Marchando un bocata de atún e un Megaketchup para a merenda de hoxe! Que aínda non tedes ideas para facer clic ao voso bocata? Picade aquí para abrir a nosa bocatería do curso pasado e lendo os códigos QR elixide o bocata que máis vos guste!

Imaxe: Ricardo Liniers Siri
mércores, 29 de setembro de 2021
ARTISTEANDO CON ELEMENTOS DO OUTONO
As landras que apañamos onte engadímolas á nosa caixa de outono. E como estaba tan chea botamos todo o que había dentro no chan e puxémonos a imaxinar. Casas, gatos, papaventos, flores...
martes, 28 de setembro de 2021
UN TABOLEIRO E UN SOBRE SORPRESA
Cada vez que sacabamos unha sorpresa do sobre había que lela e buscar o seu sitio. Fixémolo en grupo, axudándonos, e despois de xeito individual. Podedes facelo na casa tamén!
luns, 27 de setembro de 2021
LUCIANA FAI 5!
No mes de setembro Luciana fai 5! E hoxe celebrámolo cantándolle e acompañándoa nas súas 5 voltas ao sol. Parabéns, Luciana!
venres, 24 de setembro de 2021
MANS QUE SON ÁRBORES
Mans que se transforman en árbores, cores de outono ao redor. E facelo ao aire libre, con bo tempo e rodeados de natureza, non ten prezo! Os venres artisteamos coa profe Olalla☺
xoves, 23 de setembro de 2021
CHEGAN AS LETRAS PEQUENAS
Asociamos as letras maiúsculas coas minúsculas e lemos as parellas. Escritas son diferentes mais soan igual. Nos vídeos podedes ver os xogos que fixemos para emparellar, ler e compoñer algunha palabriña: Leo, Lía, Lola, Loli, lila, lúa, Ali. Lembramos que os nomes propios sempre comezan con letra maiúscula! Podedes facelos tamén na casa.
PAISAXES DE OUTONO
Árbores espidas, follas no chan, ourixos, castañas, landras, lobos, Caparuchiñas, avoíñas que agardan pola neta, cogumelos, caracois... Sacamos a lupa para mirar o outono.
E TI, COMO TE CHAMAS?
As letras do meu nome, a miña inicial... Imos compoñer o noso nome con letras móbiles para írmonos familiarizando con elas. Eu son...
mércores, 22 de setembro de 2021
O OUTONO XA CHEGOU!
E xa vai deixando pistas aló por onde imos de paseo: follas, landras, castañas, ourizos... Atopastes algunha?
Xaime e as landras foi o conto que nos acompañou na hora de lectura despois do patio. E despois xogamos coas follas e os froitos de dúas árbores: carballos e castiñeiros. Seguro que agora cando as vexamos nalgures, imos identificalas axiña.
martes, 21 de setembro de 2021
PRIMEIRO MARTES EN LEIRO
Alí estaba Zapatocas, a mascota da biblioteca, agardando por nós. Sabedes que este curso podemos retomar o empréstito de contos? Pois si! E xa levamos o primeiro libro para as nosas casas na bolsa vermella. Tedes toda a semana para gozar coa súa lectura en familia.
Tamén coñecimos a Mimi, a mascota da aula de inglés, saímos ao xardín a apañar abelás e traballamos en informática coa profe Iria. Un martes moi atarefado!
venres, 17 de setembro de 2021
XOGANDO COAS LETRAS E OS SONS
Hoxe fixemos un xogo coas vogais e a letra L. Levámolo para á casa e así poder facelo en familia.
xoves, 16 de setembro de 2021
MÚSICA!
Hoxe coa profe Olalla enchimos de música e bailes a nosa aula. Que ben o pasamos! Os luns a primeira hora, máis!
sábado, 11 de setembro de 2021
xoves, 9 de setembro de 2021
22ª CAMPAÑA DE SAÚDE VISUAL ALAIN AFFLELOU
Un ano máis, coa volta ao cole, a Fundación Alain Afflelou pon en marcha a súa Campaña escolar en favor da saúde visual facendo unha revisión de balde para nenas e nenos de entre 5 e 7 anos e agasallando as lentes graduadas en caso de necesitalas.
Picade aquí para máis información.
mércores, 1 de setembro de 2021
CHEGA O CURSO 2021-2022. VOLTAMOS AO COLE!
Queridas familias,
Este ano o inicio das clases vai vir marcado polas
recomendacións que marca o Protocolo
de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario
de Galicia para o curso 2021-2022. Dende a escola estamos traballando para
cumprir coas indicacións marcadas e ter todo listo para comezar desde o
primeiro día nun entorno seguro. A reunión de principio de curso non poderá
celebrarse presencialmente así que nos vindeiros días poñerémonos en contacto
con todas as familias por teléfono ou correo electrónico para informarvos das
novidades e aclarar as posibles dúbidas que poidan xurdir.
O horario do xoves día 9 de setembro para o alumnado de
4 e 5 anos será de 9 a 13:45 horas. O alumnado de 3 anos incorporarase en
horario de 11:00 a 13:00 horas.