Imaxe: Ricardo Liniers Siri

martes, 9 de marzo de 2021

COÑECENDO A JANE GOODALL



Jane Goodall foi unha nena que naceu en Inglaterra e á que desde pequena lle gustaban moito os animais. O seu pai tróuxolle un día un peluche moi grande dun mono que se convertiu no seu xoguete preferido e ao que lle chamou Jubilee. Cando tiña 4 anos e medio descubriu como as galiñas poñían os ovos. Aquel día emocionouse moitísimo. Acababa de nacer unha pequena científica! Jane tiña un can ao que quería moito. Xogaba con el, paseaba... Ela estaba convencida de que o seu can podía sentir ledicia ou tristura. A xente dicíalle que iso non era posible.

Jane era unha grande lectora. Os seus libros preferidos eran Tarzán de los monos e as historias do Dr. Dolittle. Os libros de animais fascinábana.

Jane quería estudar pero a súa familia non tiña cartos. Así que decidiu que viaxaría a África a estudar os animais. Daquela, a unha muller non a deixaban viaxar soa. A súa nai, que sempre a apoiara en todas as súas aventuras, decidiu acompañala. En Kenia coñeceu ao doutor Louis Leakey, quen lle propuxo ir a Tanzania a estudar o comportamento dos chimpancés. E que fixo Jane? Marchou a Tanzania e alí comezou a aventura da súa vida. Cuns prismáticos, unha libreta e un lapis, comezou a observar os chimpancés. Púxolles ata nomes. Fixo moitos descubrimentos: os chimpancés podían sentir emocións, coidábanse uns aos outros e empregaban ferramentas para obter comida. Voltou a Europa para contar o que descubrira e ríronse dela. Voltou a Tanzania cun cámara de National Geographic para rexistrar todo o que ela descubrira e mostrarllo ao mundo enteiro. Cando voltou, estaban destruíndo o hábitat dos chimpancés. Jane comezou a súa loita pola defensa dos chimpancés e o coidado do medio natural. Hoxe, con case 87 anos non deixa de viaxar e defender a súa causa.

Jane é primatóloga, etóloga, pacifista, naturalista e muller. Viaxa sempre co seu mono de peluche o Sr. H e ten un colar coa silueta de África colgado do pescozo e pretiño do corazón.





Na primeira parte do vídeo Jane Goodall explica o que ocurriu o día que descubriu como as galiñas poñen un ovo. Ese día naceu unha pequena científica. Ser curiosa, facer preguntas, non ter a resposta correcta, propoñerte averigualo por ti mesma, cometer un erro. Pero non renderte e aprender a ser paciente. Todos os elementos estaban aí. E tamén algo fundamental: unha nai que a escoitaba, que a apoiaba e a animaba sempre a traballar, a esforzarse e a seguir aprendendo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario