Mira que mira, mirando, atopei un becho estraño...
Imaxe: Ricardo Liniers Siri
martes, 12 de xuño de 2018
CARNÉ DE INVESTIGADORES E DIPLOMA DE ARQUITECTOS
Pois si, parece que a nosa aventura con Sabela está chegando ao seu fin. Ao longo do curso aprendimos moito con ela, investigamos na casa, no camiño e na escola. Así que xa somos investigadores e arquitectos con carné e diploma. Grazas Sabeliña!
venres, 8 de xuño de 2018
A MIÑA TÍA
Aquí nos tedes ensaiando o baile de fin de curso: bailando, cantando, saltando... Se queredes escoitar a canción que eliximos para a festa, mirade o vídeo.
O PLANO DA NOSA ESCOLA
No libro de Sabela aparecía o plano da súa escola, unha escola moi grande, con dous andares, unha chea de aulas de infantil e primaria, comedor, biblioteca, aula de música... A nosa escola é máis pequena e hoxe miramos o plano, recoñecimos a nosa aula e o noso baño, a zona da entrada, a aula e o baño da outra clase e o patio.
Despois, aproveitando que facía bo tempo, decidimos saír fóra e como fan os mestres arquitectos, debuxar a nosa escola fixándonos moito para non perder detalle. Vaia escola bonita que temos!
O XORNAL DAS BOAS NOVAS
Ao longo de varios meses fomos recortando novas da prensa que falaran de solidariedade, boas iniciativas, voluntariado... novas que ao lelas nos fixeran sentir ben e nos deran ideas para medrar como persoas. Con todas elas estamos elaborando o noso xornal das boas novas e engadíndolles debuxos da nosa colleita que teñan relación, para que quede aínda máis bonito.
xoves, 7 de xuño de 2018
OS PLANOS DA CASA DOS AVÓS DE SABELA
Hoxe en pequenos grupos miramos os planos da casa dos avós de Sabela e xogamos a adiviñar o nome dos lugares que alí aparecían: cuartos, cociña, baño, salón... Tamén descubrimos mesas e cadeiras, o baño, as camas, estanterías con libros... E así, desde a planta baixa fomos subindo á planta primeira e finalmente ao faiado, onde Sabela atopou as zocas máxicas no baúl e o arco da vella entraba pola fiestra.
VOLUNTARIADO MIÚDO EN ACCIÓN
Unha vez máis poñémonos as pilas para axudar os demais. Desta vez traendo roupa usada e calzado que a Fundación Glorr recollerá e así poder reunir fondos para os máis necesitados. Se queredes participar nesta campaña, tedes ata o 8 de xuño para entregar as vosas bolsas en Leiro.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)