Imaxe: Ricardo Liniers Siri

mércores, 20 de xaneiro de 2021

DÍA DA CONCIENCIACIÓN POLOS PINGÜÍNS: APADRIÑA UN PINGÜÍN!

 


O 20 de xaneiro celébrase o Día da Concienciación polos Pingüíns. Vimos un vídeo para aprender algo máis destes simpáticos animais: onde viven, características, que comen, cales son os seus inimigos, como se reproducen... Cando estabamos escoitando esta canción, Xulia dixo que tamén podiamos bailar como pingüíns. Buscamos no ordenador e bailamos coma pingüíns. A moverse todos!

Sabedes que está activa unha campaña de apadriñamento de pingüíns? Eliximos entre toda a clase un nome para pollerlle e mandamos a nosa solicitude. A ver cando nos chega o diploma! Se queredes participar desde as vosas casas, aquí vos deixamos o enlace. É de balde e colaboramos nunha boa causa.

E por fin chegou o noso diploma! Picade aquí se queredes coñecer a Manolo o pingüín e o noso compromiso de coidar o medio ambiente.

martes, 19 de xaneiro de 2021

ALEXANDRE FAI 5

Hoxe Alex celebraba o seu aniversario e acompañámolo nas súas cinco voltas ao redor do sol. Parabéns, Alex! Que pases un moi feliz día!




CANS QUE AXUDAN: FIVI AO RESCATE!

 


Hoxe vimos na edición dixital do xornal La Vanguardia unha noticia que nos sorprendeu moito: unha cadela que rescatou persoas perdidas na neve. A cadela Fivi é unha pastor alemán que pertence ao grupo de rescate da Garda Civil e colaborou na busca de cinco persoas que foron a pasar o día na neve sen a roupa axeitada. Veu a noite, veu o frío e non tiñan luz, nin batería no móbil. Cando os rescataron tiñan síntomas de hipotermia. Fivi está entrenada para buscar persoas na neve. Grazas a ela a historia deste grupo de aventureiros imprudentes tivo un final feliz.

Falamos da importancia de ir coa roupa e calzado axeitados en función de onde vaiamos ir: non é o mesmo ir á neve que ir á piscina. No inverno hai que poñer roupa de abrigo!


xoves, 14 de xaneiro de 2021

TODOS XUNTOS

 


¡Todos juntos! é un libro que nos quedara atrás da árbore dos contos de Nadal. Un libro co que descubrimos afinidades, identificamos os nomes dos nosos compañeiros e compañeiras e avanzamos na construcción e representación do noso esquema corporal. Porque xuntos formamos un gran equipo!




martes, 12 de xaneiro de 2021

ALIMÉNTATE BEN. PLAN PROXECTA 2021

 




Volven os Arroases e os Comefroitas a axudarnos a comer con sentidiño coidando a nosa saúde. Cada vez que a nosa merenda sexa un bocata de conserva de peixe ou unha froita, gañaremos un selo para os nosos álbums. Conseguiremos completalos? Seguro que si!

Ademais, o 2021 foi designado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Ano Internacional das Froitas e Verduras. Picade na imaxe para ver o vídeo.



Na páxina da Fundación Dieta Atlántica podedes atopar os Alimentos de tempada do mes de xaneiro. Froitas, verduras, peixes, mariscos, carnes e legumes. Animámosvos a descubrir novos sabores e a mandar fotos de cales probades e comedes nas vosas casas. Hai moita variedade! A ver cantos diferentes comedes ao longo deste mes!

luns, 11 de xaneiro de 2021

MARIA SIBYLLA MERIAN


Lembrades a pregunta que nos atopamos á volta de Nadal no cole: Quen foi Maria Sibylla Merian?

 Pois investigamos nas nosas casas e puxemos en común todo o que descubrimos:

"Fue una científica y pintora. Le gustaban las orugas y las mariposas. Hacía cuadros de flores y le gustaban los colores"

"Pintaba mariposas y gusanos de seda"

"Tenía pinturas para dibujar mariposas en un papel"

"Naceu en Alemania, nunha cidade que se chama Fráncfort. Foi exploradora, pintora e científica. Estudiaba las mariposas y los insectos"

"Era una pintora de insectos"

"Era una científica que cuidaba los animales"

Tamén aportamos algunha información, un vídeo, debuxos e fotos de Maria.




Hoxe na biblioteca Zapatocas tíñanos apartado un libro no que puidemos ler a historia de Maria Sibylla Merian. MSM1, MSM2, MSM3, MSM4


E despois vimos un vídeo onde aparecen ilustracións feitas por Maria Sibylla Merian nun tempo que aínda non existían os microscopios.


Maria foi unha muller curiosa, observadora, autodidacta, científica, pintora, naturalista, aventureira, teimuda, viaxeira, valente... que dedicou a súa vida á súa verdadeira paixón: a entomoloxía.

Canto estamos aprendendo con Maria Sibylla Merian! 




venres, 8 de xaneiro de 2021

FELIZ 2021!

 Estreamos o 2021 e voltamos ao cole. Chegamos e tiñamos unha sorpresa agardando por nós. As nosas cartas e desexos tiveron resposta. A profe Malú axudounos a descubrir o que agachaba cada paquete. Xogos, libros, acuarelas e unha pregunta para investigar en familia a fin de semana: Quen foi Maria Sibylla Merian? A ver que descubrimos!