Hoxe, 21 de marzo, día internacional da poesía, na nosa escola seguimos coñecendo máis a ROSALÍA DE CASTRO e a súa obra. No libro ROSALÍA, de Helena Villar Janeiro, soubemos que naceu en Santiago de Compostela, que ía á escola coma nós e que lle gustaba moito debuxar, pintar, ler e escribir. Cando medrou foi para Madrid, onde coñeceu a Manuel Murguía, co que casou e tiveron sete fillos (unha das fillas chamábase Gala, como a muller de Dalí!). Aló botaba moito de menos a súa terra galega. Rosalía convertiuse nunha grande poetisa e publicou varios libros de poemas como CANTARES GALLEGOS, que este ano celebra o 150 aniversario da súa publicación.
No libro ROSALÍA, aparecen varios poemas e un deles, que nos gustou moito, fala de tres pitas brancas e dun galo negro. Falamos de que moitos de nós temos galiñas na casa. Algún dixo que as súas eran verdes, outro dixo azuis e outro de colorinchos. Juan díxonos moi serio que as súas eran castañas e os que tiñan as galiñas de cores remataron dicindo que as deles tamén.
No vídeo podedes escoitar o poema, musicado por Amancio Prada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario