Alicia fixo filloas coa súa yaya e despois a súa avoa mandoulle rosquillas e orellas. Non se pode pedir máis! Co seu traxe de cociñeira... mans á obra! Vaia pinta teñen esas sobremesas de Entroido!
Imaxe: Ricardo Liniers Siri
luns, 8 de febreiro de 2021
MARTÍN É DE...FILLOAS!
Martín púxose a cociñar e ao acabar... púxose a merendar! Comeu tres filloas recheas de caramelo e de crema de cacao. Debían de estar ben boas! Vaia cociñeiro estás feito, Martín!
domingo, 7 de febreiro de 2021
MATEO É DE...ORELLAS!
Mateo animouse a cociñar orellas o domingo á tarde e pasaouno xenial amasando. A cociña encheuse de fariña e de azucre pero o resultado foi inmellorable: vaia pinta teñen estas orellas de Entroido!
sábado, 6 de febreiro de 2021
CARLA É DE...FILLOAS!
E a primeira cociñeira que fixo unha sobremesa de Entroido foi...Carla! Aquí está mans á obra na cociña coa súa avoa. Dá gusto velas cociñar en familia e máis gusto aínda desfrutar das filloas. Vaia pinta que teñen!
venres, 5 de febreiro de 2021
SEMANA DE ENTROIDO: O MECO MANDA!
O vindeiro venres día 12 de febreiro celebraremos
a festa de Entroido en cada aula. Este ano imos ir disfrazados de ANIMAIS. Para
ter máis opcións, podemos elixir un animal que exista (calquera que se vos
ocurra) ou un animal imaxinario (dragón, unicornio, rato Pérez, un animal
protagonista dun conto que nos guste…)
Seguindo un ano máis na liña de empregar menos
plásticos no cole e a regra dos 3R (Reciclar, Reutilizar e Reducir), cada
familia encargarase do disfrace do seu fillo ou filla. Para que vos sexa máis
doado aquí vos deixamos algunha suxestión: empregando roupa que xa temos na
casa, reutilizando algún disfrace doutros anos (perrucas de cores, diademas con
antenas ou cornos, medias de cores…) reciclando materiais (teas, lazos,
cartóns, xornais, caixas de ovos, envases de iogur…), levando algo que nos
poidan prestar… Tamén podedes traer un pixama deses enteiros dalgún animal, se
xa o tedes na casa. Trátase de ter que mercar o mínimo e poñer a
imaxinación a funcionar ao máximo. Canta máis variedade haxa, máis vistoso
quedará!
Para merendar, ese día podemos traer, a nivel
individual, algún doce típico do Entroido que nos guste.
Pero a Semana de Entroido comeza o luns e o MECO xa
ten preparadas as súas ordes deste ano:
ORDES DO MECO ENTROIDO 2021
- Luns 8 de febreiro: traemos as uñas
pintadas
- Martes 9 de febreiro: vimos vestidos con
roupa colorida (cores mesturadas, estampados de calquera tipo: raias,
lunares, flores, estrelas...)
- Mércores 10 de febreiro: traemos calcetíns
diferentes por fóra do pantalón (canto máis coloridos, mellor)
- Xoves 11 de febreiro: vimos ao cole en pixama
- Venres 12 de febreiro: traemos o noso disfrace do ANIMAL que
prefiramos
Animádevos a participar!
E TI, ES MÁIS DE FILLOAS OU DE ORELLAS?
Aproveitando que estamos en tempo de Entroido estivemos mirando "revistas do súper" para ver alimentos de tempada e a que non sabedes que atopamos? As receitas das filloas e das orellas! Puxémonos mans á obra e apuntamos que ingredientes se necesitan para facelas. Despois escaneamos o código QR coa tablet e limos o modo de preparación.
Cada persoa ten o seu truco ou o seu ingrediente especial á hora de facer as sobremesas de Entroido. Sodes máis de filloas ou de orellas?
Se esta fin de semana vos animades a cociñalas, estaremos encantados de recibir as vosas fotos.
O vídeo de Antonio, O Entroido e as...filloas? de Cativos na Cociña, ten sorpresa final. Tedes que velo para descubrila!
martes, 2 de febreiro de 2021
2 DE FEBREIRO: DÍA DA CANDELORIA
Hoxe, 2 de febreiro, celébrase o Día da Candeloria: o día do ano no que casan os paxariños ou a Festa da Luz. Neste enlace podedes ler algo máis sobre a orixe desta festividade. O refraneiro popular afirma que medio inverno xa vai fóra e que a partir desta data, ningunha ave voa soa. A nós gustounos moito isto de que os paxariños se namoren. Limos o conto A carriza Aurora, ilustrado por Mon Daporta, que nos fala da rutina diaria dunha carriza que se ergue antes de que saia o sol e se prepara para saudalo cantando ao abrente. Xa de paso esperta cos seus rechouchíos os habitantes do rueiro. Podedes lelo outra vez picando no documento que aparece neste enlace.
Falamos de paxaros e das aves que temos como mascotas: o canario de Marta, as ocas de Martín e a ninfa de Sofía.
Tamén vimos o abecedario de paxaros ilustrado por Mon Daporta e escoitamos a canción Voa paxariño de Magín Blanco.

















