Imaxe: Ricardo Liniers Siri

martes, 14 de novembro de 2023

FLOTA OU AFUNDE? UN EXPERIMENTO PIRATA

 


Estamos en novembro, mes da ciencia en galego na biblioteca escolar e na nosa aula andamos a facer experimentos piratas. O primeiro foi: FLOTA OU AFUNDE?

Un estrano tesouro composto por obxectos moi diversos apareceu enriba dunha bandexa. Na mesa, un caixón de auga e unha pregunta: flota ou afunde?

Observamos os obxectos, tocámolos e falamos do que era cada un. Ao rematar fomos pasando a bandexa, elixindo un e facendo hipóteses sobre se flotaría ou afundiría. Comprobamos que ocurría ao botalo á auga e así fomos observando o seu comportamento. 





Nicolás recoñeceu unha das pedras que había na bandexa. Díxonos que era de ladrillo, que as había na casa do seu avó e que pintaba. Probamos nun papel a debuxar e escribir e era certo!



Un dos obxectos que máis nos chamou a atención foi o moedeiro de serea, o saco de onde saen as novas crías de tiburón, raias e pintarroxas no verán e que soen aparecer nas praias cando chega o outono. Vimos neste vídeo (picade para velo de novo) como nacía unha raia e quedamos engaiolados. Ao rematar o experimento quixemos abrir o moedeiro para ver que tiña dentro. Só atopamos area.




Canto aprendimos e que ben o pasamos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario