dragóns e pavos reais. Atenea e Sofía fixéronos de modelos. Tamén aprendimos como se chama o calzado que acompaña ao quimono e rimos cos tabi, eses calcetíns tan curiosos que inventaron para poder poñelos cos geta e que separan o dedo gordo do pe dos demais dedos. Os nosos calcetíns non son así! E axiña nos descalzamos para comprobalo.


mércores, 20 de novembro de 2013

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA

 
Hoxe celebramos o Día universal da infancia, o día no que lembramos que os nenos e nenas temos dereitos: a ter un nome, unha familia que nos queira, a que nos curen se estamos maliños, a xogar, a participar, a ir á escola, a que nos protexan... No conto Tengo derecho a ser niño, da editorial Blume, puidemos ver cales son eses dereitos nunhas preciosas ilustracións. Temos moita sorte porque nós podemos disfrutar de todos os dereitos dos que nos fala este libro . Pero hai moitos nenos e nenas que non poden dicir o mesmo. No cole hoxe falamos de dereitos e de desexos. Cando estamos de cumple e acendemos as candeas da tarta, pensamos un desexo e sopramos coa ilusión de que se cumpra. Pois hoxe acendimos una candea por cada dereito e soprámolas co desexo de que todos os nenos e nenas do mundo poidan desfrutar dos seus dereitos.
 
 
 

martes, 19 de novembro de 2013

DEBUXO O MEU COLE

A semana pasada chegounos unha carta  dos Bolechas na que nos propoñían debuxar o noso cole. Armados de lapis e cores ata os dentes, dispuxémonos a demostrarlles aos Bolechas que a nosa escola é a máis bonita de todas. Alguén o dubidaba?

 

xoves, 14 de novembro de 2013

DICIONARIO DA CONVIVENCIA

 
Xa hai varios cursos que participamos nas propostas que a Fundación Meniños nos envía. Hoxe recibimos un agasallo por participar o pasado curso: una libreta dos Bolechas para cada un. Se queredes ver o dossier cos traballos dos centros que participamos picade aquí.

A CASTAÑA GALEGA EN XAPÓN





Mirando a prensa dixital atopamos na Voz de Galicia unha nova que falaba dunha fábrica de Ourense que fai un montón de diferentes productos coas castañas: marron glacé, puré, crema, licor e mesmo cervexa! Nós falamos de que nas nosas casas as comemos asadas, cocidas, con leite, mesmo crúas. Chamounos a atención que desde Xapón teñan tanto interese polas nosas castañas. E é que están tan ricas...!!

martes, 12 de novembro de 2013

CONTÍN CONTÓN

Do recuncho de Antón Cortizas na biblioteca de Leiro, hoxe coñecimos un novo conto: CONTÍN CONTÓN, de Edicións Embora e ilustrado por Leandro Lamas. A historia dun animaliño que come os froitos dun piñeiro máxico e esquece quen é. Os animais que vai atopando pola fraga non queren axudalo pero chega a unha escola onde os meniños lle lembran o seu nome.

CASTAÑAS E OURIZOS

 
Estamos no tempo das castañas e falando dos ourizos Arón explicounos que para abrilos temos que facelo cos pés, a ser posible cunhas boas botas postas, e nunca coas mans porque podes picalas! Nós aprendimos un poema que di así:
 
A castaña no ourizo
eu ben sei o que fai
cando está verde, madura,
cando está madura, cae.
 
 

sábado, 9 de novembro de 2013

LIBRO VIAXEIRO: BOTAR A SORTES




Esta fin de semana comezou a súa andadura polas nosas casas o libro viaxeiro no que imos recompilar fórmulas para botar a sortes. Na primeira páxina vai a explicación do que hai que facer. Só temos que lela e despois de mirar o que xa fixeron os nenos que levaron o libro previamente ás súas casas, buscar a páxina que nos toca e escribir e ilustrar o noso xogo. Tamén podemos engadir unha pequena explicación do xogo. Lembrade que na rede podemos atopar suxerencias. Na páxina Orella pendella temos algunhas. Moitas grazas pola vosa valiosa colaboración!!





ADIVIÑA QUEN É

 
Xa descubrimos a solución da adiviña!! Logo de varios días de pistas e de moito pensar...
 


chegamos

á

conclusión

de

que

era...



 
 
 

O DÍA DOS NENOS EN XAPÓN: KOINOBORI

 
 

O 5 de maio celébrase en Xapón o Día dos nenos. A xoaniña Juanita visitounos e contounos algo máis sobre esta celebración. As familias colgan dos tellados das súas casas as KOINOBORIS: carpas voadoras que representan todos os seus membros, maiores e pequenos. Tamén nos dixo que ese día bañan aos nenos en auga de iris, una planta mediciñal, para que lles dea forza e enerxía todo o ano.
Juanita agasallounos cun koinobori no que sae ela e que axiña quixemos probar colgándoo dunha árbore do patio. Como voaba!! Nós tamén fixemos o noso propio koinobori para colgalo na casa.

 
 

mércores, 6 de novembro de 2013

AS LETRAS DO MEU NOME

Xa case podemos dicir que recoñecemos o noso nome e o dos compañeiros da nosa mesa. Pouco a pouco imos familiarizándonos con el e coas súas letras. Desta volta un vento toleirón mesturounas e nós tivemos que buscalas e mételas en casiñas. Que ben o fixemos!!
 
 

RESUMO DO MES DE OUTUBRO

martes, 5 de novembro de 2013

SEMANA DA TRADICIÓN ORAL

A segunda semana de novembro celébrase a Semana da tradición oral. Hoxe coñecimos a colección de contos "dediños", da editorial Tambre. O seu autor é Antón Cortizas, escritor e poeta ao que imos ir coñecendo xunto coas súas obras ao longo do curso. Esta colección de contiños recolle varias fórmulas da tradición oral moi coñecidas e que algúns xa sabemos.
http://www.orellapendella.org/xogos_para_botar_as_sortes
 
 
Tamén en breve imos poñer en marcha un libro viaxeiro no que pedimos colaboración ás familias para facer entre todas unha recompilación de fórmulas para botar a sortes. Podedes consultar a páxina Orella pendella se queredes ver algún exemplo.
 
 

luns, 4 de novembro de 2013

BENTO XAPONÉS

Os nenos e nenas xaponeses levan o seu almorzo á escola nunha caixa compartimentada que se chama bento. As mamás preparan verdadeiras obras de arte para que os seus meniños desfruten comendo. Picade aquí para ver algún exemplo.
 
No conto Yoko, da editorial Everest, puidemos comprobar como o sushi ao final triunfa no almorzo do cole entre os amiguiños de Yoko, aínda que ao principio non se atreven a probalo.
 
Nós preparamos o bento de Sakura, ao que non lle falta detalle. O ovo con forma de coelliño e a salchicha-polbo deben estar deliciosos!!