Imaxe: Ricardo Liniers Siri

xoves, 25 de xuño de 2020

BOLSAS DE MATERIAL ESCOLAR DO CONCELLO DE RIBADUMIA



O Concello de Ribadumia abre o prazo (do 25 de xuño ao 14 de xullo) para solicitar bolsas de material escolar para Educación Infantil, Primaria e Secundaria para o curso 2020/2021. Máis información nos Servicios Sociais do Concello de 9 a 14h.

ESCOLA DE VERÁN DO CONCELLO DE RIBADUMIA



Aberto o prazo de inscrición (do 22 ao 26 de xuño) na Escola de Verán do Concello de Ribadumia para os meses de xullo e agosto. Nos enlaces tedes os documentos. Máis información chamando ao Concello e na súa web

venres, 19 de xuño de 2020

FELIZ VERÁN!


Que teñades un moi feliz verán! Xogade, lede contos, paseade, ide á praia...disfrutade moito coas vosas familias! Vémonos en setembro! 




GRADUADOS 2020

Queridos Dana, Leo, Joel e Lía:
Despois de tres anos xuntos remata a vosa etapa en Infantil. En setembro comezades a Primaria! Ímosvos botar moito de menos. Xa nos tarda que nos contedes as novidades. Foi unha sorte camiñar ao voso lado neste tempo tan bonito, descubrindo xuntos o mundo. Querémosvos moitísimo!


xoves, 18 de xuño de 2020

PRIMEIRAS RECEITAS DAS COCIÑEIRAS ILUSTRADAS

Aquí están as primeiras vídeo-receitas das Cociñeiras ilustradas con debuxos de Ana Varela: Cornete de pavo e verduras de primeiro e galletas de leite condensado de sobremesa.




ABECEDARIO MIRÓ CON CHISPA

Abecedario Miró é un dos libros que temos na biblioteca do cole e que aparecen na guía de lectura do artista. Dispoñible en catro idiomas (castelán, catalán, inglés e francés), asocia cada letra do abecedario a unha palabra e a unha imaxe relacionada co universo Miró. É unha mágoa que non podamos tocalo e miralo no cole. Pero no vídeo podedes velo por dentro.


Gustouvos? Cal é a palabra que aparece na inicial do voso nome? Coñecedes o seu significado? Algunhas palabras son un pouco complicadas! Outras só poden entenderse dentro do universo Miró. Podemos preguntar na casa que significan e tamén buscalas no dicionario. 
Nun papel imos apuntar todas as letras que coñecemos. Seguro que son moitas! As do noso nome, as dos nomes dos compañeiros...
Miró ten uns cadros titulados Letras e cifras atraídas por unha chispa que podemos probar a facer nós na casa. Pintamos a chispa e o fondo empregando produtos naturais: café, colorante alimentario, pimentón, perexil, terra, cacao, viño... Mentres o fondo vai secando, recortamos letras e números de revistas, xornais... Tamén podemos coller as que escribimos antes no folio e recortalas. Agora imos pegalas por todo o cadro. Xa temos as nosas letras e cifras atraídas pola chispa!





mércores, 17 de xuño de 2020

CAMPAMENTOS DE VERÁN NA CASA


En Afundación teñen campamentos de verán virtuais de balde moi interesantes: música, teatro, artes plásticas... Picade na imaxe para ler toda a información.

OS PLANETAS





Hoxe descubrimos o conto Los Planetas, de Margarita del Mazo e Cecilia Moreno, pertencente á colección Miau Cartón da Editorial Jaguar. E neste enlace aprenderedes a facer con material de refugallo un telescopio para ver as constelacións que está xenial.


martes, 16 de xuño de 2020

SARDIÑAS



Sabedes que en Lisboa todos os anos fan un concurso de debuxos de sardiñas para celebrar as súas famosas festas de Santo Antonio? No 2020 recibiron máis de 3600 propostas de 53 países! Agora que se achega a noite máxica de San Xoán onde o lume e as sardiñas son protagonistas, imos facerlle unha homenaxe ao refraneiro "Polo San Xoán, a sardiña pinga o pan" e tomando como referencia os debuxos gañadores, imos crear as nosas sardiñas. Animádesvos? Collede a plantilla da sardiña e a poñer a cabeciña a pensar! Podemos debuxala, facela con cartón e material de refugallo, con elementos naturais... 



