Imaxe: Ricardo Liniers Siri

xoves, 31 de xaneiro de 2013

CONTOS DE ELEFANTES

Outras dúas recomendacións que nos mandou FÉLIX (e que nos encantaron), esta vez de contos de ELEFANTES: ROSA CARAMELO e CO DEDO NO NARIZ.

RESUMO DO MES DE XANEIRO

Pois xa acabamos o primeiro mes do 2013. Que axiña pasou! A vindeira semana xa entramos no Entroido!! Aquí vos deixamos o resumo de xaneiro.
 


 

mércores, 30 de xaneiro de 2013

DÍA DA PAZ


Lembrades que hai uns días vos dixemos que estabamos a preparar algo especial para o 30 de xaneiro? Pois por fin chegou o día e xa o temos rematado. O noso mural do DÍA DA PAZ xa adorna a parede da nosa escola. Un traballo en equipo feito a partir dun cadro de DALÍ: A rosa meditativa, ao que lle demos un toque especial. Gústavos?

 

Tamén celebramos este día especial cunha festa na que compartimos cos nenos e nenas da outra clase "palomitas", xogamos xuntos e levamos para casa as nosas pombiñas. Feliz día e que os bicos de paz enchan todos os días do ano!
 


 

luns, 28 de xaneiro de 2013

TEMOS VISITA DESDE KENIA


 
Que sorpresa levamos hoxe! Felipe trouxo da súa casa o seu ELEFANTE africano (el asegura que é de Kenia) para que o coñecéramos. O elefante chámase Larry, tróuxollo Papá Noel desde Kenia e saudounos coa súa trompa. Viña acompañado dun libriño que falaba de elefantes. Despois de lelo soubemos que cando teñen calor os elefantes moven as orellas como abanos para refrescarse e que a trompa é unha extensión do seu nariz coa que poden respirar, olfatear, mesmo coller obxectos! Tamén a usan como ducha e cando se mergullan no río sácana fóra da auga para respirar. Aprendemos que estes animais comen herba, froitos, raíces e cortiza das árbores, que arrancan cos seus colmillos. Logo amosámoslle a nosa bóla do mundo e coa trompa sinalounos onde quedaba Kenia. Moi interesante a visita de Larry e o seu libro. Grazas Felipe por compartilo con todos!
 
 

venres, 25 de xaneiro de 2013

RECUNCHO DE KENIA

 
Como xa sabedes, FÉLIX continúa as súas aventuras viaxeiras e este trimestre vai estar en KENIA. Unha vez máis, pedimos a vosa colaboración para crear no cole un recuncho de KENIA. A partir da vindeira semana podedes ir traendo ao cole todos aqueles obxectos que teñades na casa relacionados con este país: libros, fotografías, información de internet, curiosidades, receitas... Calquera aportación sempre é ben recibida. Moitísimas grazas pola vosa axuda!

CUMPLES DE XANEIRO

Hoxe celebramos os cumples de xaneiro. ATENEA, que cumpliu 5 anos, e JOSÉ MANUEL, que cumpliu 4, son os maiores da nosa clase. Tocoulles a eles prepararnos a tarta de galletas con chocolate coa que nos convidaron despois. Coma sempre, non quedou nadiña. PARABÉNS, mociños!!

Como o mes pasado CARLA e PAULA non puideron facer a súa tarta de cumple, fixérona hoxe. Picade aquí para ver as fotos.
 
 

A CEBRA CAMILA

Hoxe un conto novo recomendado por FÉLIX. Desta vez A CEBRA CAMILA. Seica en KENIA hai moitas cebras, eses "cabalos con pixama de raias" dos que nos fala na súa carta.
 
 

REFRÁN DE XANEIRO

Este mes eliximos un refrán que vén moito a conto: EN XANEIRO, FRÍO NO CORPO ENTEIRO. E é que levamos un comezo de ano cunha chea de temporais, vento, choiva e frío que non paramos. Por iso nós, que sempre imos abrigadiños, no cole cantámoslle ao inverno:

INVERNO CHEGOU
HAISE QUE ABRIGAR
ABRIGO, BUFANDA
E LUVAS NAS MANS
 
 

mércores, 23 de xaneiro de 2013

A MÁSCARA DO LEÓN


A MÁSCARA DO LEÓN é o título do conto que limos hoxe no cole, lectura recomendada polo noso amigo FÉLIX, que nos vai facer unha selección de contos onde aparecen os animais que vai atopando de safari por KENIA. Esta vez tocoulle ao LEÓN e nesta aventura tiña moitos problemas porque el quería rir, pasalo ben e xogar á pilla coa súa amiga a cebra pero o seu pai pensaba que así nunca chegaría a ser o Rei.
 
 
 

martes, 22 de xaneiro de 2013

KENIA ESTÁ EN ÁFRICA

Seguimos a FÉLIX na súa aventura por ÁFRICA. Hoxe Zapatocas tíñanos un libro na biblioteca de Leiro cheo de adiviñas de animais que FÉLIX vai ir atopando en KENIA. Para axudarnos a adiviñar, o libro tiña os sons que fai cada animal. Había que estar moi caladiños e moi atentos! Grazas, Zapatocas, gustounos moito!

domingo, 20 de xaneiro de 2013

FÉLIX EN KENIA




O venres tivemos unha sorpresa moi especial: CARTA DE FÉLIX!! Tíñamos tantas ganas de lela que non eramos quen de estar sentados. Na súa carta Félix cóntanos que logo visitar Exipto, segue de viaxe por África e acaba de chegar a KENIA. Xa foi de SAFARI e veu animais que nunca vira: LEÓNS, MONOS, ELEFANTES... Fala de que en Kenia vai moita calor aínda que están en inverno e que as praias son preciosas.



Cantas cousas nos conta Félix! Logo de ler a carta abrimos a nosa nova bóla do mundo para buscar onde estaba Kenia. Para iso tivemos que quedar ás escuras porque a bóla acéndese e ilumina os países. Gustounos moitísimo!!




E para rematar, nas nosas cestas de animais buscamos aqueles que viven en Kenia para despois debuxalos. Estamos feitos uns artistas!


XUNTOS FACEMOS...

O venres comezamos a facer un mural entre nós e os nenos e nenas da outra clase. Xuntos, traballando en equipo, imos construir algo moi especial para o 30 de xaneiro.


mércores, 16 de xaneiro de 2013

XOGAMOS ÁS ADIVIÑAS?


Primeiro trouxemos da casa unha adiviña, logo pintamos unha porta para agachar a solución, despois xuntamos todo e o resultado foi o libro: XOGAMOS ÁS ADIVIÑAS?, co que estamos xogando a adiviñar un pouquiño cada día.  Mirade que bonito nos quedou!

martes, 15 de xaneiro de 2013

ADIVIÑA QUEN É: PERSONAXES DE LÚA



 



 
Xa hai tempo que vos falamos do moito que nos gusta o conto de LÚA. Sabemos contalo, cantalo...e agora andamos a voltas cos seus personaxes dunha forma moi divertida. A profe recítanos unha adiviña e nós temos que saber que personaxe de LÚA é. Logo buscamos nos nosos sobres dos personaxes que xa temos pintados e recortados, e pegámolo ao lado da adiviña. Tamén aproveitamos para  traballar a parte da adiviña que se repite: QUEN SON? e ese signo de interrogación que se escribe ao final das preguntas e que ten unha forma tan curiosa.  Aquí vos deixamos as adiviñas. Que as desfrutedes tanto coma nós!
 
 
 

EXIPTO NA PRENSA



 
 
Ao longo destes últimos meses aprendimos moito sobre EXIPTO grazas a FÉLIX. A piques de despedírmonos da terra das pirámides, hoxe fixemos unha recompilación de palabras que fomos aprendendo e que os maiores tiñamos que buscar nunha sopa de letras. Mentres, os pequenos axudamos á MOMIA a buscar o seu nome na parede da pirámide. Estamos feitos uns grandes exploradores!

Ademais, atopamos na prensa un artigo que falaba de Exipto: do aniversario do descubrimento do busto de Nefertiti. E aproveitamos para buscar unha chea de palabras que xa coñecíamos.

 

luns, 14 de xaneiro de 2013

INTRES DE ILUSIÓN

Un ano máis, estamos participando coa FUNDACIÓN MENIÑOS nas súas propostas para fomentar a convivencia. Este curso queren crear un DICIONARIO DA CONVIVENCIA coa axuda de todos os participantes. Nós eliximos a letra I de ILUSIÓN e imos facer un libro: INTRES DE ILUSIÓN. Pero para iso necesitamos unha vez máis a colaboración das nosas familias. Cada fin de semana, RATO PALLASO e a súa bolsa (onde van o libro INTRES DE ILUSIÓN e un nariz de pallaso) irán de visita á casa dun neno ou nena da nosa clase. Temos que pensar nalgo que nos faga moita ilusión e facer unha foto con RATO PALLASO facendo realidade esa ilusión. Logo pegar a foto no libro na páxina correspondente e engadir unha pequena explicación da foto. Cada fin de semana iranse engadindo novas fotos ata que RATO PALLASO e o seu libro pasen por todas as nosas casas. Veredes que libro máxico imos facer entre tod@s!!
 
 

venres, 11 de xaneiro de 2013

INVERNO

Cambiamos de estación: dixémoslle adeus ao OUTONO e démoslle a benvida ao INVERNO. Cambiamos as letras do noso mural e fixemos unha foto todos xuntos. A que medramos desde que empezamos o cole aló por setembro?
 
 

O PAPIRO: PLANTA E PAPEL




Hoxe falamos do proceso de fabricación do PAPIRO sobre o que escribían os ESCRIBAS no Antigo Exipto. Eles non tiñan folios, nin libretas coma nós. O proceso, longo e complicado, facía que o papiro fose algo moi valioso e que había que coidar. Para escribir sobre eles tampouco tiñan lapis, nin ceras nin rotuladores... e tiñan que empregar un CÁLAMO, que mollaban en tinta.
 



xoves, 10 de xaneiro de 2013

VASOS CANOPOS


Contounos Félix que andaba visitando as momias exipcias cando lle entrou unha sede terrible (en Exipto vai moito calor!) e o primeiro que se lle ocorreu foi coller un dos vasos que había pretiño da momia. O garda axiña o avisou: aqueles non eran vasos para beber!! Eran VASOS CANOPOS!!


Vós sabedes o que son os VASOS CANOPOS? Nun dos libros sobre Exipto que ten ZAPATOCAS na biblioteca de Leiro limos que eran colectores de órganos. No proceso de momificación, había catro órganos que se gardaban nos vasos canopos: FÍGADO, INTESTINO, PULMÓNS e ESTÓMAGO.

Os catro vasos eran identificados cos catro fillos de Horus (a partir da Dinastía XVIII quedaron representados nas tapas dos mesmos), cada un deles protexido por una deidad colocado nun determinado punto cardinal.

Amset, con cabeza humana, a súa posición era Sur, nel gardábaseol fígado e a deidade protectora era Isis.

Hapi, con cabeza de papión (babuino), a súa posición era Norte, nel gardábanse os pulmóns e a deidade protectora era Neftis.

Duamutef, con cabeza de chacal, a súa posición era Leste, nel gardábase o estómago e a deidade protectora era Neit.

Kebehsemuf, con cabeza de falcón, a súa posición era o Oeste, nel gardábanse os intestinos e a deidade protectora era Selkis.


Anda con ollo Félix, que no deserto hai moito espellismo!!

FELIZ 2013!!

Xa estamos de volta no cole, comezando un novo ano e un novo trimestre. Non sabedes vaia sorpresa cando chegamos e atopamos o agasallo que nos deixou o APALPADOR. Moitas grazas e feliz 2013 a tod@s!!