Imaxe: Ricardo Liniers Siri

mércores, 2 de marzo de 2016

MARISCAR: UNHA ARTE DA MAN DE LUCÍA

Á hora do patio tocaron o timbre e vaia sorpresa! Lucía, co traxe de mariscadora, apareceu na porta preguntando que quen lle axudaba a traballar. Unha chea de manciñas alzáronse e con axuda de rastrelos e caldeiros fomos mariscar...ao noso areeiro! Chegara o mar ata Ribadumia e comezaron a aparecer bivalvos da ría: vieiras, volandeiras, buguinas e mexillóns por riba da area e pegados ás rochas. Pero debaixo da area...berberechos e ameixas que collemos coa axuda dos rastrelos. Un pouco máis aló, onde había máis auga do mar, navallas e longueiróns que houbo que recoller a man para que non romperan cos rastrelos, fixándose ben nos buratiños que había na area. Xa cos caldeiros cheos fomos para adentro a facer reconto e clasificar todo o recollido. Lucía trouxo un libro onde aparecen fotos e grazas á súa axuda aprendemos a diferenciar as navallas (cunha curva) dos longueiróns (máis tesos), as diferenzas entre os distintos tipos de ameixas (babosa, fina, xapónica...), como medran as cunchas (cada raia é un chisco máis que medrou), as diferenzas entre zamburiñas, vieiras e volandeiras... E para rematar agasallounos cun libro e cunha "medalla-cuncha" para cada un de nós de recordo. Moitísimas grazas, Lucía, polo agarimo co que preparaches a sesión e por canto aprendimos contigo hoxe. Como din Os Arroases... o sabor da aventura está no mar!









Ningún comentario:

Publicar un comentario