Imaxe: Ricardo Liniers Siri

xoves, 31 de maio de 2018

SEGUIMOS CON SABELA Á PROCURA DO TESOURO DA ESCOLA

Lembrades que o martes atopamos en Leiro a última pista do mestre arquitecto que nos mandaba ir á aula de música?  Pois ao chegar a Ribadumia buscamos onde damos clase coa profe Olalla e alí, xunto a un pandeiro, estaba a seguinte pista e unha nova ferramenta: a escuadra.



Limos a carta e unha nova pista levounos á nosa aula. Axiña atopamos un novo sobre xunto cunha chea de pezas de construcción: para que serían?




Así que collemos os trebellos e puxémonos a crear a nosa cidade, como nos ensinou o mestre arquitecto. Non lle faltou nadiña! A cidade máis bonita do mundo!








TOPITO TERREMOTO E AS MASCOTAS DA FADA DO BOSQUE

Topito Terremoto pediulle axuda á fada do bosque. Na súa casa, a fada do bosque ten dúas mascotas: un peixe e un gato. Nós falamos unha vez máis das mascotas, da importancia de coidalas e de canto as queremos.


PINTAMOS COMO SOROLLA: O BALANDRIÑO


PEQUENA BIOGRAFÍA DE JOAQUÍN SOROLLA


IMOS COÑECER O SEMENTEIRO DA FAMILIA DE LÍA

Xa facía tempo que a avoa de Lía nos convidara a visitar e coñecer o sementeiro que teñen moi pretiño da nosa escola. E onte puxémonos en marcha despois de merendar, co noso chaleco de peóns e poñendo en práctica todo o que sabemos sobre mobilidade sostible e segura: imos camiñando en fila, pegados á beiriña, cruzamos polo paso de peóns despois de mirar ben que non veñen coches...e así, disfrutando da paisaxe da nosa contorna, chegamos ao sementeiro. Xa nos agardaban para recibirnos. Unha vez alí vimos como funcionaba a máquina sementeira, coñecimos diferentes tipos de sementes, visitamos o invernadoiro e aprendimos como coidan as plantas. Miramos o termómetro e o higrómetro, que miden a temperatura e o grao de humidade e vimos con que aparello regan as plantiñas.
Para rematar, agasalláronnos cunha leituga e unha col que teremos que plantar e coidar para que medren e despois poder comelas. Moitísimas grazas á familia de Lía por recibirnos con tanto agarimo. Aprendimos moito!









OS AMIGOS QUÉRENSE

E nós esta semana botamos moito de menos a Rodrigo, que está recuperándose para voltar de novo ao cole a xogar e aprender con nós. Mandámoslle unha chea de bicos que sanan e escribímoslle unha postal para que saiba canto o queremos. Unha aperta grande, Rodrigo!


martes, 29 de maio de 2018

ELISA COMPLETA O ÁLBUM DOS BOCATAS DE LATA!

Hoxe Elisa conseguiu a última pegatina do seu álbum de bocatas de lata. Nada máis e nada menos que 24 bocatas de peixe comeu desde que comezou o curso! Así que os Arroases mandáronlle o seu diploma de Capitana Arroaz, máis latas para que lle siga poñendo as pilas aos seus bocatas e un agasallo sorpresa. Noraboa, Elisa!!


ACRÓSTICOS



Fonte: aventuradiminuta@blogspot.com



SABELA E O TESOURO DA ESCOLA

Onte no patio apareceu un sobre cunha carta asinada polo mestre arquitecto. E que é un arquitecto? Vimos dous vídeos que nos recomendou Sabela e que nos axudaron a comprendelo mellor: O vídeo do arquitecto e Que é a Arquitectura?



Logo de ler a carta e pensando, pensando chegamos á conclusión que a aula onde máis movemos o corpo é na que facemos Educación Física así que hoxe ao chegar a Leiro puxémonos a buscar e alí atopamos outra carta cunha nova pista e un aparello que non coñeciamos: un compás. 
A nova pista levounos á biblioteca, onde atopamos outro sobre e un cartafol cheo de planos. A seguinte pista levounos a unha aula chea de ratos. Sabedes cal? A de informática! E detrás da pizarra dixital, un sobre e outro aparello que tampouco coñeciamos: un cartabón. A última pista que atopamos levaranos novamente á Escola de Ribadumia porque fala dunha aula onde podemos facer unha orquestra: a de música! (Iso xa volo contaremos...)

Pero por hoxe xa nos chegaba con tanta información e alá fomos á biblioteca a probar o compás e o cartabón. Sabedes que isto de conseguir facer un círculo cun compás non é nada doado? A profe trouxo tamén uns moi grandes que son para empregar na pizarra de xiz. Case non collían no folio!
Tamén observamos os planos do cartafol e conseguimos atopar un campo de fútbol, mesas e cadeiras, os váteres e os lavabos, escaleiras, a aula de música, a aula de informática...






venres, 25 de maio de 2018

XORNADA DE EDUCACIÓN VIAL 2018

Hoxe celebramos no pavillón de Sisán as III Xornadas de Educación Vial organizadas coa colaboración da DGT, de Paco da Autoescola Barrantes e do ciclista profesional Gustavo César Veloso. Moitísimas grazas a todos por compartir con nós esta xornada na que aprendemos a desprazarnos de forma segura desde moi pequenos!
















venres, 18 de maio de 2018

CONTACONTOS SEMANA DAS LETRAS GALEGAS



Como remate final da Semana das Letras Galegas na Escola de Ribadumia, tivemos o pracer de contar con dous contacontos moi especiais: Lucía e Hugo, antigos alumnos da nosa escola que viñeron a contarnos algún dos contos da obra de María Victoria Moreno Eu conto, ti cantas e Polo camiño, de Mariana Ruíz Johnson. Moitísimas grazas por vir!



xoves, 17 de maio de 2018

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS



Animación de Carlos Lago (O Terser Home) para o tema "Chea de vida" recollido no disco "Lúas de outubro e agosto" de Guadi Galego.
(Letra e música: Pachi García Alis).

mércores, 16 de maio de 2018

UN CACHIÑO DE BICA?

No libro de María Victoria Moreno, Eu conto, ti cantas, limos un fragmento dun dos contos que se titula: Un cachiño de bica?:

Pedín café con leite
á camareira
e tróuxome unha cunca
chea de letras.

E unha culler
por se me viña antollo
de remexer.

As letras eran doces
eu tiña fame
e decidín comelas
ata fartarme.

Mais tiñan vida
eu achegaba á boca
e elas fuxían.

Eran lenes e dondas, 
as máis das letras,
sorrían en colores
de bolboretas...

E chanceaban:
cando eu quería pillalas,
elas voaban.

Brincaban ao seu gusto
sobre o mantel
xuntándose en palabras 
que puiden ler:
amor e pan
casa, escola e camiños,
Nica e Iván...

Hoxe quixemos facerlle unha homenaxe a esta obra de María Victoria Moreno con letras, letras galegas, letras de galleta. Letras que tamén andaban polo mantel e que se xuntaban formando palabras que poidemos ler e despois comer. Feliz día das Letras Galegas!