
Acaba o mes de NOVEMBRO e aquí tedes o resumo. Lembrades o refrán?: POLO SAN MARTIÑO, TROMPOS AO CAMIÑO.
Hoxe a profe contounos que estábamos de celebración, que o 20 de novembro era o DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS E NENAS. Como iso dos dereitos nos soa un pouco raro, coa axuda de POCOYO (a el si que o coñecíamos todos!) imos ir descubrindo cales son os nosos dereitos. O primeiro que coñecimos foi que todos temos dereito a ter unha familia que nos queira e nos coide. Eli, a elefanta amiga de Pocoyo, ten unha boneca á que coida e quere como unha mamá. Eli e a boneca forman unha familia de dúas personas. Os marcianos forman unha familia de tres personas. Entón puxémonos a falar das nosas familias: con quen vivimos, cales son as personas que nos queren e nos coidan... Temos familias de tres, catro, cinco, seis...ata oito personas chegamos a contar nalgunha das nosas familias!! Quérennos, cóidannos, dannos mimiños, bicos, apertas... Nós tamén vos queremos!!
O refrán que eliximos para este mes fala de TROMPOS. No calendario que temos no cole buscamos que día era San Martiño e atopámolo escrito debaixo do día 11 de novembro. Pero non todos sabíamos o que era un TROMPO! A profe sacou un do caixón da súa mesa e tentou bailalo. Non é nada doado (a profe conseguiuno ao terceiro intento!). Algún lembrou que o experto en bailar o trompo é o profe Rafa. Temos que dicirlle que nos aprenda a bailalo! Gustounos moito e logo xogamos a bailar coma trompos. Iso si que se nos dá ben pero hai que ter coidado cos mareos!
Hoxe tivemos unha clase de música con sorpresa. O profe Felipe trouxo un maletín pequeno moi misterioso. Todos queríamos saber que había dentro e axiña foron aparecendo unhas pezas moi estranas: CAMPÁ, BARRILETE, CORPO, CHAVES, BOQUILLA, CANA e ABRAZADEIRA. Por separado non dicían nada pero nun abracadabra aquelas pezas xuntáronse e convertíronse nun instrumento musical: era un CLARINETE!! Logo veu o momento de facer silencio e escoitar como soaba: quedamos abraiados. E para rematar, todos buscamos o noso dedo matapiollos da man esquerda (que nos levou un tempo e moita concentración) e un a un fomos axudando ao profe a tocalo. É que somos uns artistas...!! Moitas grazas, profe Felipe!!
A segunda semana de novembro está adicada á TRADICIÓN ORAL. Este curso imos celebrala mergullándonos no mundo das ADIVIÑAS. No seu libro: AS ADIVIÑAS, Azucena e Dolores Arias Correa, refírense ás adiviñas como xogos e como xénero da literatura oral popular: "Os xogos de acertar son moi atractivos para nenos e nenas porque se centran nos seus desexos de desvelar misterios, pero tamén foron e serán fórmulas que permiten achegar ás persoas a linguaxe poética encol das cousas, animais e feitos que ocorren no seu redor."
Nós xogamos hoxe ás adiviñas co conto: Los sonidos de...EL BOSQUE, da editorial Combel, cheo de ventaniñas que agachaban as solucións. Acertamos case todas e pasámolo moi ben! Logo tentamos aprender unha para poder dicila na casa:
A semana pasada ZAPATOCAS tíñanos unha sorpresa: buscara todos os libros que había na biblioteca de Leiro e que falaban de EXIPTO e puxéraos enriba dos andeis para poder miralos. Pero onde hai que gardar os libros de EXIPTO se queremos colocalos no seu sitio? Investigamos que tiñan en común todos os libros e vimos que tiñan un número: o 9, e unha pegatina de cor branca. Puxémonos a buscar máis libros con pegatina branca e... apareceron moitísimos máis!! Están no andel co número 9, correspondente aos libros de HISTORIA. Isto serviunos para comprobar que había dous libros con erros: un tiña a pegatina amarela e o número 8 (estaba no andel equivocado) e outro tiña pegatina amarela e número 9 (había que cambiarlle a cor da pegatina por unha branca). Axiña solucionamos estes dous problemiñas coa axuda da profe. Canto nos gusta facer de detectives!!

Que ben o pasamos na FESTA DO MAGOSTO-SAMAÍN do martes!! Na primeira parte da mañá, fixemos unha chea de actividades:

Logo tocou merendar (fóra, que o tempo acompañou) e xogar mentres agardábamos a chegada do MAGO NOEL. Cando tivo todo preparado, asistimos ao seu impresionante espectáculo de maxia co que nos deixou a todos abraiados.