Mañá sairemos de dúbidas na Casa do Queixo, pero antes quixemos investigar un pouco na biblioteca e atopamos un libro: COMO SE HACE. E alí viña moi ben explicadiño todo o proceso de elaboración do queixo. Farano así na Casa do Queixo? Teremos que estar ben atentos para comparar...
Imaxe: Ricardo Liniers Siri
martes, 3 de xuño de 2014
CALENDARIO DE XOGOS TRADICIONAIS 2014-2015: TASTARABÁS
Xa rematamos o noso Calendario de Xogos Tradicionais!!
Cunha chea de xogos que aprendimos grazas ao TASTARABÁS, a Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais de Antón Cortizas e cos que xogamos xuntos ao longo de todo este curso.
venres, 30 de maio de 2014
CUMPLES DE MAIO, MANGO E LIMAS
Hoxe celebramos os cumples do mes de maio. Arón fixo seis e Wences máis Iria fixeron cinco. Entre os tres fixeron unha saborosa e enorme (estreamos molde novo) tarta para convidarnos. Logo viñeron as lambetadas e grazas a Adrián e a súa mamá puidemos probar mango (que veu en avión desde a República Dominicana, como puidemos ver na pegatina). Tamén trouxeron limas, que son moi semellantes aos limóns, pero aínda non as abrimos. Parabéns, mociños! E boa fin de semana!
xoves, 29 de maio de 2014
A CASA DO QUEIXO
A vindeira semana faremos a saída de fin de curso á Casa do Queixo. Na súa páxina web podedes atopar información sobre as actividades, as instalacións, a contorna... Picade na imaxe para visitala.
Lembrade que:
- A saída realizarase o vindeiro mércores 4 de xuño. Saímos de Leiro ás 9:00 (hai que ser moi puntual) e voltamos tamén a Leiro ao redor das 18:30.
- Hai que levar posta crema protectora e zapatillas deportivas pechadas de velcro (NON cordóns, NON sandalias)
- Na mochila levarán unha muda (toda a roupa irá marcada co nome, vale nas etiquetas con bolígrafo): roupa interior, un pantalón longo, unha camiseta, un xersei, un impermeable/cazadora/abrigo (en función do tempo atmosférico), unha gorra.
- O día da saída cada neno entregará á titora a Tarxeta Sanitaria orixinal, que será devolta ese mesmo día cando recollades os nenos.
- Non levarán nada de comer nin de beber.
- Se o neno é alérxico a algo: alimento, animal...deberedes comunicalo con antelación para tomar as medidas oportunas.
- Debido a que a viaxe no autobús ten unha duración bastante longa (1h e media), os nenos que sexan propensos a marearse deberán tomar medidas contra o mareo (preguntade na farmacia ou no pediatra: chicles, pulseiras...)
Se tedes algunha dúbida, consultade á titora.
O RECUNCHO DO CARIBE MEDRA...
Rodrigo amosounos unha maraca que lle trouxo a súa irmá de Cuba. Non sabedes que bonita!! E que ben toca!! E Lucía trouxo un anaquiño do Caribe que fixo na casa coa axuda da súa nai e do seu pai. Con Félix e un amiguiño seu, un oso que se chama Sakura (será xaponés?) Lucía explicounos todo o que necesitaran: unha caixa, pinturas, papeis de cores, unha planta para facer a palmeira... e ir á praia coller cunchas e area! Xa que non podemos ir nós ao Caribe... o Caribe vén a nós! Moitas grazas polo voso traballo e a vosa colaboración... quedamos abraiados!!
mércores, 28 de maio de 2014
COCOS
Adrián e Uxía trouxeron estes días dous cocos para o recuncho do Caribe e hoxe despois da merenda abrímolos e puidemos probalos. Vimos que para poder partir a casca necesitamos un martelo porque é de madeira e moi dura! Despois hai que separar a casca da carne (que é branca!) e se o facemos con coidadiño, botamos a auga de coco nun vaso e podemos bebela. Tamén a cheiramos e algún dixo que cheiraba a iogur, outros a arroz con leite, outros a leite... Houbo quen non quixo nin probar, outros probamos e gustounos, a outros non lles gustou nada...
O mellor foi cando escribimos as letras de Caribe nos anacos de casca do coco e as colgamos no mural. Que chulada!!
xoves, 22 de maio de 2014
PREPARANDO FIN DE CURSO
Achégase o final de curso e temos moito que preparar. Hoxe tocoulles ás portadas dos traballos, que desta volta van pintadas con acuarelas. E tamén traballamos as series grazas aos colares que cada un ten que facer para o baile de fin de curso: palliña, flor, palliña, flor... Ollo, que non valen dúas palliñas seguidas ou catro flores xuntas!! Ao final saíron pero houbo que concentrarse moito para facelo ben...
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
















