Imaxe: Ricardo Liniers Siri

mércores, 30 de outubro de 2013

FESTA DO SAMAÍN E DO MAGOSTO

O tempo acompañou, vaia solazo!! (sería o Teru teru bozu?!!) e pasámolo verdadeiramente ben. Moitas grazas ás mamás e ao papá que estiveron toda a mañá asando as castañas e aos nenos e nenas de 5 anos, que foron os que convidaron á merenda. Aquí vos deixamos as fotos. Que pasedes unha boa ponte e vémonos o luns 4 de novembro no cole.













martes, 29 de outubro de 2013

TERU TERU BOZU


 
O Teru teru bozu é un amuleto xaponés ao que se lle canta unha canción para pedirlle que ao día seguinte faga bo tempo. Como mañá temos a festa do magosto e o samaín en Leiro, hoxe fixemos os nosos Teru teru bozus para colgalos na ventá da nosa casa e pedirlles que nos traian o sol o día grande das castañas e das cabazas. Se pola contra, os colgamos cabeza abaixo, choverá. Así que a colgalos ben dereitiños, non vaia ser...
Aquí tedes o vídeo da canción. E se picades aquí podedes ver outra versión que nos gusta moito.

venres, 25 de outubro de 2013

ESCRIBIMOS EN XAPONÉS

 
Cada día imos vendo algún material máis sobre Xapón que vai chegando das nosas casas ao recuncho do cole. Hoxe miramos un cadro que trouxo Uxía que ten letras xaponesas e un alfabeto e kanjis que trouxo Oliver. Logo tentamos escribir nós en xaponés cun pincel e témpera negra porque soubemos que en Xapón consideran a escritura unha arte e máis que escribir parece que debuxan co pincel e a tinta. Oliver aínda nos tiña una sorpresa máis: un reloxo precioso con debuxos xaponeses e un traxe que non dubidou en probar para facernos de modelo, ollos xaponeses e konnichiwa incluídos!!
 

mércores, 23 de outubro de 2013

O OVO DO DRAGÓN


Falando de como nacían os dragóns, Atenea díxonos que dun ovo. Arón engadiu que dun ovo verde que cheira moi mal. E Rodrigo que el sabía que os ovos de dragón eran de moitas cores. Así que con toda esta chea de información, pintamos o ovo de dragón como máis nos gustou e o dragonciño saíndo del. Agora xa os temos na casa. Teremos que vixialo ben, non vaia ser que ande a facer trasnadas como o que lle entrou na casa á bruxa Brunilda!


martes, 22 de outubro de 2013

HOXE EN LEIRO: CARPAS, BRUXAS E ADIVIÑAS

 
 
Andamos a voltas cunha adiviña. Cada día aprofe vainos ir dando pistas a ver se sabemos quen é. A pista dobre de hoxe foi: Ten ollos de gato e bigotes de carpa. Quen será? Un rato?, preguntou alguén. Uy, non! Temos que seguir pensando!
 
 
 
E falando de carpas, a profe Ana amosounos as que chegaron a semana pasada e que en breve pasarán a vivir no estanque do noso xardín. Nerea díxonos que ela ten na casa tres carpas moi semellantes a esas.
 
 
Logo a bruxa Brunilda contounos o que lle pasou o día que lle entrou na casa un dragonciño que perderá á súa mamá. Menos mal que ao final deron con ela! As aventuras de Brunilda e o seu gato Bruno sempre nos fan rir. Na biblioteca de Leiro temos toda a colección. Cando queiramos levala á casa non temos máis que pedila.
 
 

luns, 21 de outubro de 2013

CANCIÑO DE ORIGAMI

 
Aquí estamos cos nosos canciños de origami, unha arte de orixe xaponés que consiste no pregado de papel, sen empregar tesoiras nin pegamento, para obter figuras de formas variadas. A avoa de Sakura é unha grande especialista nesta arte e está aprendendo a Félix. E nós con eles!

XA CHE AXUDO EU


venres, 18 de outubro de 2013

NOVOS MEMBROS DO CLUBE DOS MELLADOS


OS NOSOS PELUCHES PREFERIDOS II



DESPEDIMOS AO PROFE SERGIO

Hoxe despedímonos do profe Sergio cunha aperta moi grande e moitos desexos de que lle vaia moi ben no seu vindeiro cole. Grazas polo tempo que pasaches con nós, profe Sergio!!!


HOXE COCIÑAMOS: SUSHI SANDWICH E FIDEOS XAPONESES


Vaia merenda rica a de hoxe! Xa sabemos que o sushi xaponés fano con arroz, alga comestible e outros ingredentes. Pero nós fixémolo con pan, xamón e queixo e quedounos ben rico. O mellor: comelo cos palillos... vaia festa! Necesitamos moita concentración para conseguir coller a comida e achegala á boca. Mentres, os fideos facíanse na tarteira. Lara e a súa mamá trouxéronos fideos xaponeses esta semana para o recuncho e hoxe probámolos. Non quedou nadiña! A verdade é que estaban deliciosos.


mércores, 16 de outubro de 2013

A PROFE MONTSE TRÁENOS A...COCO, CANELA Y ANÍS!!

 
Vaia cos amigos que viñeron hoxe coa profe Montse!! Coco, Canela e Anís chegaron á nosa aula co seu segredo e fixéronos rir coma nunca. Moitísimas grazas, profe Montse polo agarimo co que nos contas os contos dos mércores!!!

OS NOSOS PELUCHES PREFERIDOS

Na carta que mandou Félix, o peluche preferido de Sofía, contounos que a súa amiga xaponesa Sakura tiña desde pequeniña una boneca kokeshi moi especial. As bonecas kokeshi, tradicionalmente feitas en madeira por artesáns, agasallábanse aos meniños e meniñas de Xapón cando nacían para desexarlles boa sorte na súa vida. 
Falando de peluches e bonecas, no cole pensamos que sería una moi boa idea convidar ao noso peluche preferido a pasar un día con nós na escola. E hoxe foi ese día especial. Con moito agarimo presentamos os nosos peluches aos compañeiros e xogamos con eles ás agachadas. Con todos metidos nun saco, tentamos adivinar de quen era o peluche que sacaba cada un. Logo fixemos fotos de recordo. Mirade que chuladas!!











martes, 15 de outubro de 2013

XOGANDO COAS VOGAIS

Para cantar...


e para xogar. Picade aquí para ir ao enlace e una vez alí picade en: Ir a la aplicación

AL CORRO DE LAS PALABRAS: HAIKUS

 
Hoxe na biblioteca ZAPATOCAS tíñanos preparado un conto especial: AL CORRO DE LAS PALABRAS, un libro de Antonia Rodenas, fermosamente ilustrado por Carme Solé Vendrell, á que lle acaban de conceder por segunda vez o Premio Nacional de Ilustración. Noraboa Carme!!
 
En forma de haikus, una forma de poesía tradicional xaponesa, o libro fai un percorrido polas estacións do ano. Nós escollemos un haiku moi outonal que nos gustou moito e que fala de saltar nos charcos coas botas novas. E é que... a quen non lle gusta saltar nos charcos?




domingo, 13 de outubro de 2013

A LENDA DA CARPA QUE SE CONVERTIU EN DRAGÓN



A carpa é un peixe que na cultura xaponesa está asociado á forza, á perseverancia e á sabiduría. Neste vídeo podedes ver e escoitar a lenda da carpa que se convertiu en dragón.


Tamén vos deixamos as fotos do dragón que fixemos no cole. A que quedou bonito?

martes, 8 de outubro de 2013

AS CARPAS KOI



O estanque no que caeu Félix estaba cheo de CARPAS KOI. Xa descubrimos que as carpas koi son peixes, que poden ter moitas cores e que poden medrar bastante. Vimos no vídeo a un neno e máis unha nena xaponeses que xogaban coas carpas nunha piscina e quedamos abraiados.
 
 
Tamén vimos o primeiro capítulo da serie: Las aventuras de la pequeña carpa. Non vimos máis porque voltou o bo tempo. Se volta a choiva e non podemos saír ao patio, seguiremos vendo as aventuras da carpa Popo. Pódese ver online. Picade no enlace se queredes velos na casa.

 

TOKIO

Así se titula o conto que limos hoxe en Leiro e que Zapatocas nos tiña preparado. A historia de Mito, unha nena que marcha a vivir a Tokio e antes de partir vai preguntando aos animais que vai atopando que saben desa cidade. Nós aproveitamos para seguir traballando a educación documental na biblioteca.

O NOSO RECUNCHO DE XAPÓN

Como cada vez que Félix chega a un novo lugar do mundo, estamos traendo ao cole material relacionado con Xapón que teñamos na casa: revistas, fotos, obxectos, libros, guías de viaxes,... Ao longo desta semana foron chegando tantas cousas que non dabamos feito. Un sombreiro artesán de folla de bambú que non dubidamos en probar e co que Wences dixo que parecíamos "setas", una sombrilla ou paraugas (aínda non sabemos moi ben se é una cousa ou outra) de gueisha, animais e flores de origami, os palillos cos que nos dixo Félix que comen en Xapón e que todos diciamos que sabíamos empregar pero que na práctica non é tan doado como parecía, una boneca kokeshi de madeira como a que Sakura ten desde que naceu, dragóns, outra boneca xaponesa, una bandexa con motivos xaponeses, información de internet cunha casa típica xaponesa...
Moitas grazas ás familias pola vosa colaboración. Non dubidedes en seguir traendo todo o material que vaiades atopando para seguir aprendendo!

mércores, 2 de outubro de 2013

FÉLIX EN XAPÓN

Nada máis e nada menos que nun estanque cheo de carpas koi caeu Félix co globo. Menuda aterraxe de emerxencia!! A sorte foi que SAKURA e a súa AVOA, que estaban facendo papaventos moi pretiño, rescatárono axiña. En TOKIO,  a capital de XAPÓN, comeza a nova aventura de Félix no país do sol nacente. Sabedes que Xapón está en Asia e que é un arquipélago formado por máis de 6000 illas? Cantas!!! Quedamos abraiados cando nos enteramos!!

 
 

CHEGOU O OUTONO

Grazas a Iria e á súa familia a nosa cestiña de froitos do outono estreouse con catro variedades de millo. Mirámolas, cheirámolas, mesmo debullámolas un chisquiño! Ao día seguinte Felipe trouxo castañas e Rodrigo una mazá da súa árbore. Alguén se anima a traer algún máis?
 
 
 
Tamén vos deixamos o vídeo dunha nova canción que estamos aprendendo, por se queredes cantala na casa.
 
 

CALENDARIO E RESUMO DE SETEMBRO


martes, 1 de outubro de 2013

O NOSO LIBRO DAS VACACIÓNS DE VERÁN

Cando voltamos ao cole todos tiñamos moito que contar sobre as nosas vacacións. A profe preguntounos se queriamos facer un libro sobre o ben que nolo pasaramos durante o verán e axiña dixemos todos que si. Pero necesitabamos axuda das nosas familias para traer una foto e cubrir a nosa páxina do libro. Pouco a pouco fomos traendo ao cole o noso cachiño de vacacións e hoxe por fin a profe convertiuno nun libro. A nosa biblioteca de aula xa ten un novo membro. Agora xa podemos desfrutar moito léndoo.