Estamos de Entroido e queremos compartir o que estamos facendo en familia e coa nosa alegría de sempre: disfrazarnos, cociñar e comer sobremesas típicas destas datas, xogar, debuxar...
Sofía e a súa irmá Elisa disfrazadas. Que non falten os puntiños e os lunares nin nos zapatos!
Mateo fixo un debuxo do cole!
Xulia e o seu disfrace de puntos de cores! Totalmente Yayoizada!
Luciana e seu disfrace cheo de puntos co seu irmán Juan tamén disfrazado. Festa rachada!
Na casa de Sofía son de chulas e de filloas de Entroido. Entra fame só con miralas!
Atenea disfrazouse de Brancaneves e cociñou filloas con mamá!
Sofía e o seu disfrace de Brancaneves cheo de flores!
Adriana vestida da serpe de Yayoi Kusama!
Mateo tamén se disfrazou!
Quen será este superheroe?
Martín, o seu irmán Rodrigo e a súa nai Lorena disfrazados en familia
Este ano celébrase por primeira vez o Día de Rosalía o 23 de febreiro e non o 24 como se viña facendo ata agora. O motivo: a aparición de documentación que certifica que a data de nacemento real de Rosalía de Castro foi un 23 de febreiro.
Vimos o vídeo dos Bolechas que conta a historia do libro As miñas primeiras Letras Galegas. Rosalía de Castro. Podedes velo outra vez picando na imaxe. E no libro Cantares Gallegos buscamos os poemas aos que fan referencia na historia e límolos.
Coa profe Olalla fixemos un retrato de Rosalía con estampacións e collage e hoxe decorámolo con elementos naturais do noso patio: pétalos de camelias, follas, pauciños...
Entramos na semana de Entroido e o Meco manda! As ordes NON son acumulativas. O luns unllas pintadas: dunha soa cor, de cores, con debuxos... O martes algo na cabeza: un peinado de Entroido, unha perruca, antenas, cintas, orellas, sombreiros, coroas...O mércores poñemos a saia da Carolina: traemos un vestido, unha saia, un tutú, unha túnica... O xoves vimos directamente da cama co pixama e se temos frío, traemos tamén a bata! E o venres festa rachada: traemos o noso disfrace homenaxeando o mundo de puntos infinitos da artista Yayoi Kusama.
Animádevos a participar en familia: facede unha foto antes de saír da casa e mandádea ao noso correo electrónico para compartila!
As tardes dos luns 7, 14 e 21 de febreiro faremos as xornadas de portas abertas no CRA de Ribadumia. Se queredes coñecer as nosas escolas, solicitar información ou resolver calquera dúbida, contactade con nós e solicitade cita previa no teléfono: 666410195 (de luns a venres de 9-14 horas e luns de 16 a 18 horas) ou no correo electrónico: cra.ribadumia@edu.xunta.es.
Pica aquí para facer unha visita virtual polas escolas do CRA
Atopamos a Phileas Fogg camiño da India e atravesando a Canle de Suez. Unha canle que aforrou tempo de viaxe aos barcos que a transitan diariamente cargados con mercadorías de todo tipo. Soubemos que hai case un ano o barco EVERGREEN quedou encaixado na canle de Suez. Formouse un caos que durou días ata que o barco foi reconducido e o paso liberado.
E xa que andamos por Exipto, visitamos as coñecidas pirámides de Guiza. Falamos de momias, labirintos, faraóns e tesouros. E tamén de xeroglíficos. Probamos a escribir o noso nome con este tipo de escritura e despois eliximos unha palabra que nos gustase para engadir no noso caderno de Coleccionistas de palabras. Palabras longas, nomes de amigas, dinosaurios...