Imaxe: Ricardo Liniers Siri
Amosando publicacións coa etiqueta CARTAS DE FÉLIX. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CARTAS DE FÉLIX. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de setembro de 2013

CARTAS DE FÉLIX O EXPLORADOR


Hoxe levamos unha sorpresa grandísima: a profe trouxo un conto novo de Félix!! Lembrades a nosa amiga a lebre viaxeira? Grazas a Félix e ás súas cartas, hoxe coñecemos lugares como Londres, París, Roma, Exipto, Kenia e Nova York. Cando acabou o curso deixarámola na casa con Sofía, xa de volta logo de moitas viaxes.  Pois hoxe non sabedes o que pasou: Sofía e Félix estaban no xardín da súa casa xogando a voar en globo cando de súpeto a corda do globo rompeu e Félix saiu voando. Sabedes o que iso significa? Pois como di a avoa de Sofía: " Parece que o bo de Félix acaba de comezar outra das súas aventuras!". Aínda non sabemos onde aterrou. Temos que agardar a que nos chegue unha das súas cartas e nolo conte. Andade atentos, non vaia ser que a vexades voando polo ceo de Ribadumia!!
 
 

martes, 25 de xuño de 2013

FESTA Á AMERICANA

Que ricos os "perritos calientes" que fixemos na escola para despedir a Félix da súa aventura en Nova York. Agora que voltou á casa con Sofía de seguro que terá moito que contarlle. Nós pasámolo moi, moi ben!! Thank you Félix pola receita dos "hot dogs"!!
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

venres, 7 de xuño de 2013

USA TODAY







Estivemos comparando xornais: LA VO
Z DE GALICIA e o USA TODAY. No xornal que trouxo a profe de Nova York, as seccións veñen separadas en "pequenos xornais" independientes e é máis doado atopalas que na VOZ DE GALICIA. Na do tempo puidemos ver que o mapa que aparece é o de Estados Unidos e non o de Galicia. E tamén comparamos os tamaños dos xornais: o USA TODAY é máis longo e estreito ca VOZ DE GALICIA.
Obama, a Estatua da Liberdade... xa somos quen de ir recoñecendo o que aparece nos xornais e outros medios de comunicación. Na GRAN MAZÁ hai moito que ver e visitar. TIMES SQUARE sorprendeunos con todas esas luces e paneis publicitarios luminosos!!

martes, 30 de abril de 2013

TAXIS, PONTES, ESTATUAS, DÓLARES...

 
 
 
Estamos aprendendo moitas cousas sobre a cidade de NOVA YORK. Dentro de pouco imos converternos en grandes expertos. Fomos con FÉLIX nun dos milleiros de TAXIS AMARELOS que hai polas rúas de NOVA YORK e visitamos a ESTATUA DA LIBERDADE.

Logo cruzamos a PONTE DE BROOKLYN e paramos a mercar algo para merendar. Así oubemos que alá non podemos pagar con Euros, que temos que facelo con DÓLARES. A profe trouxo un billete dun dólar e algunhas moedas e puidemos comparar os tamaños cos billetes e as moedas de euro. Observamos que os billetes dun dólar son máis longos e estreitos que os de 5 euros e que as moedas de centavos e de céntimos tamén son diferentes. As nosas moedas teñen escritos os números 1, 2, 5, 10, 20, 50... e os centavos veñen escritos en letra e en inglés, que é a lingua dos Estados Unidos: one, five...

xoves, 25 de abril de 2013

O NOSO RECUNCHO DE NOVA YORK SEGUE MEDRANDO

Moitas grazas ás familias pola vosa colaboración!!
 



 

A BANDEIRA DOS ESTADOS UNIDOS DE AMÉRICA


 
 

Onte con Félix aprendimos como é a bandeira dos Estados Unidos de América. O primeiro que soubemos foi que para non ter que traballar tanto cando teñen que escribir o nome do seu país, collen a primeira letra de cada palabra e poñen: U (de United) S (de States) e A (de America). En galego escribimos EUA e en castelán EE.UU. Así que cando vexamos escrito USA, EUA ou EE.UU. xa saberemos de que país están a falar. Logo miramos a bandeira e vimos que tiña un rectángulo azul arriba na esquerda e dentro do rectángulo había...50 estrelas brancas! (podédelo crer, que as contamos!!). E para rematar 13 liñas (que os americanos lles chaman barras): 6 brancas e 7 vermellas.

 
Aos americanos gústalles moito a súa bandeira e a poñen en todos os sitios que poidades imaxinar: casas, escolas, roupa, cadros, mobles... Mesmo nós podemos ter bandeiras americanas e nin darnos conta! Buscando nas camisetas que traíamos hoxe atopamos dúas, unha delas con Estatua da Liberdade incluída. Mirade vaia modelazos!!
 
 

domingo, 21 de abril de 2013

RECUNCHO DE NOVA YORK



Xa temos as primeiras achegas no noso recuncho de NOVA YORK. Wences foi o primeiro que nos trouxo da súa casa un TAXI amarelo e un chaveiro cun DINOSAURIO  e unhas letras escritas na parte traseira. Decidimos investigar o significado do que viña alí escrito e descubrimos que poñía Museo Americano de Ciencia Natural (pero en inglés, que é como falan en Nova York). Aparecía nunha das guías de Nova York que trouxo un neno da outra clase e estivemos mirando as fotos. Tamén na outra clase alguén trouxo o plano do Museo porque é tan grande que podes perderte cando o visitas! Logo en internet picamos na páxina web do Museo e atopamos moita máis información. Encantáronnos os esqueletes dos dinosaurios!! Se tedes curiosidade por todo o que se pode ver alí, picade aquí.




mércores, 10 de abril de 2013

BUSCANDO INFORMACIÓN SOBRE NOVA YORK

Logo de ler a carta que FÉLIX mandou desde NOVA YORK, na biblioteca de Leiro buscamos información sobre esta gran cidade e atopamos libros con debuxos, fotos e curiosidades que pouco a pouco iremos coñecendo e aprendendo. Se na casa tedes material relacionado con NOVA YORK que poidades traer ao cole para compartilo, xa sabedes que será moi ben recibido!!






 
 


















 
 
 

xoves, 4 de abril de 2013

FÉLIX EN NOVA YORK

Hoxe FÉLIX apareceu montado nun avión. Na súa maleta aparecía unha pista para adiviñar o seu destino:
 
 
I significa Eu en inglés, o corazón é querer e gustar, NY son as iniciais de NOVA YORK... Félix vai facer as américas!!! Chegará a Nova York esta semana e desde alí irá mandándonos sorpresas. Preparádevos que alá imos!!

E de paso estivemos facendo memoria dos lugares que foi visitando Félix ata o de agora e os fomos situando no continente ao que pertencen. Vaia coa lebre viaxeira, non para!!


mércores, 3 de abril de 2013

FÉLIX EN...

Benvidos ao terceiro trimestre do curso! Despois duns días de descanso, voltamos ao cole coas baterías cargadas. E o primeiro que atopamos foi a FÉLIX despedíndose de Kenia e voltando a coller a maleta rumbo a un novo destino. Cal será esta vez? En breve o descubriremos! Collede a equipaxe que marchamos con el!!


martes, 19 de marzo de 2013

MONTE KENIA-MONTE CASTRO

 
Hoxe subimos á segunda montaña máis alta de África: o MONTE KENIA. Desde alá arriba Félix dixo que vía aos elefantes, ás xirafas e a todos os animais moi, moi pequenos. Tan alto que estaba! Arón díxonos que seu pai tiña un metro longuísimo co que podía medir os 5.199 metros do Monte Kenia. E que se non chegaba cun metro, que tiña moitos máis e que con todos seguro que si que podía medilo. Logo vimos no mapa que había dúas montañas. A outra chámase KILIMANJARO  e non está en Kenia, está noutro país que se chama TANZANIA  e esa si que é a montaña máis alta de África.
 
Moito máis preto de nós quédanos o MONTE CASTRO, en Leiro, que xa fomos visitar hai un par de anos. Picade aquí se queredes ver como andan as excavacións e queredes ilas visitar.
 
 

xoves, 14 de marzo de 2013

IMOS Á PRAIA EN KENIA: MOMBASA

 
Despois dun esgotador safari no que Félix non sabía se decidirse por facelo en avioneta e fotografiar as leonas, en coche e fotografiar elefantes, en globo e fotografiar as xirafas ou en barca.. chegou o momento de descansar e relaxarse nas praias de KENIA. Unha das máis famosas é a de MOMBASA. Miramos na nosa bóla do mundo e vimos que o OCÉANO ÍNDICO é no que te bañas se optas por darte un chapuzón en Kenia e en cambio se imos á praia aquí pretiño da nosa casa bañarémonos no OCÉANO ATLÁNTICO. Que ganas temos de que chegue o bo tempo e ir a xogar á praia!!
 
 

venres, 8 de marzo de 2013

MURAL DE KENIA


O MONTE KENIA, o RÍO MARA, unha ACACIA, os MASAIS, e todos os animais que imos atopando en KENIA grazas a FÉLIX, aparecen no mural que puxemos na entrada do cole. LEÓNS, MONOS, HIPOPÓTAMOS, ELEFANTES, XIRAFAS, GUEPARDOS,... dannos a benvida durante este trimestre.

xoves, 7 de marzo de 2013

MASAI MARA

 
 
 
A RESERVA NACIONAL MASAI MARA de KENIA debe o seu nome ás tribos MASAIS que alí viven e ao río MARA que a cruza. Nesta reserva natural podemos atopar vivindo en liberdade todos os animais dos que nos fala FÉLIX: hipopótamos, leóns, xirafas, cebras, elefantes... Hoxe descubrimos nunha foto un animal que non coñecíamos e que Arón dixo que era un "toro". Investigando un pouco soubemos que se chama ÑU e que xunto coas cebras, protagonizan unha das migracións máis espectaculares que se poden ver en KENIA. Picade aquí para ler máis.
 
 

mércores, 6 de marzo de 2013

CHOCOLATA

 
É o título dun conto novo que nos recomendou FÉLIX, que fala das aventuras dunha HIPOPÓTAMA chamada CHOCOLATA que vai á cidade (será NAIROBI?) a probar unha nova casa de baños que acaban de abrir. Axiña se dá conta de que como na sabana e na súa lagoa, en ningures. Vén acompañada de canción, que nos encanta.
 
 

KENIA: BANDEIRA E CAPITAL



 A bandeira de KENIA ten tres franxas horizontais iguais. Negra (arriba) simbolizando a poboación maioritaria, vermella polo sangue derramado na loita pola liberdade, e verde pola terra e a riqueza natural. As franxas brancas máis estreitas representan a paz. Un escudo masai vermello, negro e branco con lanzas cruzadas representa a defensa da liberdade.
 
Neste enlace podedes atopar moita máis información interesante sobre KENIA.

martes, 19 de febreiro de 2013

WANGARI Y LOS ÁRBOLES DE LA PAZ



 
Na biblioteca de Leiro agardábanos un conto moi especial: WANGARI Y LOS ÁRBOLES DE LA PAZ. Unha historia de esperanza desde KENIA na que as árbores e as mulleres cobran protagonismo desde a primeira páxina. WANGARI MAATHAI recibiu o Premio Nobel da Paz no ano 2004. 
Picade no título se queredes ler o conto. A nós gustounos moito!
Máis información sobre a Premio Nobel da Paz, WANGARI MAATHAI.


xoves, 14 de febreiro de 2013

MARILUZ AVESTRUZ

Este divertido libro fálanos doutro animal que atopou Félix en Kenia: a avestruz.
No vídeo podedes ler o conto de MARILUZ AVESTRUZ e ao mesmo tempo aprender a súa canción.