Imaxe: Ricardo Liniers Siri

luns, 11 de maio de 2020

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: TORRES DE LIBROS EN GALEGO

Comezamos unha nova semana cunha tarefa especial: celebrar o Día das Letras Galegas, que será o vindeiro domingo 17 de maio. Xa sabedes que a profe Lupe está preparando un vídeo e necesita a colaboración de todas. Seguro que xa o tedes pensado! Non vos esquezades!




Pero antes de nada, sabedes quen é a persoa homenaxeada este ano 2020? Pois este home que sae na foto. Hoxe imos coñecer un pouco máis a súa biografía (resumo do material de http://primaveradasletras.gal/ , da Real Academia Galega):


O seu nome é RICARDO CARBALLO CALERO. Naceu en Ferrol aló polo ano 1910. O seu pai chamábase Gabriel e a súa nai María Dolores. Desde ben pequeno andaba sempre entre libros, cines e teatros. 




Ademais de xornais, na casa había algo pouco habitual naquela época: libros en galego. Seguro que vós tamén tedes na casa libros en galego, non si? Imos buscalos e mandar unha foto poñéndoos nunha torre con vós ao lado. Por onde vos chega? Cantos libros ten?




Ferrol é unha vila cunha gran tradición mariña. Na aldea onde pasaba os veráns, subía ao curuto máis alto para ver o mar, os barcos, os estaleiros... e soñaba con ser un distinguido mariño que navegaba por todos os mares do mundo. Carballo Calero escribe poemas e obras de teatro desde neno e esa paixón polas letras vaille gañar o pulso á de ser mariño.

En 1926, cando aínda lle faltaban unhas semanas para facer os dezaseis, chegou á Universidade de Santiago de Compostela. Era un estudante moi brillante que fixo dúas carreiras, unha detrás da outra: a de Dereito e a de Filosofía e Letras, a súa verdadeira vocación.

En 1933 casa con María Ignacia Ramos, coa que terá dúas fillas: Margarida e Victoria. 

En 1936 desátase unha guerra civil. Ricardo, que se atopa en Madrid preparándose para ser profesor de instituto. 

En 1939 o bando republicano perde a guerra e Ricardo Carballo Calero entra na cadea en Cádiz, na que pasa dous anos. 

En 1941 volta a Ferrol coa súa familia e, vetado no ensino público, exerce como profesor en centro privados da cidade durante varios anos.




En 1950 deixa Ferrol e trasládase coa familia a Lugo para traballar no colexio Fingoi. Aquel centro tiña aspectos moi innovadores, nada habituais na época, entre eles a educación mixta. É dicir, permitía que nenos e nenas compartisen aula. Como na nosa escola, que hai nenos e nenas. Fronte ao resto das escolas onde os castigos eran habituais, alí as normas eran ben diferentes. Entre outras actividades, Carballo Calero impulsou un grupo de teatro escolar.




En 1958 ingresa na Real Academia Galega.

En 1963 publica Historia da Lingua Galega Contemporánea. Neste libro importantísimo, rescata do esquecemento centos de escritores e escritoras que escribiron na nosa lingua entre o 1808 e o 1936. Para escribilo precisou dez anos e a axuda da súa familia.




En 1965, cando por fin puido dar clases no ensino público, converteuse en profesor do instituto de Santiago de Compostela que levaba o nome da súa escritora favorita: Rosalía de Castro. 





Tamén daba clases na universidade e elaboraba materiais de grande interese como a Gramática elemental do galego común.




Coa chegada da democracia, a lingua galega, por primeira vez, goza de recoñecemento legal e comeza a aparecer en espazos que antes eran impensables, como a administración, medios de comunicación e a escola. Todo está por facer, tamén determinar cal debe ser a forma de escribir o galego: a normativa. Hai dúas posicións diferentes: os que defenden que debe ter unha norma propia e os que opinan que debe achegarse á portuguesa. Ricardo Carballo Calero foi a figura máis destacada desta última tendencia, lusista ou reintegracionista, e de acordo con ela comezou a asinar como Carvalho Calero.
Retirado do ensino, os últimos anos da vida dedicounos a dar conferencias, publicar artigos e proseguir co seu traballo literario e ensaístico. 




Faleceu en Compostela o 25 de marzo de 1990.

Ningún comentario:

Publicar un comentario