Imaxe: Ricardo Liniers Siri

mércores, 28 de maio de 2014

COCOS



Adrián e Uxía trouxeron estes días dous cocos para o recuncho do Caribe e hoxe despois da merenda abrímolos e puidemos probalos. Vimos que para poder partir a casca necesitamos un martelo porque é de madeira e moi dura! Despois hai que separar a casca da carne (que é branca!) e se o facemos con coidadiño, botamos a auga de coco nun vaso e podemos bebela. Tamén a cheiramos e algún dixo que cheiraba a iogur, outros a arroz con leite, outros a leite... Houbo quen non quixo nin probar, outros probamos e gustounos, a outros non lles gustou nada...

O mellor foi cando escribimos as letras de Caribe nos anacos de casca do coco e as colgamos no mural. Que chulada!!






xoves, 22 de maio de 2014

PREPARANDO FIN DE CURSO



Achégase o final de curso e temos moito que preparar. Hoxe tocoulles ás portadas dos traballos, que desta volta van pintadas con acuarelas. E tamén traballamos as series grazas aos colares que cada un ten que facer para o baile de fin de curso: palliña, flor, palliña, flor... Ollo, que non valen dúas palliñas seguidas ou catro flores xuntas!! Ao final saíron pero houbo que concentrarse moito para facelo ben...



mércores, 21 de maio de 2014

A INFANCIA DE FRIDA KAHLO


Xa coñecemos como se chamaban os pais e as irmás de Frida Kahlo pero o que máis nos chamou a atención de cando Frida era pequena foi que aos 6 anos enfermou de polio e tivo que estar na cama porque as súas pernas non tiñan forza. O seu pai animouna a practicar deportes que a axudaran a fortalecer os seus músculos: fútbol, natación e loita, e pouco a pouco foise poñendo mellor. Moitos de nós xogamos á pelota e imos á piscina a nadar cada semana, por iso estamos tan fortes!

Tamén coloreamos con rotuladores fluorescentes (que nos encantaaaaaron) un autorretrato de Frida e puxémoslle flores no pelo, como lle gustaba facer a ela.


A CARTA DE FÉLIX DESDE O CARIBE



A carta de Félix traía un agasallo: A lingua segreda dos banderíns! Arón contounos que na lancha de seu pai ten unha pegatina igual que a que mandou Félix, con todas as letras e os banderíns. Nós buscamos cada un a inicial do noso nome e coloreamos a nosa bandeira. Ademais, a carta fala de cocos, palmeiras, animais mariños... Teremos que seguir investigando a ver canto aprendemos deste lugar paradisíaco!







UNHA ILLA DO CARIBE CON FROITAS

Hoxe fixemos un obradoiro de cociña á hora da merenda. En grupos de catro, con anacos de plátano, mazá, kiwi, mandarina, uva e laranxa, compuxemos a nosa propia illa do Caribe e despois merendámola. Saborosa e nutritiva a merenda de hoxe!!






martes, 20 de maio de 2014

RECUNCHO DO CARIBE

Xa están chegando das nosas casas obxectos relacionados co Caribe: un ventilador para levar mellor a calor, un coco tallado con forma de pirata, un cubo cunha illa e unhas tartarugas que pon Jamaica e un recipiente de bambú con letras e debuxos... con cana para beber incluída.  Mirade cantas cousiñas!