Imaxe: Ricardo Liniers Siri

mércores, 21 de novembro de 2012

UNHA AMIZADE CON RIMA

Lembrades que tíñamos que traer unha CASTAÑA ao cole? Pois hoxe levámola á casa transformada. Fixo unha amiga: unha ARAÑA. Queredes saber a historia desta amizade?


 Paseando por un souto
andaba unha araña
cando pisou un ourizo: ai!
onde había unha castaña.
Pinchou unha patiña
botouse a chorar: buaaaaa!
pero axiña a castaña
quíxoa axudar.
Sacoulle aquela espiña
cantoulle un "sana, sana"
deulle un biquiño
e xa estaba curada.
A araña agradecida
díxolle á castaña:
súbete ao meu lombo
fai a equipaxe
que estas dúas amigas
imos de viaxe.
E desde aquel día
sempre  van xuntiñas
nunca se separan
as dúas amiguiñas.

PARA BAILAR ME PONGO LA CAPA...

Hoxe estivemos bailando uns TROMPOS pequenos que non necesitan corda para bailar. Con só dous dediños facémolo virar e virar. Aínda que non é tan doado como parece! Temos que practicar moito! Anxo deunos toda unha lección de mestría, a el si que lle baila de marabilla!
E despois aprendimos unha adiviña do trompo moi divertida. A ver se vos gusta:
 
 

martes, 20 de novembro de 2012

20 DE NOVEMBRO: DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

Hoxe a profe contounos que estábamos de celebración, que o 20 de novembro era o DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS E NENAS. Como iso dos dereitos nos soa un pouco raro, coa axuda de POCOYO (a el si que o coñecíamos todos!) imos ir descubrindo cales son os nosos dereitos. O primeiro que coñecimos foi que todos temos dereito a ter unha familia que nos queira e nos coide. Eli, a elefanta amiga de Pocoyo, ten unha boneca á que coida e quere como unha mamá. Eli e a boneca forman unha familia de dúas personas. Os marcianos forman unha familia de tres personas. Entón puxémonos a falar das nosas familias: con quen vivimos, cales son as personas que nos queren e nos coidan... Temos familias de tres, catro, cinco, seis...ata oito personas chegamos a contar nalgunha das nosas familias!! Quérennos, cóidannos, dannos mimiños, bicos, apertas... Nós tamén vos queremos!!
 
Se queredes mirar o material de POCOYO, picade aquí. Tamén podedes ver os vídeos.
 
 

luns, 19 de novembro de 2012

¡OH!, AH!





Hoxe descubrimos un conto que nos deixou cun OH! na boca. Xa a semana pasada léramos o de AH! que tamén nos deixou abraiados. Incribles as sorpresas que pode agachar un conto!


EXIPTO ESTÁ EN...BOIRO

Pois si, amiguiños, hoxe a profe tíñanos unha sorpresa: en GALICIA temos un lugar que se chama EXIPTO! E sabedes como nos enteramos? Grazas á profe María de música (á que botamos moito de menos) que visitou o noso blog, veu que FÉLIX andaba de viaxe por terras exipcias e mandounos unhas fotos preciosas do EXIPTO boirense. Así que se unha fin de semana nos apetece ir a EXIPTO, non temos máis que coller o coche e achegarnos ata alí. Se alguén se anima, que non olvide facer fotos coa pirámide! Moitas grazas e moitos bicos, profe María!!!!
 
 
 
 
 
 

domingo, 18 de novembro de 2012

POLO SAN MARTIÑO, TROMPOS AO CAMIÑO

O refrán que eliximos para este mes fala de TROMPOS. No calendario que temos no cole buscamos que día era San Martiño e atopámolo escrito debaixo do día 11 de novembro. Pero non todos sabíamos o que era un TROMPO! A profe sacou un do caixón da súa mesa e tentou bailalo. Non é nada doado (a profe conseguiuno ao terceiro intento!). Algún lembrou que o experto en bailar o trompo é o profe Rafa. Temos que dicirlle que nos aprenda a bailalo! Gustounos moito e logo xogamos a bailar coma trompos. Iso si que se nos dá ben pero hai que ter coidado cos mareos!
 

 

XEROGLÍFICOS

 
 
Os antigos exipcios non empregaban as letras do noso alfabeto para escribir, facíano con xeroglíficos. Neste enlace puidemos xerar os nosos CARTUCHOS EXIPCIOS cos nosos nomes en xeroglífico. Logo imprimímolos e puidemos ver que estaban escritos en vertical, así que para ver a que letra correspondía cada debuxo, tivemos que escribir o noso nome tamén en vertical. Outro día escribimos todo o ABECEDARIO, cada letra ao lado do seu debuxo correspondente, e logo buscamos as letras dos nosos nomes. Atopamos diferenzas entre os xeroglíficos da páxina de internet e o abecedario que trouxo a profe. Andamos algo liados con tanto debuxo...Temos que seguir investigando a ver que pasa!