Chegou o día da festa do Samaín e do magosto e alá fomos a Leiro dispostos a pasalo de medo. Deixamos as cabazas decorando o cruceiro, a merenda preparada na mesa para despois e puxémonos a cantar. As mamás e os papás que quedaron xa andaban a facer as brasas para asar as castañas cando comezaron os xogos castañeiros. Seguimos co cinema e acabamos viaxando con Anxo Moure e a súa pequena Xacia ao lugar onde viven os contos. Merendamos os postres saborosos cos que nos convidaron os nenos e nenas de cinco anos (insuperables!!) e a xogar!! A fin de festa, xa coa compaña das nosas familias púxoa Anxo Moure baixo o carballo do noso xardín de Leiro. Moitas grazas ás familias pola súa valiosa colaboración e a Anxo Moure pola súa visita. Vémonos de volta o vindeiro luns 3 de novembro. Mañá, 31 de outubro, día do ensino, non hai escola. Boa fin de semana a todos!!

Imaxe: Ricardo Liniers Siri
xoves, 30 de outubro de 2014
mércores, 29 de outubro de 2014
FACEMOS MORCEGOS
Cun rolo de papel hixiénico, témpera negra, rotuladores, ceras e gomets argallamos uns morcegos aos que lles construímos despois un castelo-cova onde agocharse porque con tanto sol...
Mesmo Lara atreveuse a facer un morcego coa plastilina!
martes, 28 de outubro de 2014
GRANDES DOCUMENTAIS NA 2
Hoxe Rodrigo trouxo un debuxo que fixo onte á tarde na súa casa despois de ver un documental que estaban poñendo na 2 de televisión española. Quedou abraiado coas imaxes dos xaguares e doutros animais da Selva Amazónica que saían no vídeo. Buscando na páxina web da 2 atopamos o documental, aínda que só pode verse en aberto ata o 3 de novembro (por mor dos dereitos de autor)
ESCRIBIMOS UNHA CARTA
Aquí estamos, escribíndolle unha carta á nosa amiguiña Irene. Con moitas cousas que contarlle: que Félix anda na Selva Amazónica, que xa estamos no tempo das cabazas, que a botamos de menos, que lle mandamos moitos bicos e corazóns... Cartas de cores, cunha chea de debuxos e novas. Agora temos que meter todas nun sobre, escribir o enderezo, poñerlle un selo e botala no buzón. Xa imaxinamos a Irene voltando a casa do cole e a súa mamá dicíndolle que chegou unha carta para ela. Coma Sofía cando recibe carta de Félix!! Que ilusión!!
E falando de selos, a nai de Diana tróuxonos uns preciosos con 4 animais mariños en perigo de extinción. Vanlle encantar a Irene!
luns, 27 de outubro de 2014
MIRA QUE SELVA MÁIS LINDA!
Lucía e Hugo, coas súas familias, estiveron preparando na casa unha sorpresa que hoxe trouxeron á escola. Unha Selva Amazónica incrible!! Quedamos abraiados co río Amazonas, a frondosidade da vexetación, Félix nun barquiño sucando o río, un xaguar e un caimán agochados na selva e dous monos titís subidos ás árbores. Axiña quixemos engadir algo da nosa colleita e apareceron as pirañas no río e outro xaguar. Moitísimas grazas pola vosa colaboración e por compartir coa escola o voso traballo!!
venres, 24 de outubro de 2014
CHEGOU UNHA CARTA DE IRENE!!!!
Vaia emoción! O carteiro trouxo unha carta para nós e cando fomos mirar o remite...era de Irene!! E vén de Bélxica!! Unha carta chea de debuxos onde nos conta que nos bota de menos e pregúntanos que tal nos vai. Cun selo precioso dun boneco de neve. Quedamos en que temos que respostarlle, mandarlle os nosos debuxos e "pintarlle moitos corazóns". Moitísimas grazas, Irene! Nós tamén nos lembramos de ti todos os días!
CUMPLE DE OUTUBRO. URIEL FAI 3
Hoxe Uriel fixo a súa primeira tarta de cumple no cole. Aínda que ao principio iso de mollar as mans no leite non lle gustou moito, ao final acabou facendo unha tarta riquísima da que non quedou nadiña. Parabéns Uriel!!
xoves, 23 de outubro de 2014
O RÍO AMAZONAS
O río Amazonas atravesa a Selva Amazónica. É o río máis longo, ancho e caudaloso do planeta. Sabedes que hai golfiños rosados no Amazonas? E que a Victoria amazónica, que medra no río Amazonas, é a planta acuática máis grande do planeta? (Picade na imaxe para ver a presentación, xa veredes que interesante)
mércores, 22 de outubro de 2014
OS MORCEGOS SON VERDES
Con esa cantilena quedamos despois de ler o conto de Marcelo o morcego, así que tivemos que poñernos a investigar un pouco sobre como son os morcegos. Agora xa temos claro que o único morcego verde é Marcelo porque só quería comer grelos. Os morcegos son de cor marrón e negra. Son mamíferos, nacen da súa nai, igual que nós, aliméntanse de leite materno e só teñen unha cría. Hai morcegos en todo o mundo agás nos Polos, xa que vai moito frío, e nos desertos, onde vai moita calor. Podemos atopalos en casas abandonadas, covas e árbores.
Xa vos iremos contando máis cousiñas destes animaliños...
mércores, 15 de outubro de 2014
OS BOLECHAS FALAN INGLÉS: ONE2THREE
Os nosos amigos Os Bolechas agora falan inglés. Se picades na foto accederedes á súa páxina web onde poderedes ver os vídeos, cantar, descargar recortables e colorear online debuxos dos nosos amigos. Non deixedes de visitala!
FROITAS DA SELVA AMAZÓNICA: ADRIÁN TRAENOS UNHA IUCA E A PROFE ROSANA FROITA DA PAIXÓN


Non chegamos a probala, chegounos con abrila e respirar o seu perfume. Como cheiraba! A algún non lle gustou nada, dáballe arrepíos o olor. En cambio a outros gustounos moito.
martes, 14 de outubro de 2014
O SAMAÍN E O MEDO: MARCELO O MORCEGO E O ZAMPÓN
Xa queda pouco para o día 30 de outubro e a nosa escola comeza a vestirse de festa cos preparativos do Samaín. Arañas, cabazas, bruxas... veñen visitarnos un ano máis, enchendo o ambiente dunha mestura de excitación e medo. E hoxe o conto que Zapatocas nos tiña preparado na biblioteca de Leiro tiña como protagonista un deses animais que nos meten medo: o morcego. Pero non un morcego calquera, senón Marcelo o morcego. E sabedes que tiña Marcelo de especial? Que só quería comer grelos! Os insectos cos que se alimentaba a súa familia dábanlle moito noxo! E que lle pasou a Marcelo por culpa de tanto grelo? Que mudou de cor! Adiviñades de que cor se volveu?
Ao logo destes días, os morcegos ocuparán un lugar importante na nosa aula: como son? que comen? onde viven? Moitas cuestións que Marcelo deixou no ar irán atopando resposta. Que medo! Medo me dá...
E outro contiño que nos deu moooooooito medo foi o do Zampón. Mirade os debuxos e adiviñaredes por que.
venres, 10 de outubro de 2014
LOROS E PERIQUITOS NA ESCOLA DE RIBADUMIA
Hoxe foi unha mañá moi especial. Carla trouxo a Lana, un loro femia pequerrecho de cores moi chamativas e Iria e a súa nai trouxeron dous periquitos machos, un verde e outro azul, coas súas crías. Tan pequechas son que hai que alimentalas cunha xeringa e con moito coidado. Que fame tiñan! Soubemos que os periquitos machos teñen no peteiro unha parte de cor azul e se son femias, castaña. Os pequerrechos aínda non teñen a cor definida así que non sabemos se son machos ou femias. E as plumas aínda lles están saíndo! Máis adiante, cando medren máis voltarán facernos outra visita. Puidemos observalos, collelos na man e despois moi caladiños escoitalos chiar. Mesmo se contestaban! Moitas grazas ás familias de Carla e de Iria por ofrecernos a posibilidade de vivir esta experiencia.
mércores, 8 de outubro de 2014
SONÁRBORE_TV
Un día máis non puidemos saír ao patio así que tivemos que enredar dentro do cole e argallar algo divertido. Atopamos varios vídeos que aparecen nos libros-cd-dvd da Editorial Galaxia que nos gustaron moito e cantamos, bailamos...
Se queredes ver máis, picade na imaxe de SonárboreTV.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)