Imaxe: Ricardo Liniers Siri

xoves, 30 de abril de 2020

5 MANCHAS DE PINTURA


Hai un libro da editorial Kalandraka que xa ten os seus anos e que temos na biblioteca: O cadro máis bonito do mundo. 
Hoxe imos coñecelo narrado por Luz Pérez nun vídeo. Despois de velo xa sabemos cales eran as 5 cores que empregaba Miró para as súas obras: negra, amarela, vermella, verde e azul.
Agora tócanos a nós facer O cadro máis bonito do mundo. Temos que buscar pola casa as cinco cores que empregaba Miró en rotuladores e ceras. Collemos un papel en branco. Imos empregar a técnica do "debuxo de imaxinación". O adulto colle o rotulador negro e fai 4-5 trazos diferentes no papel. Agora o neno colle os rotuladores e completa como lle parece cada trazo para facer un debuxo (exemplo). Despois pode colorear coas ceras (exemplo). Cando considere que está rematado, pon o seu nome (cada letra dunha cor). Para rematar imos facerlle un marco recortando tiras de revistas das cinco cores que empregaba Miró (exemplo). E xa temos... o cadro máis bonito do mundo! (exemplo) 
Enseñádesnos como vos quedaron de chulos?







mércores, 29 de abril de 2020

MIRÓ ESCULTOR



Joan Miró facía esculturas. Moitas delas con materiais de refugallo que ía atopando nos seus paseos pola praia, nas súas viaxes... Hoxe imos coñecer unha obra que se titula Personaxe e que aparece no vídeo. 
Recoñecedes algunha parte da escultura? Probade a facela con materiais que teñades na casa e mandade unha foto comentando que empregáchedes. Despois buscádelle un sitiño para expoñela onde se poida ver ben!
Picando na foto veredes a versión da profe.




martes, 28 de abril de 2020

MÓVETE CONNOSCO NA CASA

A actividade física e as técnicas de relaxación poden ser ferramentas útiles para axudar a manter a calma e seguir protexendo a saúde durante o tempo de confinamento.
A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dun grupo de especialistas en educación física e das súas familias, deseñou unha programación semanal que permite ao alumnado traballar algúns destes aspectos.
Estes vídeos constan dunha serie de actividades físicas cunha duración de 15 minutos aproximadamente, deseñadas para ser desenvoltas na casa, sen apenas material específico e dunha maneira sinxela, divertida e significativa.
Animádevos a facelos! De seguro que pasaredes un bo rato!


JOAN MIRÓ I FERRER

Joan Miró neno


Imos aprender algún dato da biografía de Joan Miró e aproveitar para traballar os nosos.
Joan Miró i Ferrer naceu en Barcelona o 20 de abril de 1893. Como me chamo e apelido eu? Onde nacín? Que día, mes e ano? Imos aprendelo! Preguntade na casa. Seguro que foi un día moi importante para a familia. Por que teño este nome? Quen o elixiu? Quen foi a primeira persoa que me veu visitar? Cal foi o meu primeiro xoguete? Imos mergullarnos nas lembranzas daquel día tan especial buscando fotos na casa de cando nacimos, de cando eramos bebés. Animádesvos? 


luns, 27 de abril de 2020

42 DÍAS DESPOIS...

Saímos ás rúas, ao campo, ao monte...e atopamos...



Mateo paseando coas súas cadeliñas Luna e Venus


Leo saiu coa bici

Joel saiu con Hugo, o seu irmán

A primavera encheu o campo de flores!

Imos recoller pampullos para facer o Maio!

Martín no seu "paseo especial"

Marta en patinete e Alba en bici
Mateo xogando coa area
na praia

Mateo correndo
na praia



A FESTA DOS MAIOS

Unímonos á proposta da profe Ana desde a Aula de Natureza e convidámosvos a participar na celebración dos Maios desde as vosas casas. 


JOAN MIRÓ: OLLOS E ESTRELAS

Joan Miró- "Ojos y Estrellas" from S. Aguiar on Vimeo.

Antes de que empezara o confinamento, fixemos unha primeira aproximación a toda a bibliografía sobre Joan Miró que Zapatocas tiña na nosa biblioteca. A meirande parte eran fondos novos preparados para mergullarnos no fantástico mundo deste gran artista. Como agora non é posible consultalos, procuraremos material na rede e tentaremos adaptalo o mellor posible ás novas circunstancias coa vosa axuda.
Comezamos unha nova semana vendo o vídeo Ojos y Estrellas e presentando a primeira obra de Miró, que fixo cando só tiña 8 anos empregando un lapis e acuarelas de cores. Unha tartaruga que nos recorda a Borja, a mascota do cole que coidamos coa profe Ana. Mirade aquí como medrou desde que chegou ao CRA.


Tedes algunha tartaruga nas vosas casas? Non ten que ser unha tartaruga de verdade! Pode ser un conto, un peluche, un cadro, un broche, debuxada na louza, algunha foto que fixerades nalgunha viaxe... Convídovos a que mandedes unha foto e tamén a que tentedes debuxala vós: inventádelle un nome e escribídeo xunto ao debuxo: TARTARUGA _________


A tartaruga Anita, de Leo


A tartaruga de Marta chámase Green.
Tamén nos manda fotos das súas tartarugas!
A tartaruga de Lía chámase Mariquita