Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 31 de maio de 2019

O MURO DA ESCOLA

Había unha vez un muro gris que estaba moi triste porque non parecía o muro dunha escola. El soñaba con ter cores e debuxos para que os nenos e nenas da escola miraran para el. Así pasaron moitos anos ata que o avó de Lois, o avó Pepe, que ten algo de mago, colleu os seus pinceis variña e as cores do arco da vella e comezou a transformación... O día que o muro apareceu pintado de branco, unha mañá de maio, os nenos e nenas miraron para el coma se fose a primeira vez que o vían: PINTARON O MURO! PINTARON O MURO DE BRANCO! E a partir dese día no muro ían aparecendo debuxos como por arte de maxia e os nenos e nenas do cole falaban do muro, do bonito que estaba quedando e de que era unha sorte que o avó de Lois fose un artista e quixera pintar alí no noso cole. Porque cando as cousas se fan con agarimo, sempre se acada algo bonito. E o muro gris da escola serviu para unir avós e netos, experiencia con gañas de aprender, maiores e pequenos, veciñanza e escola...
Moitísimas grazas avó Pepe polo teu traballo e o teu agarimo! 








Pepe Noya, o avó de Lois, sae no Faro de Vigo



Cartel da Festa do viño tinto 2019

Autor: Pepe Noya

Preparando un agasallo para o avó Pepe.





xoves, 30 de maio de 2019

RETRATANDO A ANTONIO FRAGUAS


O bo tempo anima a saír fóra e a sacar a artista que levamos dentro.







A MERENDA DO XOVES É...

Froita, como ben sabedes. Pero hoxe, animados polos contos de serpes de Antonio Fraguas, fixemos unha serpe de anacos de froita, con todas as que trouxemos para merendar, que case nos sae por fóra da mesa! A verdade é que estaba ben saborosa. Hoxe non nos comeu a serpe de Fraguas, hoxe merendámola nós a ela!










O CIRCO DE VERÁN CHEGA A SISÁN

Lembrades que no Entroido nos disfrazamos de magos? Pois ide sacando o disfrace do armario, que na festa de fin de curso imos volver a poñelo porque o circo de verán chega a Sisán. Estamos montando o festival preparando nas escolas diferentes números de circo para que disfrutedes con nós do espectáculo máis grande do mundo. Polo de agora andamos a voltas co cartel que anunciará o gran día: nome, debuxo, deseño...






mércores, 29 de maio de 2019

ANTONIO FRAGUAS E O QUE SABÍA DAS SERPES



Pili disfrázase de Antón Fraguas para contar uns contos de cobras que o autor oíu de pequeno e transcribiu no libro O que eu sabía das serpes. Hai historias de cobras que rodan coma unha roda, de cobras que hipnotizan e mesmo matan coa mirada.

O libro dos Bolechas homenaxe a Antonio Fraguas cóntanos unha chea de historias sobre as serpes.
Mesmo aprendimos unha frase para dicir o día de San Xoán ao saltar a fogueira: "Salto o lume de San Xoán para que non me morda cobra nin can". E simulando unha fogueira saltamos de un en un dicindo a frase! Non esquezades dicila a noite do 24 de xuño!






AS FOTOS DE LOIS

Hoxe Lois trouxo as fotos das súas vacacións para que vísemos o ben que o pasou. Primeiro puxémolas todas na mesa e despois cada un escolleu as dúas que máis lle gustaron para que Lois nolas explicase. Gustáronnos moitísimo!



FERNANDO BOTERO PINTOR E ESCULTOR


Con este vídeo aprendimos un pouco máis da biografía do artista Fernando Botero. O seu estilo, o Boterismo, está presente en cada unha das súas obras. Sabíades que tamén fixo reproduccións de cadros famosos doutros artistas pero dándolles o seu estilo persoal?








martes, 28 de maio de 2019

XORNADA DE EDUCACIÓN VIAL 2019


Hoxe celebramos en Sisán a IV Xornada de Educación Vial organizada coa axuda da DGT e Paco, da Autoescola Barrantes. Tamén fixemos un obradoiro de Clown con Fátima Rey de Tatana Teatro no que aprendimos a facer rir coma os pallasos, e coñecimos o que fan no colombódromo Derby Rías Baixas 
Moitas grazas a todos por colaborar desinteresadamente nesta xornada de convivencia e facela posible. Pasámolo moi ben!
Saímos na Voz de Galicia e no Canal Rías Baixas 























Picade aquí para ler o conto






venres, 24 de maio de 2019

SLACKLINE: ACROBACIAS NO PATIO COA PROFE OLALLA

Hoxe a profe Olalla traía unha caixa con sorpresa: o material necesario para practicar Slackline. Non vos podedes imaxinar o difícil que é manter o equilibrio na cinta. Pero probando e tentándoo pasámolo xenial.


Vendo un vídeo de Slackline

A ver, a ver... con coidadiño...








CHEGOU O CARTEIRO CUNHA POSTAL PARA NÓS


Vaia sorpresa! Lois mandounos unha postal contándonos o ben que o estaba pasando nas vacacións. Mirámola e despois de lela falamos dos selos, do enderezo... Moitas grazas a Lois e á súa familia! Gustounos moito!

mércores, 22 de maio de 2019

AVISO IMPORTANTE

Aviso importante para as familias dos nenos e nenas que comezan 1º de Primaria o curso vindeiro.  

Preguntade no centro de Primaria onde ides formalizar a matrícula das vosas fillas e fillos para informarvos.





SORPRESA NA PRENSA!

Cando estamos lendo o xornal e aparecen noticias onde atopamos amigos ou irmáns, emocionámonos! Joel levou o Faro de Vigo a casa para compartilo coa súa familia e que Hugo poida gardar a noticia.



E ao día seguinte foi Joel o que trouxo o Faro de Vigo para que na páxina 4 do suplemento Campeones buscáramos a ver se coñeciamos alguén. Vaia se os atopamos!



martes, 21 de maio de 2019

O RECUNCHO DOS SUPERAVÓS NA BIBLIOTECA


O recuncho dos superavós estaba cheo de contos e hoxe escollemos...


E despois debuxamos os nosos avós e avoas para poñer no mural.