Imaxe: Ricardo Liniers Siri

luns, 9 de xaneiro de 2017

PLAN PROXECTA 2016-17 ALIMÉNTATE BEN: O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR

Lembrades a proposta que levamos para á casa nas vacacións de Nadal? A nota dicía así e agora que estamos de volta están empezando a chegar receitas, fotos, cunchas... Aínda nos faltan por traer algúns! Non vos esquezades, que temos moito que aprender con toda a información que nos traiades!


Estimadas familias,
Ao longo deste curso 2016-17 estamos a desenvolver no noso CRA un proxecto anual relacionado con Galicia e o Camiño de Santiago. Ao mesmo tempo, por segundo ano consecutivo, participamos no Plan Proxecta Aliméntate ben, da Consellería, nas modalidades: Xermoliño, O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata.
Aproveitando que se achegan as datas de celebración do Nadal, nas que son tradicionais as festas e comidas familiares, pedimos a vosa colaboración para animar aos vosos fillos e fillas a probar os produtos do mar: peixes, mariscos, algas…e axudalos a cubrir a táboa que se adxunta. Se fose posible, facédelle algunha foto no momento de comelos e enviádeas ao correo electrónico da escoladeribadumia@gmail.com e se os produtos teñen cuncha (como poden ser vieiras, ameixas, mexillóns, navallas…) gardade unha e traédea ao cole á volta das vacacións.
En Galicia temos moitos produtos do mar que se cociñan de maneiras diferentes en cada zona (polbo á feira, pescada á galega, mexillóns ao vapor, empanada de xoubas…) Se na casa e na vosa familia cociñades este Nadal algún peixe ou marisco cunha receita de sempre que vos guste moito, escribídea na ficha adxunta e non esquezades facerlle unha foto!
Moitas grazas pola vosa axuda e colaboración e Bo Nadal!

As titoras


E aquí temos as táboas con todos os peixes e mariscos que fomos probando este Nadal. Canta variedade! Moi ben Arroases!!









Ningún comentario:

Publicar un comentario