
Imaxe: Ricardo Liniers Siri
venres, 27 de decembro de 2019
sábado, 21 de decembro de 2019
FESTIVAL DE NADAL
Moitas grazas por compartir con nós este día tan especial. Rematamos así o primeiro trimestre do curso. Que teñades unhas felices festas! Voltamos ao cole o mércores 8 de xaneiro.
xoves, 19 de decembro de 2019
O RENO DE MARTÍN
Hoxe Martín trouxo un reno que fixo coa súa nai para poñer no recuncho de Nadal do cole. Quedou precioso! Moitas grazas! Sodes uns artistas!
FIN DE ANO
Hoxe fixemos un simulacro de fin de ano e practicamos con gusanitos para cando sexa o día 31 poder comer as uvas en familia sendo uns expertos contando as badaladas. E despois fixemos un obradoiro de arte de Nadal cos compis da outra clase. Somos artistas!
mércores, 18 de decembro de 2019
martes, 17 de decembro de 2019
MANUSCRITOS DE ROSALÍA DE CASTRO
No Faro de Vigo limos que van publicar un libro xoia con textos manuscritos de Rosalía de Castro. Falamos da diferenza entre a letra do xornal, feita por un ordenador, e a letra manuscrita, feita a man. Cada un de nós ten unha letra diferente. Sabedes que a palabra "manuscritos" ten o nome de MANU diante? E que Rosalía ten o nome de LÍA ao final? A nós gustounos moito darnos conta!
luns, 16 de decembro de 2019
venres, 13 de decembro de 2019
DE FUNGOS E CIENCIA
No Faro de Vigo atopamos unha noticia que nos chamou a atención: O micólogo Miguel Ángel Delgado descubriu no Grove un fungo novo para a ciencia. Aprendimos a palabra micólogo e na biblioteca de Leiro atopamos un libro da Editorial Baía, Ananiños do bosque, con fotos de fungos e cogumelos de todo tipo: grandes, pequenos, con e sen sombreiro, brancos e de cores, que parecían leitugas, polbos e flocos de millo... A profe Ana ademais deixounos un libro de elaboración propia que fixo hai uns anos cos nenos e nenas do cole onde puidemos ver cogomelos comestibles e outros velenosos.
Comentamos que o mellor cando atopemos un cogomelo é non tocalo por se é velenoso. Pero podemos sacarlle fotos, como fixo a fotógrafa do libro, e traelas ao cole para compartilas. Así que xa sabedes, se ides de paseo, non esquezades a cámara de fotos!
MERENDA SAUDABLE
O venres podemos traer a merenda que queiramos e Marta decidiu traer unha banana e unha castaña. Saborosa elección!
martes, 10 de decembro de 2019
CARTA PARA O APALPADOR
Hoxe preparamos as nosas cartas para o Apalpador. Custounos decidir que xoguete de madeira preferíamos. O día do festival de Nadal entregarémosllas e á volta das vacacións ao mellor atopamos un agasallo para compartir na nosa escola!
domingo, 8 de decembro de 2019
APRENDIZAXE COOPERATIVA
O pasado mércores fixemos unha sesión de traballo cooperativo coa axuda da profe Ana. Organizamos tres equipos coas idades mesturadas e repartimos as tarefas para que cadaquén se encargase de unha e elaborar entre todos o cartel do noso equipo. Resultou unha actividade na que estivemos moi a gusto. Aprendimos a agardar a nosa quenda e ser pacientes, a respectar e valorar o traballo do compañeiro, a responsabilizarnos do noso, a expresar a nosa opinión, a ceder ou non ceder, a axudarnos e cooperar para conseguir un obxectivo común...
martes, 3 de decembro de 2019
CAL SERÁ A PALABRA DO ANO 2019?
No Portal das Palabras ábrese o prazo para votar a palabra do ano. Premede na imaxe e accederedes á información. Aquí o enlace para votar.
O APALPADOR E A CASTAÑA MÁXICA
Na nosa biblioteca temos dous libros do Apalpador. O martes pasado limos o primeiro, onde se presenta. E hoxe coñecimos a historia da castaña máxica.
Como nos gustan moito as castañas, investigamos un pouco e descubrimos a páxina do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, onde aparecen unha chea de variedades de castañas galegas. Sabedes que cada variedade ten o seu ourizo e unha forma diferente, tanto por dentro como por fóra? Picade aquí para velas!
E se queredes escoitar as cancións do Apalpador, picade nos enlaces: Apalpador Brinca Vai, Canción e baile do Apalpador, Malvela O Apalpador
luns, 2 de decembro de 2019
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)