Os Arroases convídanvos a mandar unha foto comendo sardiñas. Aquí tedes unha receita para facelas na casa asadas no forno. Se preferides en empanada picade aquí. E se queredes lembrar os bocatas do cole, aquí tedes receitas para poñerlle as pilas aos vosos bocatas. Comendo sardiñas somos máis fortes!



luns, 15 de xuño de 2020

AVALIACIÓN TERCEIRO TRIMESTRE

Xa podedes consultar os boletíns informativos coas cualificacións do terceiro trimestre na aplicación Abalar. Picade aquí para máis información.

PASEO FAMILIAR EN BICI


Paseo de domingo nas bicis en familia. Marta aprendeu a andar sen rodíns durante o confinamento. E sabedes quen foi a súa mestra? Pois a súa irmá Alba! Agora xa son as dúas expertas ciclistas. Bravo, mozas!

A MÁQUINA DE RESTAR



Lembrades a máquina de sumar? Pois hoxe no vídeo imos aprender a facer unha máquina de restar con material de refugallo.
En Educaplanet podedes atopar o Póster de restar e exercicios para practicar sumas e restas sinxelas
Tamén podedes inventar problemas e empregar a máquina de restar para resolvelos: Se teño 6 cereixas e como 3, cantas me quedan? Tiña 5 cromos e regaleille a Sara 2. Cantos me quedan?

venres, 12 de xuño de 2020

GUÍA DE LECTURA DE JOAN MIRÓ

Deixámosvos a guía de lectura que fixo a profe Ángeles con bibliografía de Joan Miró que temos na biblioteca. Zapatocas mándavos unha chea de bicos!






xoves, 11 de xuño de 2020

PREINSCRICIÓN ESCOLA DE VERÁN 2020 CONCELLO DE RIBADUMIA

Entre o 9 e o 15 de xuño está aberto o prazo de preinscrición para a Escola de Verán 2020 do Concello de Ribadumia. A continuación aparece a información colgada na páxina do Concello. Contactade con eles se queredes facer algunha consulta.

Nesta semana o Concello de Ribadumia e representantes dos campus e escolas de verán reuníronse para analizar a viabilidade de organizar estas actividades durante os meses de xullo e agosto. A COVID 19 vai condicionar sen dúbida a realización das mesmas e de levarse a cabo toda a programación: horarios, espazos, rutinas e todas as actividades. E todo isto a espera dun protocolo claro e concreto por parte das Autoridades Sanitarias e da Administración competente que a partir do luns, con Galicia xa na fase 3 sería a Xunta. A dia de hoxe e a falta da autorización e do coñecemento dese protocolo de medidas de hixiene e seguridade o Concello e as diferentes entidades, prevén certas actuacións que son as que xa se están a tomar en outras actividades: • Distanciamento físico e uso de mascarillas nas situación que así o requiran. • Grupos con proporción alumnos/ monitor tal e como marquen as normas. • As actividades grupais como excursións a dia de hoxe serían inviables e as actividades exteriores como os descansos ou os xogos se farían respetando o distanciamento e a non interacción entre os grupos de cada monitor. • Prescindiriase do servizo de comedor. • Toma de temperatura na entrada e medidas de actuación en caso de sintomatoloxía compatible coa COVID 19 tal e como marquen as Autoridades Sanitarias • Outras medidas pendentes de decidir en función do pronunciamento das Administracións competentes ou do que valore Concello e entidades para tentar garantir a segurudade e saúde dos usuarios e monitores. Na última reunión, celebrada onte pola tarde o Concello e as demais entidades decidiron abrir un prazo de PREINSCRIPCIÓN dende o martes 9 de xuño ata o luns 15. O obxectivo é poder ter unha previsión do número de usuarios de cada actividade para poder valorar, unha vez se coñezan os datos e xa haxa máis información de protocolos sanitarios ,a viabilidade das mesmas e tomar xa a decisión definitiva de se este verán se levan a cabo e as normas e condicións definitivas. Esta preinscripción non é vinculante e , en caso de poder realizarse, abririase posteriormente un prazo de matriculación por parte das entidades que organicen actividades, donde se informaría ás familias con máis detalle. Os interesados nesta preinscripción de carácter informativo, deben dirixirse para a súa formalización á entidad organizadora que escollan. Serían: • Escola de Verán Concello de Ribadumia. • VII Edición Campus Multideportivo Umia CF. • Escola de verán da asociación Proescola de Música. • Campus de tenis de mesa de Sisán. • Campus de bicis club ciclista Ribadumia




martes, 9 de xuño de 2020

BALADA DEL CARACOL NEGRO

O pasado 3 de xuño celebrouse o 102 aniversario do nacemento de Federico García Lorca. Imos achegarnos aos seus poemas da man da banda Billy Boom Band e o seu disco Lorca Pop. Xa o coñecíades? Que di a canción? Seredes quen de debuxar este poema?


MATEO CICLISTA

A Mateo tamén lle encanta pasear na súa bicicleta vermella! Veña, ciclistas, animádevos a mandar as vosas fotos celebrando o Día da bicicleta!


luns, 8 de xuño de 2020

O ATRAPASOÑOS DE LÍA E MOITO MÁIS

Ademais de facer un atrapasoños precioso, Lía mándanos unha chea de noticias e traballos que quere compartir con nós. Moitas grazas, Lía! Encántanos ter noticias túas!

O atrapasoños de Lía


O castelo de cartón de Lía
O peixe cantante de Joan Miró está cantando...
Picade aquí para sabelo

Quen vivirá neste castelo?
A familia de Lía cun puñado de botóns

O galo de Miró coas cores de Lía





Juanita foi visitar a Lía! Seguro que lle
apetecía refrescarse na súa piscina!



ADIVIÑA COMEFROITAS DE LÍA



Este Adiviña Comefroitas de Lía parece a portada dun conto! Ademáis de adiviñar as froitas, a ver se sabedes cal é o conto que dicimos. A poñer a cabeciña a pensar!

VAI DE BICIS

Xa temos as primeiras fotos de ciclistas celebrando o Día Internacional da Bicicleta! A Martín encántalle ir con seu pai. Na súa familia son moito de pasear na bici disfrutando da natureza. Xenial, Martín! E Lía tamén pedalea como unha campioa. Que lonxe vai!
Aínda nos faltan moitos ciclistas por mandar as súas fotos. Animádevos!

Martín e o seu pai na bici


Lía na súa bici

venres, 5 de xuño de 2020

AVISO IMPORTANTE: ENTREGA E RECOLLIDA DO MATERIAL AULA RIBADUMIA B







Queridas familias,

debido á situación de emerxencia sanitaria na que nos atopamos, vémonos na obriga de tomar unha serie de medidas preventivas en materia de saúde pública de acordo coa Resolución do 22-05-2020, da Consellería de Educación, para a recollida e devolución do material. Esta realizarase o mércores día 10 de xuño e serán obrigatorias as seguintes normas:

- A entrada ao recinto farase pola porta da rampla (Aula Ribadumia B)

- A entrega/devolución do material farase pola ventá da aula que dá á fachada principal da escola (Aula Ribadumia B)

- Deberase manter a distancia de seguridade en todo momento e empregar máscara.

- A hixiene das mans será obrigatoria antes e despois da recollida do material. A estes efectos, haberá na ventá un dispensador de solución hidroalcólica.

- Soamente unha persoa da familia será a encargada de devolver o libro da biblioteca na súa bolsa e tamén, no caso de que os teñades na casa, a mochila viaxeira da biblioteca, os cadernos viaxeiros e os contos da biblioteca de aula.

- A titora faravos entrega do material que hai que devolver (carpeta, traballos, libros, cadernos, pandeireta...) nunha bolsa.

