Imaxe: Ricardo Liniers Siri

luns, 8 de xuño de 2020

VAI DE BICIS

Xa temos as primeiras fotos de ciclistas celebrando o Día Internacional da Bicicleta! A Martín encántalle ir con seu pai. Na súa familia son moito de pasear na bici disfrutando da natureza. Xenial, Martín! E Lía tamén pedalea como unha campioa. Que lonxe vai!
Aínda nos faltan moitos ciclistas por mandar as súas fotos. Animádevos!

Martín e o seu pai na bici


Lía na súa bici

venres, 5 de xuño de 2020

AVISO IMPORTANTE: ENTREGA E RECOLLIDA DO MATERIAL AULA RIBADUMIA B







Queridas familias,

debido á situación de emerxencia sanitaria na que nos atopamos, vémonos na obriga de tomar unha serie de medidas preventivas en materia de saúde pública de acordo coa Resolución do 22-05-2020, da Consellería de Educación, para a recollida e devolución do material. Esta realizarase o mércores día 10 de xuño e serán obrigatorias as seguintes normas:

- A entrada ao recinto farase pola porta da rampla (Aula Ribadumia B)

- A entrega/devolución do material farase pola ventá da aula que dá á fachada principal da escola (Aula Ribadumia B)

- Deberase manter a distancia de seguridade en todo momento e empregar máscara.

- A hixiene das mans será obrigatoria antes e despois da recollida do material. A estes efectos, haberá na ventá un dispensador de solución hidroalcólica.

- Soamente unha persoa da familia será a encargada de devolver o libro da biblioteca na súa bolsa e tamén, no caso de que os teñades na casa, a mochila viaxeira da biblioteca, os cadernos viaxeiros e os contos da biblioteca de aula.

- A titora faravos entrega do material que hai que devolver (carpeta, traballos, libros, cadernos, pandeireta...) nunha bolsa.

- A persoa encargada de facer a devolución/recollida do material asinará un xustificante e traerá, na medida do posible, o seu propio bolígrafo para minimizar o emprego de elementos de contacto. No caso de non poder vir ningún familiar ese día, podedes autorizar a outra persoa.

- Non estárá permitido:

  • O acceso ao interior da escola
  • O uso do patio
  • As reunións de varias persoas no recinto escolar
  • A asistencia dos nenos e nenas.

Contactade coa titora no correo electrónico auladeribadumiab@gmail.com se tedes calquera dúbida. 
No caso de que haxa algún cambio antes da data de recollida e devolución do material, comunicarémolo no blog. 
Moitas grazas pola vosa colaboración.



xoves, 4 de xuño de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA BICICLETA






O 3 de xuño celébrase cada ano o Día Internacional da Bicicleta. Foron moitos os que se uniron a festexar este día felicitando as súas bicicletas, compartindo contos na rede con bicis como protagonistas e mesmo repartíndoos polas rúas empregando este medio de transporte limpo, non contaminante e que nos axuda a facer exercicio e manternos en forma.
Seguro que vós tamén tedes unha bicicleta á que felicitar, non si? A vosa querida bici na que dades paseos, facedes carreiras e disfrutades ao aire libre. Imos facerlle unha homenaxe ás nosas bicicletas mandando unha foto subidos nelas. Se sodes de pedalear en familia, podedes saír todos na foto! Animádevos! E non esquezades o casco!

No vídeo, Doña Eremita sobre ruedas, de Quentin Blake. Edicións Ekaré.




Bibliotecarias das Bibliotecas de Coruña
levando lecturas en bicicleta
aos colectivos do barrio
o Día Internacional da Bicicleta

ARELAS DE MAR





O vindeiro 8 de xuño celébrase o Día Mundial dos Océanos. Unímonos á proposta da profe Ana  e compartimos a campaña #ArelaDeMar. 
Unha arela é un desexo, un devezo moi forte por algo e a ansia por conseguilo. Na situación que estamos a vivir, moitos compartimos a arela de volver gozar do océano voltando ás praias, paseando pola beira do mar... e queremos velo limpo, libre de plásticos e cheo de vida.
Xa fúchedes á praia? Como a atopáchedes? Estaba limpa? Se queredes compartir fotos do que atopáchedes nas vosas voltas á praia, podedes mandalas para compartir.
E se queredes participar coas vosas arelas, tedes toda a información picando aquí.

ENSALADA DE MANS

Lembrades a proposta que fixemos a partir do libro La cocina de dibujos de Hervé Tullet? Pois Marta fixo unha Ensalada de mans que lle quedou de rechupete: colorida, creativa e saborosa! Parabéns para a chef Marta!


VÍDEO DOS COMEFROITAS DA PROFE LUPE

Non vos perdades o vídeo que fixo a profe Lupe dos Comefroitas! Está xenial! Picade na imaxe para ir á entrada do seu blog e velo.
Coñeciades a canción que se escoita no vídeo? A ver se sodes quen de apuntar e contar todas as froitas que aparecen na canción! Afinade os oídos!



mércores, 3 de xuño de 2020

COMEFROITAS DO MES DE XUÑO

Marta completou o Comefroitas do mes de maio! Seguro que os Comefroitas están pegando chimpos de alegría ao enterarse! Parabéns, Marta! Es a raíña do mes!

Marta, a raíña dos Comefroitas do mes de maio
E agora... imos ver que froitas de tempada son as do mes de xuño. Queredes coñecelas? Son 11! Se queredes apuntalas picade aquí
Marta e Alba trouxeron ameixas para compartir e despedir o curso o ano pasado. Lembrádesvos? Estaban deliciosas! Seguro que un ano despois a ameixeira está cargadiña outra vez...

CEREIXAS

ALBARICOQUES

MELOCOTÓN

NECTARINA

PLÁTANO


AGUACATE

BÉVERA

FRAMBOESAS

AMEIXAS

MELÓN

SANDÍA