Esta mañá apareceu unha maleta na escola. Para que serve unha maleta? Para ir de viaxe! Quen a deixaría? Ninguén sabía nada. Que haberá dentro? Ladrillos, peluches, unha almofada, unha manta, unha toalla, xoguetes, bocadillos, pedras, vasos...
Por fin abrímola e dentro atopamos...
Un debuxo dun home, dous planisferioS, un xogo de imáns e dous libros con títulos parecidos pero un con "debuxos e letras" e outro só con "letras".
Detrás do debuxo do home puidemos ler de quen se trataba: Xulio Verne, novelista francés que escribiu moitas historias mesturando ciencia e imaxinación. Pasáballe un pouco como a Leonardo da Vinci, que imaxinaba máquinas que aínda non existían. Xulio Verne escribiu novelas describindo o fondo dos mares desde un submarino, sulcou os aires en globo ao longo de cinco semanas, viaxou ao centro da terra e deu a volta ao mundo en 80 días, entre outras moitas aventuras.
La vuelta al mundo en 80 días o quién es el más rico comeza con algo que nos chamou a atención: unha especie de calendario con apuntamentos de medios de transporte e algunha pista máis sobre a viaxe que estamos a piques de comezar.
Contamos ata o 80! Cantos días fóra da casa viaxando polo mundo adiante!
Comezamos a ler e coñecimos o protagonista desta aventura: Phileas Fogg, un inglés moi riguroso ao que lle encanta a puntualidade e facer cada cousa á hora exacta.
E como consegue isto? Pois grazas ao seu reloxo, que é como o que aparece na capa do libro: un reloxo de peto antigo.
Miramos na nosa aula. Nós temos un reloxo? Pois si. Un reloxo de parede que nos axuda a saber cal é a hora de entrada, a hora da merenda, a hora do patio, a da saída...
Os reloxos axúdannos a non chegar tarde para que as cousas funcionen correctamente. Chegar tarde pode supoñer a perda dun tren ou dun avión, que alguén teña que agardarnos...
Hai moitos tipos de reloxos. Seguro que nas nosas casas temos varios: de parede, de pulso, espertadores... Hainos grandes e pequenos, dixitais e analóxicos, de cuco, de péndulo, con diferentes formas e debuxos, de sol, de area...
Esta fin de semana imos buscar diferentes tipos de reloxos na nosa casa, na casa dos avós, na rúa... e facerlles fotos para mandar ao cole. Axudádesnos?
Ningún comentario:
Publicar un comentario