Imaxe: Ricardo Liniers Siri

martes, 31 de marzo de 2020

MATEO SPIDERMAN

Mateo tiña moitas ganas de ensinarnos a súa cara pintada de Spiderman. Mirade que máscara tan fantástica lle quedou!


Tamén nos conta que está coidando a horta.


E que se disfraza e pinta as uñas de cores. Están preciosas, Mateo!





LEO COCIÑEIRO

Recén saída do forno, chega a primeira receita de Leo, que xunto coa súa nai Raquel cociñou un rolo de carne que está dicindo "Cómeme". Non deberon de quedar nin as migas. Estamos descubrindo novos talentos estes días. Xenial, Leo!
A ver quen se anima a mandar a segunda receita!


QUEBRACABEZAS





Onte na Voz de Galicia apareceu unha noticia interesante. Hai moita xente que aproveitando que temos que estar na casa fai quebracabezas. Alessandra Dosil vai a campionatos e todo. É unha especialista poñendo pezas! Picade na foto para ler a noticia completa e ver o vídeo a cámara rápida de como fixo o puzle a protagonista da noticia. 
No cole gústanos moito facelos tamén. Estades facendo algún na casa estes días? A profe animouse cun de 1000 pezas que acaba de rematar. Déixovos a foto para que vexades o resultado. Levou moitos días facelo!




luns, 30 de marzo de 2020

DE OCA A OCA


Seguro que igual que Dana e Adri nos contaron que estes días xogan ao Monopoly en familia, moitos estades redescubrindo xogos de mesa como a Oca, o Parchís, as cartas... Deixámosvos unha Oca para xogar cos números, letras e formas. Podedes imprimir o taboleiro e colorear as casiñas de letras dunha cor, as de números doutra e as das formas doutra antes de xogar para que vos queden máis bonitas. E despois... a poñer a proba o que sabemos!
Fonte: familiaycole.com


ABALAR MÓBIL

Queridas familias,
seguramente moitas de vós, se tedes fillos ou fillas en Primaria, xa coñecedes esta aplicación e mesmo a tedes instalada no voso móbil.
Abalar Móbil é unha aplicación da Xunta con diferentes funcionalidades e servizos para as familias. Na situación na que nos atopamos, será a maneira que teremos desde o cole para que poidades consultar as cualificacións dos vosos fillos e fillas ante a imposibilidade de facervos chegar impreso o boletín informativo da segunda avaliación. 
Neste enlace tedes un titorial de axuda para instalar e empregar a aplicación AbalarMóbil. E aquí o enlace ao blog principal do CRA con máis información.
Unha aperta e moito ánimo!


DANA E ADRIANA

Chegan noticias de Dana e de Adri! Están moi atarefadas coidando as plantas e árbores que teñen no xardín da súa casa. Pero tamén deixan un ratiño para ler un pouco cada día e xogar unha partida ao Monopoly en familia.









venres, 27 de marzo de 2020

OS COMEFROITAS

Os Comefroitas mándannos moito ánimo para estes días e lémbrannos a importancia de seguir comendo froita. Non vos esquezades de apuntalo no Álbum! Como vai ese mes de marzo? En nada xa comezamos abril e os Comefroitas dirannos cales son as froitas de tempada do novo mes.
Tamén nos mandan estes labirintos despois de ver os que fixo Leo. Seremos quen de resolvelos?







E se vos animadess a facer unha receita na casa e queredes compartila no blog, aquí vos deixamos unhas plantillas que vos poden servir para organizarvos na cociña. Se xuntamos moitas, podemos facer un libro con todas!

Mi Grimorio Escolar

Mi Grimorio Escolar


QUE FAI LEO NA CASA?

 Leo mándanos unha chea de fotos con todo o que está a facer na casa estes días. Seguro que nos dá moitas ideas. Mirade, mirade...


Fai labirintos

E labirintos máis difíciles


Debuxou o coronavirus 

Le e busca palabras nun libro

Axuda na casa e cociña

Xoga co comecocos dos Arroases

Toca o piano







A PRIMAVERA DE MARTÍN

Martín fixo un mural de primavera precioso con témperas, ceras, pegatinas e trevos do xardín. Ata vexo unha xoaniña entre as flores. A ver se vai ser a nosa Juanita, que nos veu visitar! Dan ganas de pasear por ese campo e ler un libro á sombra desa árbore chea de flores... Estás feito un artista, Martín!





xoves, 26 de marzo de 2020

NIMROD




No Faro de Vigo falan da mensaxe positiva que a Orquestra Sinfónica de Galicia quere mandarnos nestes días.

SÉ NIMROD, UN REBELDE, NO TE RINDAS Edward Elgar (1857-1934) «Nimrod», Var. nº 9 de «Variaciones enigma» op. 36 «Si te puede el desánimo, la soledad o la tristeza; cuando te falte el aliento o creas que te fallan las fuerzas; cuando el dolor te aplaste o creas que ya todo está perdido, no te rindas: sé Nimrod, rebelde a la espera de un nuevo amanecer en el que volveremos a estar juntos. No te rindas: quienes cada día construimos la Sinfónica de Galicia te enviamos este mensaje de esperanza tocando sin rendirnos» [OSG]







CONCURSO DE DEBUXO "LEO NA CASA" DA EDITORIAL GALAXIA


 Se tedes redes sociais como Twitter ou Instagram, podedes participar cos vosos fillos e fillas neste concurso de debuxo da Editorial Galaxia.  Picando na imaxe accederedes ás bases do concurso. Ánimo, artistas!