- A persoa encargada de facer a devolución/recollida do material asinará un xustificante e traerá, na medida do posible, o seu propio bolígrafo para minimizar o emprego de elementos de contacto. No caso de non poder vir ningún familiar ese día, podedes autorizar a outra persoa.

- Non estárá permitido:

  • O acceso ao interior da escola
  • O uso do patio
  • As reunións de varias persoas no recinto escolar
  • A asistencia dos nenos e nenas.

Contactade coa titora no correo electrónico auladeribadumiab@gmail.com se tedes calquera dúbida. 
No caso de que haxa algún cambio antes da data de recollida e devolución do material, comunicarémolo no blog. 
Moitas grazas pola vosa colaboración.



xoves, 4 de xuño de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA BICICLETA






O 3 de xuño celébrase cada ano o Día Internacional da Bicicleta. Foron moitos os que se uniron a festexar este día felicitando as súas bicicletas, compartindo contos na rede con bicis como protagonistas e mesmo repartíndoos polas rúas empregando este medio de transporte limpo, non contaminante e que nos axuda a facer exercicio e manternos en forma.
Seguro que vós tamén tedes unha bicicleta á que felicitar, non si? A vosa querida bici na que dades paseos, facedes carreiras e disfrutades ao aire libre. Imos facerlle unha homenaxe ás nosas bicicletas mandando unha foto subidos nelas. Se sodes de pedalear en familia, podedes saír todos na foto! Animádevos! E non esquezades o casco!

No vídeo, Doña Eremita sobre ruedas, de Quentin Blake. Edicións Ekaré.




Bibliotecarias das Bibliotecas de Coruña
levando lecturas en bicicleta
aos colectivos do barrio
o Día Internacional da Bicicleta

ARELAS DE MAR





O vindeiro 8 de xuño celébrase o Día Mundial dos Océanos. Unímonos á proposta da profe Ana  e compartimos a campaña #ArelaDeMar. 
Unha arela é un desexo, un devezo moi forte por algo e a ansia por conseguilo. Na situación que estamos a vivir, moitos compartimos a arela de volver gozar do océano voltando ás praias, paseando pola beira do mar... e queremos velo limpo, libre de plásticos e cheo de vida.
Xa fúchedes á praia? Como a atopáchedes? Estaba limpa? Se queredes compartir fotos do que atopáchedes nas vosas voltas á praia, podedes mandalas para compartir.
E se queredes participar coas vosas arelas, tedes toda a información picando aquí.

ENSALADA DE MANS

Lembrades a proposta que fixemos a partir do libro La cocina de dibujos de Hervé Tullet? Pois Marta fixo unha Ensalada de mans que lle quedou de rechupete: colorida, creativa e saborosa! Parabéns para a chef Marta!


VÍDEO DOS COMEFROITAS DA PROFE LUPE

Non vos perdades o vídeo que fixo a profe Lupe dos Comefroitas! Está xenial! Picade na imaxe para ir á entrada do seu blog e velo.
Coñeciades a canción que se escoita no vídeo? A ver se sodes quen de apuntar e contar todas as froitas que aparecen na canción! Afinade os oídos!



mércores, 3 de xuño de 2020

COMEFROITAS DO MES DE XUÑO

Marta completou o Comefroitas do mes de maio! Seguro que os Comefroitas están pegando chimpos de alegría ao enterarse! Parabéns, Marta! Es a raíña do mes!

Marta, a raíña dos Comefroitas do mes de maio
E agora... imos ver que froitas de tempada son as do mes de xuño. Queredes coñecelas? Son 11! Se queredes apuntalas picade aquí
Marta e Alba trouxeron ameixas para compartir e despedir o curso o ano pasado. Lembrádesvos? Estaban deliciosas! Seguro que un ano despois a ameixeira está cargadiña outra vez...

CEREIXAS

ALBARICOQUES

MELOCOTÓN

NECTARINA

PLÁTANO


AGUACATE

BÉVERA

FRAMBOESAS

AMEIXAS

MELÓN

SANDÍA