Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 18 de decembro de 2015

FESTA DE NADAL

Hoxe celebramos a festa de Nadal na Casa da Cultura de Ribadumia. Despois dos obradoiros da primeira parte da mañán, chegou a actuación de Kids&Us: Santa's Elves, en inglés. Logo tocou repoñer forzas coa merenda a cantar as panxoliñas que cada escola tiña preparadas. A visita do Apalpador, que chegou para recoller as nosas cartas (moito que ler vai ter estes días!) e rematamos cunha panxoliña andaluza que puxo o punto final á festa. Moitas grazas ás familias por participar e pola vosa colaboración! Felices festas a todas e vémonos á volta das vacacións o 7 de xaneiro!!








LEVAMOS OS TRABALLOS DO PRIMEIRO TRIMESTRE

Onte levamos para casa a carpeta cos traballos do primeiro trimestre. Non vaiades pensar que está todo aí! Hai moitas cousiñas que aprendemos e que non se traducen en papel! A verdade é que nos gusta moito miralos e ir pasando as páxinas coma se dun libro se tratase. E certamente serve de libro de lembranzas porque aparecen traballos que xa non nos acordaba que fixeramos. Sentade cos vosos pequenos e pequenas a miralo na casa e que vos vaian contando o que alí aparece, xa veredes cantas cousas descubrides!


mércores, 9 de decembro de 2015

XOGANDO CON PAPÁ NOEL

Picade na imaxe e poderedes descubrir unha chea de xogos, con novidades diarias ata o día de Noiteboa!


martes, 8 de decembro de 2015

APRENDEMOS NANAS

A primeira que temos que aprender é a que trouxemos escrita da casa para poder cantala aos compañeiros e que todos poidamos aprendela. E así pouco a pouco estamos aprendendo as nanas que cantan os demais. Temos algunhas que nos enviaron o enlace ao correo do cole e gústanos ver o vídeo e escoitalas. Deixámolas aquí por se queredes cantalas na casa.

O canto de berce de Hugo:


O canto de berce de Oliver:





O RÍO GUADALQUIVIR


Cantando unha canción que xa coñecíamos descubrimos que o río Guadalquivir onde pesca Pinocho está en Andalucía! Miramos no mapa e vimos por onde pasa, onde nace e onde desemboca. Falamos do río que temos moi pretiño do cole, o Umia, e de se algún fora pescar algunha vez e con quen. E aprendimos un anaquiño novo da canción que non coñecíamos. Queredes escoitala?







mércores, 2 de decembro de 2015

CULTURGAL 2015





Esta fin de semana, os días 4, 5 e 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra celébrase unha nova edición do Culturgal. Podedes consultar a Programación Infantil e Familiar neste enlace. Música, teatro, libros, ciencia, xogos e xoguetes tradicionais e bebeteca ao longo dos tres días.

Se vos interesa ir en tren, podedes imprimir o bono desconto aquí


OS REIS MAGOS




martes, 1 de decembro de 2015

NANAS NA BIBLIOTECA

Zapatocas apareceu na biblioteca no medio dunha chea de libros e CDs de nanas. Escoitamos algunha, Zapatocas durmiu pero nós tamén! Escoitando os arrolos parecía que viña Pedro Chosco!

Por certo, xa chegaron as nanas que nos cantaban cando eramos pequenos xunto coas fotos. Pero para compartilas temos que sabelas e por iso hai que traelas aprendidas da casiña. Unha moi boa opción é facer un vídeo ou un audio (cun teléfono móbil é moi sinxelo e non leva nada de tempo) e envialo ao correo da escola: escoladeribadumia@gmail.com. Así poderemos escoitalas e cantalas xuntos! Axudádesnos?





ESPANTALLO AMIGO





Esta semana estamos coñecendo a Espantallo Amigo, o protagonista dunha das obras de Xosé Neira Vilas. A nosa pequeniña homenaxe a un dos grandes escritores en lingua galega desde a aula de RibadumiaB.


E aquí vos deixamos a foto do libro Espantallo amigo que nos trouxo Lucía, cunha adicatoria de Neira Vilas e Anisia!