XOGOS E MÁIS RECURSOS


Nesta web atoparedes propostas para xogar aos xogos de sempre.





Gálix ofrécenos unha selección de recursos que se van actualizando e engadindo. Picade na imaxe para saber máis.

mércores, 25 de marzo de 2020

LÍA

Chegan noticias de Lía e mándanos fotos dun experimento que fixo na casa. Nada máis e nada menos que facer que un volcán erupcione! Estás feita unha verdadeira científica, Lía!



Se queredes probar na casa, podedes facer un volcán cun limón. Mirade no vídeo.


OS CONTOS DE... OLGA DE DIOS

A autora e ilustradora Olga de Dios pon á nosa disposición varios dos seus contos. Picade nas imaxes para poder lelos. Tamén podedes imprimir os personaxes de Pájaro Amarillo para colorear e escribir os seus nomes aquí
Cal vos gustou máis? Animádesvos a facer un debuxo? Tedes algún destes libros na casa ou algún outro desta autora? Mandádenos fotos!





XULIA

Temos noticias de Xulia! Que alegría máis grande! Mándanos fotos do Universo que colgou co seu pai na lámpada do salón e da tenda de chuches e xoguetes na que traballa de dependenta. Que atarefada estás, Xulia! E que ganas de pasar pola túa tenda para falar contigo mentres comemos lambonadas e xogamos...



martes, 24 de marzo de 2020

MATEMÁTICAS CON PLASTILINA

O primeiro que necesitamos, é plastilina. Non tedes na casa? neste enlace tedes unha receita ben xeitosa. Unha vez que teñamos a plastilina imos xogar con ela e con palillos para construír figuras xeométricas como as da imaxe. Picando nela abriredes un enlace de mumuchu.com coa explicación da actividades e na parte de abaixo un pdf cos imprimibles.


Despois de construír as figuras básicas podemos facer coleccións de obxectos que teñamos na casa con cada unha das formas. Comezamos por exemplo buscando obxectos que teñan forma de triángulo e ímolos colocando nunha mesa. A ver cantos atopamos! Os que xa saben escribir poden ir apuntando nun papel os nomes dos obxectos. Cando nos pareza que temos suficientes, contámolos, colocámolos e facémoslle unha foto á colección. Que nos quede ben bonita! Así con cada unha das formas. Podemos xogar cada día cunha forma: o día do cadrado, o día do círculo... Lembrade antes de comezar o xogo que ao rematar hai que recoller e deixar cada obxecto no seu sitio.

Outro xogo coa plastilina pode ser facer moitas boliñas pequenas e deixalas no medio da mesa. Cando teñamos moitas, imos por un dado. Tiramos o dado por orde e temos que coller do medio as bolas que indique o dado. Cando xa non queden boliñas no medio, acábase o xogo. Facemos reconto e falamos: quen ten máis, quen ten menos, cantas temos de cada cor (se as boliñas son de diferentes cores)... Podemos xogar varias partidas.




luns, 23 de marzo de 2020

FACEMOS UN COMECOCOS?

O CSIC proponnos facer un comecocos científico con preguntas relacionadas co mar. Algunhas ao mellor as sabemos pero outras teremos que investigar un pouquiño para poderlles dar resposta. Ánimo, equipo de Arroases!
Tamén podemos inventar o noso propio comecocos e mandar unha foto para compartilo. Seguro que na vosa casa os maiores xogaron a este xogo cando eran pequenos. A que si?
Picade na imaxe e atoparedes suxestións que vos poden axudar.

pintandounamama.es

BAILE TRADICIONAL NA CASA

O mestre da baile tradicional Antonio Prado publica vídeos para aprender a bailar a xota e a muiñeira na casa e en familia. Que boa iniciativa! Compartimos aquí os vídeos que vaia colgando para aprender con el. Tamén podedes atopalos picando aquí.


domingo, 22 de marzo de 2020

LEO

Mirade de que maneira tan fantástica quixo Leo darlle a benvida á primavera. Cantos detalles e canto traballo! Encántanos, Leo! Dan ganas de poñerse a pasear por ese campo e ir cantándolles ás árbores: A mazá na maceira, a ameixa na ameixeira, o limón no limoeiro, que soliño máis riseiro.


sábado, 21 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DA POESÍA


Hoxe celebramos o Día Mundial da Poesía e queremos compartir unha iniciativa que propoñen desde Gálix: participar desde a casa no concurso Un poema na túa Voz.


Como nós aínda non temos a idade mínima para participar (pero sabemos que moitos tedes irmáns, curmáns e amigos maiores aos que lles podemos dicir que participen), podemos mandar ao correo da aula un audio/vídeo recitando un anaquiño dun poema que nos guste e colgámolo nesta entrada. A nosa proposta está aberta a toda a familia, sen límite de idade! Animádevos a participar!
Neste enlace podedes atopar moitos poemas: Catavento de poemas infantís. Tamén podedes recitar calquera da colección Do berce á lúa que sabemos de memoria: Lúa, Froitas... Algún de Rosalía de Castro, de Gloria Fuertes... Hai moitísimos! 

Follas Novas (Rosalía de Castro)  Audio Profe Marta


MARTÍN

Mirade que foguete máis chulo fixo Martín na casa coa súa nai. De seguro que vai descubrir moitos planetas novos nas súas viaxes espaciais. Vaia enxeñeiros que estades feitos!