Imaxe: Ricardo Liniers Siri

martes, 13 de novembro de 2012

TEÑO QUE TRAER...UNHA CASTAÑA

O venres pasado levamos unha nota para casa na que poñía:

 
Para que queremos unha CASTAÑA no cole? Non é para asala, que xa pasou o magosto. Trátase dunha amizade con rima... Xa vos contaremos...

O RÍO NILO

O RÍO NILO é o río máis longo de ÁFRICA. No Antigo Exipto tiñan que andar con moito coidado porque estaba cheo de CROCODILOS e HIPOPÓTAMOS. É un río navegable no que podemos atopar as embarcacións típicas do NILO: as FALUCAS.
 

RECUNCHO DE EXIPTO

 
O noso RECUNCHO DE EXIPTO vai tomando forma. Ao longo destes días foron chegando ao cole: libros, papiros, amuletos, pirámides, esfinxes, fotos...ata un camelo para FÉLIX! Pouco a pouco as profes van ir colocando todos os nosos tesouros exipcios para poder miralos máis polo miúdo e ilos descubrindo. Moitas grazas a todas as familias!! Xa iremos poñendo fotos de como vai quedando.
 
Vedes na foto as pirámides que pintamos o outro día? Por fin, logo de recortalas vimos como a profe as montaba. Hai que doblar o papel polas liñas, logo pegar as solapas e aparece a pirámide!
 
 
 
E os debuxos que aparecían nelas e que non sabíamos o que eran, hoxe grazas aos libros que ZAPATOCAS ten de Exipto, descubrimos o significado dalgún. Aos exipcios gustábanlles moito os amuletos: O ESCARAVELLO traía boa sorte, o OLLO DE HORUS significaba protección, o ANJ era a chave da vida e a COBRA simbolizaba o poder, por iso os faraóns levaban unha dourada na cabeza.
 
 
 
 

xoves, 8 de novembro de 2012

O PROFE FELIPE PRESÉNTANOS...O CLARINETE!

Hoxe tivemos unha clase de música con sorpresa. O profe Felipe trouxo un maletín pequeno moi misterioso. Todos queríamos saber que había dentro e axiña foron aparecendo unhas pezas moi estranas: CAMPÁ, BARRILETE, CORPO, CHAVES, BOQUILLA, CANA e ABRAZADEIRA. Por separado non dicían nada pero nun abracadabra aquelas pezas xuntáronse e convertíronse nun instrumento musical: era un CLARINETE!! Logo veu o momento de facer silencio e escoitar como soaba: quedamos abraiados. E para rematar, todos buscamos o noso dedo matapiollos da man esquerda (que nos levou un tempo e moita concentración) e un a un fomos axudando ao profe a tocalo. É que somos uns artistas...!! Moitas grazas, profe Felipe!!

 
 

 

TRABALLAMOS COA PRENSA

O curso pasado traballamos a prensa e xa coñecíamos moitos xornais: LA VOZ DE GALICIA, FARO DE VIGO, DIARIO DE PONTEVEDRA E DIARIO DE AROUSA xa nos sonaban. Pero hoxe apareceron xornais novos: MARCA, SPORT, ABC. Logo de botarlles unha ollada, vimos que os dous primeiros estaban especializados en información deportiva e que o ABC tiña nome de letras e sabíamos lelo soíños!!







mércores, 7 de novembro de 2012

SEMANA DA TRADICIÓN ORAL

 
 
A segunda semana de novembro está adicada á TRADICIÓN ORAL. Este curso imos celebrala mergullándonos no mundo das ADIVIÑAS. No seu libro: AS ADIVIÑAS, Azucena e Dolores Arias Correa, refírense ás adiviñas como xogos e como xénero da literatura oral popular: "Os xogos de acertar son moi atractivos para nenos e nenas porque se centran nos seus desexos de desvelar misterios, pero tamén foron e serán fórmulas que permiten achegar ás persoas a linguaxe poética encol das cousas, animais e feitos que ocorren no seu redor."
Nós xogamos hoxe ás adiviñas co conto: Los sonidos de...EL BOSQUE, da editorial Combel, cheo de ventaniñas que agachaban as solucións. Acertamos case todas e pasámolo moi ben! Logo tentamos aprender unha para poder dicila na casa:
 
NA TÚA CABEZA
TELO QUE POÑER
PARA NON PASAR FRÍO
O INVERNO QUE VÉN
 
Ao longo deste curso as ADIVIÑAS van aparecer en moitos dos nosos traballos. Ide preparando a vosa escolma!

martes, 6 de novembro de 2012

ONDE SE GARDAN OS LIBROS DE EXIPTO?

A semana pasada ZAPATOCAS tíñanos unha sorpresa: buscara todos os libros que había na biblioteca de Leiro e que falaban de EXIPTO e puxéraos enriba dos andeis para poder miralos. Pero onde hai que gardar os libros de EXIPTO se queremos colocalos no seu sitio? Investigamos que tiñan en común todos os libros e vimos que tiñan un número: o 9, e unha pegatina de cor branca. Puxémonos a buscar máis libros con pegatina branca e... apareceron moitísimos máis!! Están no andel co número 9, correspondente aos libros de HISTORIA. Isto serviunos para comprobar que había dous libros con erros: un tiña a pegatina amarela e o número 8 (estaba no andel equivocado) e outro tiña pegatina amarela e número 9 (había que cambiarlle a cor da pegatina por unha branca). Axiña solucionamos estes dous problemiñas coa axuda da profe. Canto nos gusta facer de detectives!!