Imaxe: Ricardo Liniers Siri

martes, 30 de xaneiro de 2024

DÍA DA ILUSTRACIÓN: GÓMEZ


A ilustradora Gómez


Hoxe Zapatocas tíñanos preparada unha sorpresa para celebrar o Día da ilustración: Unha guía de lectura cunha chea de libros ilustrados por Gómez, a ilustradora de Daniela pirata. Estivemos mirándoa, buscando os libros que aparecían alí e que hai na biblioteca e decidimos ler un que non coñecíamos e que nos encantou: El dedo en la nariz.




Así coñecimos a Sofía e o seu dedo Tim, que sempre estaba metido no seu nariz. E como estamos preto do Entroido, xogamos a disfrazar a Tim cuns títeres de dedo que nos deixou a profe Ángeles. Moitas grazas! Encantáronnos!








CONSTRUÍNDO A PAZ III

 Hoxe xuntamos os nosos bloques cos dos nenos e nenas da aula de Leiro para construír a paz. Con moito coidadiño cadaquén foi engadindo a súa peza tentando non tirar as demais e aportando o seu desexo de paz nunha construción común.



ÚLTIMOS COMEFROITAS

 Valeria vén de acadar a súa coroa de raíña Comefroitas do mes de xaneiro. Parabéns, mociña!



domingo, 28 de xaneiro de 2024

OSO POLAR

 




A proposta para o obradoiro de cociña en familia desta fin de semana era facer un oso polar. Ou dous, ou tres... Os primeiros en chegar foron os de Lara. Non puideron quedar mellor! Moitas grazas a todas por participar!


Lara e os seus osos polares


Alma, Tito e os seus osos polares



Adán e os seus osos polares

venres, 26 de xaneiro de 2024

CONSTRUÍNDO A PAZ II

 Cando chegamos á biblioteca o martes atopamos os nosos bloques dentro dunha bolsa e unha carta de Zapatocas para nós:

Despois de lela, puxémonos mans á obra. Primeiro pensar un título para o mural. Saíron varias opcións: Bloques (varios concordaban), La ballena se fue al agua, Construíndo unha torre alta, Unha torre, A torre de Lidia Cao, A torre, Dúas nenas.

Despois abrimos o enlace que aparecía na carta e soubemos que o mural titúlase CONSTRUÍR, que está en San Agustín del Guadalix e que "foi froito dun encontro entre a asociación local de mulleres Adela Ginés e Lidia Cao. O título recolle a palabra chave á que chegaron artista e participantes tras compartir toda a información sobre a orixe, as actividades realizadas e os obxectivos acadados pola Asociación: construír a partires da loita propia e colectiva e do apoio mutuo entre as compañeiras.
O concepto de construción recóllese na axuda mutua que se prestan ambas mulleres para construír e manter en pé unha estrutura de pedras que representan a Asociación e os seus alicerces ao longo dos seus anos de existencia. Acadar o equilibrio desas pedras supón moito esforzo e dedicación para que a estrutura se conserve e siga medrando. Por todo isto, esas pedras representan tamén as trabas e dificultades que as mulleres veñen afrontando ao longo da nosa historia e como grazas ao apoio mutuo, como acontece na Asociación, lograron conseguir o seu propio espazo de reunión e convivencia."

Por último, limos o libro da paz de Todd Parr e escollemos de que maneira queremos cadaquén aportar o noso gran de area para construír a paz: respectando os demais, querendo as amizades, coidando das nosas irmáns pequenas, coidando o planeta e os nosos mares...Escribímolo xunto os nosos nomes nos bloques e dispuxémonos a construír.




Non foi doado atopar o equilibrio das pezas. Falamos de que coa paz ocurre o mesmo. Hai moitas situacións que poden rompela e derrubala: pelexas, guerras, enfados... Por iso temos que poñer todo o noso empeño en construila e coidala cada día.








COMEFROITAS TRIPLO

 Hoxe acadaron cadansúa coroa de Comefroitas: Rodrigo, Aroa e Alma. Moitos parabéns!!






martes, 23 de xaneiro de 2024

CONSTRUINDO A PAZ

 A semana pasada Zapatocas apareceu na biblioteca cunha caixa chea de bloques e unha fotografía.


Estivemos mirando a imaxe que aparecía, dialogando sobre ela e observando detidamente descubrimos o nome de Lidia Cao nunha esquiniña. Como non sabiamos que tiñamos que facer cos bloques, decidimos escoller un cada un e poñerlle o noso nome. Despois deixalos ao redor de Zapatocas e agardar ata o seguinte martes a ver que pasaba...








LIDIA CAO

 Na edición dixital da Voz de Galicia limos que a muralista Lidia Cao pintou un mural no instituto de Santiago onde estudou. A fachada e o muro do seu antigo centro de estudos pasaron de ser grises a encherse de cor e vida da man desta artista de Ordes. Queredes coñecela?




Fixámonos nos debuxos, nas cores, na técnica que emprega para pintar, no seu nome escrito debaixo dunha casiña, de que ten L coma Lara...

Picade aquí para ler a noticia completa e ver o vídeo de Lidia pintando.

MÁIS COMEFROITAS!

 O mes de xaneiro vén cargado de coroas Comefroitas. Parabéns, Lara e Manu!






sábado, 20 de xaneiro de 2024

PINGÜÍNS



A proposta para o obradoiro de cociña en familia desta fin de semana era facer un pingüín. Os de Alma e a súa familia acaban de chegar recén saídos do frío polar que nos acompaña. Moitas grazas a todas por participar! 


Alma e os seus pingüíns

Valeria e os seus pingüíns

Aroa e os seus pingüíns



Adán e os seus pingüíns



Lara e os seus pingüíns

venres, 19 de xaneiro de 2024

xoves, 18 de xaneiro de 2024

A PROFE MARINA

 

MARINA!, MARINA!


Hoxe falamos da profe Marina. Sabedes que saíu no xornal? Vimos as fotos da homenaxe que lle fixeron as familias que ao longo dos últimos dezaoito anos tiveron os seus meniños e meniñas escolarizados na escola de Sisán. Grandes e pequenos xuntáronse para facerlle unha festa sorpresa inesquecible e amosarlle o seu agarimo. Encantáronnos a alfombra vermella e os globos da mesma cor.


Picade na imaxe para ler a noticia enteira
no Diario de Arousa


E como os piratas lle dicían a Daniela cando querían que quedara con eles, nós tamén lle cantamos: Marina!, Marina! para que saiba canto a queremos. Parabéns, Marina! Que disfrutes moito esta nova etapa!










sábado, 13 de xaneiro de 2024

BONECO DE NEVE

 Metidos no inverno, a primeira proposta para o obradoiro de cociña en familia do 2024 era facer un boneco de neve. Quedaron ben simpáticos! Moitas grazas a todas por participar!


Alma e o seu boneco de neve


Adán e o seu boneco de neve



O boneco de neve de Adán



Alexia e o seu boneco de neve