Imaxe: Ricardo Liniers Siri

luns, 14 de maio de 2018

A FAMILIA DE XULIA E VACACIÓNS EN PAZ

Hoxe recibimos unha visita moi especial: o pai e a nai de Xulia viñeron contarnos como viviron na súa familia o acollemento dun neno saharaui o pasado verán a través do programa Vacacións en Paz. No globo terráqueo miramos onde quedaba o Sáhara e a viaxe tan longa que tivo que facer Mohamed Salem ata chegar a Galicia. Soubemos grazas a un pequeno vídeo como é a casa de Mohamed no Sáhara, as condicións nas que viven el e maila súa familia, a escaseza de auga que sofren, o calor que pasan... O pasado verán Mohamed veu por primeira vez a España e atopouse con Xulia e a súa familia que lle abriron as portas da súa casa e da súa vida diaria. Unha experiencia onde avós, tíos, curmáns, amigos e veciños colaboraron para que Mohamed, tan lonxe da súa casa e da súa familia, se sentise como un membro máis da súa familia galega. Ao longo deses dous meses compartiron xogos, comidas, tardes na praia e na piscina (mesmo aprendeu a nadar!)... momentos inesquecibles que os fixeron medrar como persoas e os axudaron a coñecer outras realidades aprendendo así a respectar outras culturas.

Moitísimas grazas a Xoán, María e Xulia por vir a contarnos esta historia de amor á nosa escola e por preparar as fotos e os vídeos con tanto agarimo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario