Comezamos a semana cun conto que nos fala da superheroína favorita de Max: MEGAPOWER! Con superpoderes incribles: capaz de rescatar a calquera que se atope nun apuro, descifrar códigos segredos, voar a lugares fantásticos... MEGAPOWER é a súper mamá de Max.
E falando de mamás e de mulleres, cadaquén contou cales son as mulleres da súa vida, as que están sempre ao noso lado, as que nos queren e coidan. E sabedes o mellor? Que descubrimos que tamén teñen superpoderes. Hai mamás que transforman nobelos de la en bonecos, mantas ou chaquetas. Tías co superpoder de elixir unha película que nos encanta e organizar a mellor festa de pixamas do mundo. Tías co superpoder de facer peinados cos que vimos á escola sentíndonos as máis guapas. Avoas co superpoder de cociñar a comida máis saborosa do mundo ou de coser o meu boneco preferido ao que se lle descoseu o pescozo. Irmás co superpoder de ler, escribir e debuxar como a mellor das artistas.
Pero o superpoder máis comentado, o máis repetido, foi o de dar apertas e bicos. Apertas e bicos que reconfortan, que curan, que quentan o corazón. Canta falta nos fan e que sorte poder telos sempre que os necesitamos!
Hoxe, oito de marzo, a nosa homenaxe vai para vós: as mulleres das nosas vidas!
As mulleres que levamos no corazón |
Tamén recibimos as chapas que fixo o Concello de Ribadumia coas frases que enviamos as nenas e nenos do noso cole e tamén do CPI Julia Becerra Malvar. Repartímolas e limos as frases. Todas diferentes pero con algo en común: as mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario