
Imaxe: Ricardo Liniers Siri
venres, 30 de xaneiro de 2015
30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ
Hoxe 30 de xaneiro, Día da paz, levamos para a casa a guía de lectura coa que estamos traballando neste momento na escola: contos de bicos. Na parede da aula temos unha guía pegada e imos marcando cun corazón os que imos lendo.


martes, 27 de xaneiro de 2015
A BANDEIRA DE AUSTRALIA
Cando Félix nos falou da bandeira de Australia, Toni fixouse que había outra bandeira dentro que xa coñecía: a bandeira do Reino Unido. Investigamos un pouquiño e soubemos que Australia foi colonia británica, por iso aparece como lembranza. Tamén observamos que había estrelas brancas, grandes e pequenas, todas con sete puntas agás unha, que so ten cinco puntas. E a que non sabedes que as 5 estrelas da dereita son as que forman a constelación Cruz do Sur? É unha constelación que se ve perfectamente no ceo de Australia. As 7 puntas da outra estrela máis grande da esquerda representan os estados de Australia.
E mirade no vídeo como máis dun milleiro de ovellas "debuxan" a bandeira de Australia para celebrar o Día Nacional de Australia (26 de xaneiro) Tamén "escriben" a palabra OZ ( que é ao mesmo tempo a transcrición fonética das dúas primeiras letras de Australia en inglés o o mundo máxico no que se adentrou a pequena Dorothy)
venres, 23 de xaneiro de 2015
RECUNCHO DE AUSTRALIA
Xa temos revistas, libros, mapas, fotos, DVDs de canguros e quenllas e mesmo un búmerang! Moitas grazas pola vosa colaboración!
xoves, 22 de xaneiro de 2015
O BURRO FARIÑEIRO
Era o burriño que levaba o gran ao muíño a moer e voltaba de novo cargado coa fariña. Burriños que traballaban moito, incansables, mansos, teimudos... Na nosa biblioteca temos o libro: Fariñeiro, o burro larpeiro, da colección de Libros da merenda (Editorial Urco) que nos gusta moito porque é un burriño que lle encanta comer lambonadas. E tamén aprendimos unha cantiga que fala dunha burriña que vai cargada ao muíño toda enfariñada e cheíña de frío. Sabiades que hai carreiras de burros? No Gran Premio de Escairón, o burro Ferrari foi campión moitas edicións!
A CAIXA DE BICOS
martes, 20 de xaneiro de 2015
EN AUSTRALIA HAI CANGUROS
Ao cole vai chegando material relacionado con Australia e sobre todo cos canguros. Nerea trouxo un DVD de National Geographic que nos está gustando moito, onde coñecimos ao canguriño Joey desde que nace ata que se fai adulto. Na biblioteca de Vilagarcía emprestáronnos un libro e un DVD sobre canguros co que estamos aprendendo curiosidades relacionadas con este animal. Xa vos contaremos todo o que imos descubrindo.
martes, 13 de xaneiro de 2015
FÉLIX EN AUSTRALIA
Coa chegada do segundo trimestre de curso, chegou tamén unha nova carta de Félix, a nosa amiga a lebre viaxeira. A que non imaxinades que país está explorando desta vez? AUSTRALIA!!! Preparados para a nova aventura australiana?? Ide procurando cousiñas para o recuncho do cole, que temos moito que aprender!!
domingo, 11 de xaneiro de 2015
LOTARÍA DE NADAL
Na televisión vimos o sorteo da lotaría de Nadal durante as vacacións. A profe trouxo varios décimos para poder velos e observar o que poñía neles. Canto custa cada décimo, que número é, a data do sorteo... Había números repetidos, outros iguais que o do compañeiro... A imaxe e a cor é a mesma se son décimos do mesmo ano (os do 2014 foron laranxas pero algún que había do 2010 era azul). En internet vimos un vídeo cun anaquiño do sorteo cando os meniños cantaron o "Gordo" e nós probamos a imitalos. Non tocou pero...o importante é a saúde!!
xoves, 8 de xaneiro de 2015
BENVIDOS AO 2015!!
Con algo de sono pero moitas ganas de voltar a ver os compañeiros e compañeiras, voltamos ao cole e puxémonos ao día das novidades. As vacacións trouxeron viaxes, xoguetes novos, cabalgatas e caramelos e mesmo unha irmanciña para un dos nosos amigos! No cole estreamos o calendario do 2015 porque ao de 2014 xa non lle quedaban máis días! Tamén cambiamos de mes e de estación: xa estamos en xaneiro e chegou o inverno. O mellor foi a sorpresa que nos agardaba na mesa das mochilas: unha chea de paquetes envoltos en papel de xornal. Entre todos abrímolos e... aí estaban os agasallos que nos deixara o Apalpador! A mañá deunos para falar, xogar e descubrir todas as cousas novas que nos deixou o primeiro día de cole do 2015. Feliz ano a todos!!!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)